O prazo de presentación finalizou o 28/02/2017

IG190 - AXUDAS AOS SERVIOS DE ANÁLISE POTENCIAL COMPETITIVO, PROFESIONALIZACIÓN E DESENVOLVEMENTO ESTRATÉXICO (PROGRAMA REACCIONA)

Finalidade / Obxectivo

O programa Re-Acciona queda configurado como un programa de servizos a pemes que, a través das empresas prestadoras de servizos -seleccionadas mediante procedemento aberto, permítelle ás pemes executar proxectos de mellora en distintos ámbitos: análise de negocio, profesionalización (en vendas, produción, calidade, imaxe corporativa e financiamento) e desenvolvemento estratéxico (construción de estratexia, execución de plans, planificación da sucesión en empresa familiar, reorientación de negocio, e cooperación).

Tipos de apoio

Axudas en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciais

As pequenas e medianas empresas (pemes), incluíndo os autónomos, comunidades de bens, asociacións, fundacións ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, leven a cabo actividade empresarial. En calquera caso, deberán ter radicado algún centro de traballo en Galicia e cumprir a definición de peme.

Sectores incentivables

Todos.

Requisitos principais do proxecto

Para solicitar as axudas para a prestación dos seguintes servizos, e tendo en conta as súas especiais características, as pemes deben cumprir as seguintes condicións:

a) Para o servizo definido no artigo 1.1.c) 1º “Servizo de construción dun proxecto de futuro e plan de mellora empresarial”, as pemes deben ter realizado previamente unha análise da empresa que achegue a información necesaria para o arranque do servizo, ou comprometerse a realizalo durante a primeira fase do mesmo.

b) Para o servizo definido no artigo 1.1.c) 2º “Servizo de Asesoramento no desenvolvemento de plans de acción”, as pemes deben ter desenvolvido previamente un plan estratéxico que dese orixe aos plans de acción que se van desenvolver.

Investimentos ou gastos computables

1. O Igape poderá conceder axudas ás pemes destinatarias dos seguintes servizos de análise de potencial competitivo, profesionalización e desenvolvemento estratéxico (Programa Re-Acciona), integrados en tres categorías:

a) Análise de potencial competitivo. Estudaranse os diversos factores que definen a capacidade da empresa para competir no mercado, en canto á estrutura do negocio, dos procesos e da cultura organizativa. Como resultado obterase un informe no que se establece a posición actual da empresa e se dan as pautas a seguir para a súa mellora.

b) Profesionalización:

1º Servizos de mellora da xestión financeira e procura de financiamento. Analizarase a condición económico-financeira da empresa, establecendo e optimizando as súas necesidades financeiras a curto e medio prazo e formalizándoas nun Plan de Mellora da Xestión Financeira.

2º Servizos de optimización dos procesos de produción e cadea loxística: o servizo adaptará á realidade da empresa esquemas de produción que melloren o seu traballo: estandarización de procedementos de traballo, eliminación do despilfarro, programación da produción e aseguramento do cumprimento de prazos e control da calidade.

3º Relanzamento comercial. Formalizaranse os procedementos de comercialización: análise da oferta actual de produtos e a súa adaptación aos clientes da empresa, formalización dunha carteira de produtos e dunha estrutura de prezos axeitada, establecemento dun procedemento formal de xestión de oportunidades comerciais e captación de clientes.

4º Implementación de xestión por procesos. Analizaranse os procesos operativos da empresa e a implementación dun modelo de xestión baseado en procesos.

5º Imaxe e comunicación empresarial. Ordenarase a imaxe corporativa e as responsabilidades de comunicación dentro da empresa, seguindo un enfoque de comunicación estratéxica.

c) Desenvolvemento estratéxico:

1º Desenvolvemento estratéxico integral da empresa. Unha vez analizada a situación da empresa mediante a análise do potencial competitivo –ou por outro medio equivalente-, elaborarase de maneira conxunta coa empresa un proxecto de futuro para a mesma que a provea cos plans necesarios para acadar o seu obxectivo titorizando este proceso para executar ao menos un plan transversal. Existirán dúas modalidades de servizo, que poderán levarse a cabo en secuencia:
i) Construción dun proxecto de futuro e plan de mellora empresarial.
ii) Asesoramento no desenvolvemento de plans de acción.

2º Plans e protocolos de empresa familiar. Planificarase o proceso de sucesión familiar mediante a elaboración dun plan no que se detalle o dito proceso e dun protocolo que estableza as regras polas que se debe rexer a relación entre a empresa e a familia.

3º Identificación de redes de cooperación e socios. Poranse en marcha iniciativas de cooperación entre a empresa receptora do servizo e outras empresas que presenten con ela capacidades de xeración de sinerxías mediante a cooperación no aprovisionamento, comercialización dos seus produtos ou servizos, recepción de servizos profesionais, especialización en produtos ou procesos, aumento da capacidade, etc.

4º Redefinición do modelo de negocio. (dirixido preferentemente a empresas con negocios maduros, e a empresas que deban deseñar un modelo de negocio para unha nova liña de produtos). Analizarase a empresa e o entorno, co fin de redefinir radicalmente o seu negocio (ou unha das súas liñas) e orientalo a outros mercados ou produtos nos que poida gozar de vantaxes competitivas debido ás fortalezas e competencias que posúe na actualidade ou a outras que poida desenvolver vantaxosamente a partir das actuais.

2. As pemes poderán solicitar axudas para a prestación dun ou varios servizos.

3. Os servizos adaptaranse en cada unha das prestacións á realidade da peme destinataria.

4. Determinados servizos poderían contar coa participación dun bolseiro tutelado polo axente colaborador do Igape, o cal será determinado pola dispoñibilidade dos mesmos no Igape, e pola especificidade do servizo a prestar.

Contía das axudas

As axudas previstas nestas bases reguladoras configúranse como axudas en especie. A dita axuda confórmase como a diferenza entre o custo aboado polo Igape pola prestación do servizo e o importe esixido ás beneficiarias en concepto de cofinanciamento.

A diferenza entre o custo do servizo e o cofinanciamento privado terá a consideración de axuda en especie, en réxime de minimis, e a súa contía indicarase na resolución de concesión.

Prazo de presentación de solicitudes

Os prazos para a presentación de solicitudes serán os seguintes:

Convocatoria // Inicio do prazo - Fin do prazo
2016-1 // 01/08/2016 - 16/09/2016
2016-2 // 19/09/2016 - 21/10/2016
2016-3 // 24/10/2016 - 25/11/2016
2017-1 // 13/01/2017 - 28/02/2017

As empresas que, cumprindo as condicións para seren beneficiarias, resulten rexeitadas nunha convocatoria debido ao esgotamento dos servizos previstos poderán presentar nova solicitude en convocatorias posteriores.

Os períