O prazo de presentación finalizou o 16/07/2016

IG191 - BOLSAS FORMATIVAS PARA A REALIZACIÓN DE PROXECTOS DE MELLORA DAS PEMES GALEGAS (2016)

Finalidade / Obxectivo

O obxecto destas axudas é a concesión de 100 bolsas para a realización de prácticas formativas incardinadas en programas de mellora nas pemes galegas, segundo o Plan Formativo do anexo III destas bases, coa finalidade de formar a titulados universitarios en diversas áreas relacionadas coa profesionalización e desenvolvemento estratéxico da empresa.
Os titulados participarán nun itinerario formativo especificamente deseñado para a participación no programa, e realizarán prácticas formativas baixo a tutela de axentes colaboradores do Igape en proxectos de mellora de pequenas e medianas empresas, apoio ao emprendedor ou proxectos colaborativos de asociacións ou clusters empresariais, período no que recibirán formación e titorización directamente por parte do axente colaborador.

Tipos de apoio

Bolsas en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciais

Poderán presentar solicitude para acollerse a estas bolsas aqueles titulados que cumpran os seguintes requisitos:

1. Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun estado membro da Unión Europea e estar empadroado nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Cumprir os requisitos do art. 10 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, para ser considerado beneficiario de subvencións.

3. Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións universitarias na data en que finaliza o prazo de presentación de solicitudes: física, enxeñería, matemáticas, química, administración e dirección de empresas, economía, dereito, bioloxía/biotecnoloxía e farmacia. A titulación deberá terse obtido con posterioridade ao 31 de decembro de 2009.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros privados españois deberán estar homologados polo Ministerio de Educación español na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

4. Non ter desfrutado con anterioridade ningunha outra bolsa do Igape.

5. Non ter desfrutado doutra bolsa concedida por outros organismos. Exceptúanse as bolsas de estudos desfrutadas durante os anos escolares ou universitarios.

6. Non ter desempeñado con anterioridade algún traballo profesional para o que se requirise a mesma titulación esixida nesta convocatoria, en virtude de calquera tipo de contrato laboral de duración igual ou superior a seis meses, o cal se acreditará mediante informe de vida laboral da Seguridade Social.

7. Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que imposibilite o cumprimento das súas obrigas como bolseiro.

8. Estar ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración Pública da Comunidade Autónoma.

Requisitos principais do proxecto

* Duración e destino:

A duración inicial da bolsa establécese nun máximo de 12 meses, contados desde a asignación do bolseiro ao seu destino, podendo ser prorrogada polo Igape por un período máximo de ata catro meses adicionais. As prórrogas das bolsas poderanse conceder, mediante resolución motivada, en función da necesidade de finalizar unha parte do programa formativo que xa tivera comezado ou estivera a piques de comezar.

As bolsas desfrutaranse en destinos escollidos polo Igape, baixo a supervisión de axentes colaboradores concertados que participen na prestación ás pemes de servizos de mellora da competitividade.

Poderanse establecer listas de reserva para cubrir posibles desistencias ou renuncias por un tempo que cubrirá unicamente o que reste desde a data de inicio da nova bolsa concedida ata a data de finalización que tivese a bolsa inicial. Non poderán concederse bolsas para suplir renuncias ou incidencias por un tempo inferior a catro meses.

* Programa de formación teórica:

Durante a execución do programa de bolsas, o Igape organizará un curso de formación teórica destinado aos bolseiros seleccionados.

Este curso terá a consideración de non computable no período da bolsa, será gratuíto e non remunerado e será obrigatorio para participar nas prácticas formativas, entendéndose a non asistencia como renuncia á solicitude, procedéndose ao arquivo da mesma.

Cualificación requerida do proxecto

a) Presentadas as solicitudes, as mesmas serán avaliadas de acordo co seguinte baremo:

Ata 5 puntos polo expediente académico, segundo a media que se ache utilizando o seguinte baremo de puntuación:
Matrícula de honra - 5 puntos
Sobresaínte - 4,5 puntos
Notable - 3,5 puntos
Aprobado - 2,5 puntos

b) Ata 1,5 puntos pola formación específica nos ámbitos relacionados no artigo 1 destas bases (masters, curso de postgrao, cursos ou similares), polo que os candidatos que acrediten a realización dun curso completo nesta materia de duración igual ou superior a 600 horas ou 60 créditos obterán 1,5 puntos neste apartado, ou 0,75 se o curso acreditado é de duración igual ou superior a 300 horas ou 30 créditos e inferior a 600 horas ou 60 créditos. Corresponde á Área de Competitividade a avaliación da similitude ou relación dos méritos aportados co obxecto da convocatoria.

c) 1,5 puntos se a titulación que acredita o candidato é unha das seguintes titulacións superiores:

Administración e Dirección de Empresas
Economía
Ciencias Empresariais
Enxeñería Industrial, Enxeñería Informática e Enxeñería en Telecomunicacións.

d) 1 punto polo coñecemento dalgún idioma estranxeiro a nivel polo menos B2 segundo o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas, acreditado mediante título oficial.

A suma total destas puntuacións será como máximo de 9 puntos.

Unha vez baremadas as solicitudes, publicarase no taboleiro de anuncios e na web www.tramita.igape.es a proposta de resolución provisional do procedemento, que incluirá unha lista de bolsas concedidas ata un máximo de 100 (as que obtiveran a máxima puntuación no baremo), unha lista dun máximo de 100 bolsas en posto de reserva, e unha lista de solicitudes arquivadas.

Na proposta provisional concederase aos titulares de solicitudes provisionalmente concedidas ou en posto de reserva un prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación, para presentar a documentación acreditativa das circunstancias alegadas nas súas solicitudes ou as alegacións que consideren oportunas, con indicación de que se non o fixesen se lles terá por desistidos da súa solicitude, arquivándoa sen máis trámite.

A resolución definitiva será publicada na páxina web do Igape.

Contía das axudas

As bolsas estarán dotadas cunha cantidade base anual de 10.800 euros brutos por bolsa. En caso de prórroga da bolsa, a dotación incrementarase proporcionalmente segundo a duración da prórroga.

Considéranse incluídos dentro da dotación da bolsa a seguridade social, no seu caso, os impostos de carácter persoal así como todos os gastos en que teña que incorrer o bolseiro para o desenvolvemento das fases teóricas ou prácticas da bolsa.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Incompatibilidades

Estas bolsas son incompatibles con calquera outra bolsa ou axuda de similares características, así como con calquera relación laboral ou de prestación de servizos remunerada do bolseiro durante o período de formación práctica.

A obtención doutras axudas recibidas para a realización do proxecto obxecto da bolsa deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a memoria final da bolsa. En todo caso, antes de conceder a bolsa, solicitarase do solicitante unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre outras axudas recibidas para a realización do proxecto obxecto da bolsa.

Referencia lexislativa

Resolución do 3 de xuño de 2016 (DOG Nº114 do 16/06/2016) - Bases reguladoras e convocatoria

Información e tramitación en

Información:

- Nas oficinas do Igape
- Por teléfono: 900 81 51 51 / 981 54 11 47
- Por correo electrónico: informa@igape.es
- Na web do Igape: www.igape.es

Tramitación:

Os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante a través da aplicación de axuda establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

Co fin de prestar asistencia para cubrir o cuestionario, o Igape pon a disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través dos números de teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47.

As solicitudes presentaranse mediante a instancia normalizada que se xunta como anexo I, nas que será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior e adxuntar ao formulario de solicitude o currículo vitae.

Formas de presentar a solicitude:

- Telemáticamente: Neste caso o solicitante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido.

- En papel: xerar a instancia de solicitude (Anexo I) na opción Ver instancia e presentala nun rexistro do Igape ou en calquera outro rexistro público acompañada do currículo vitae.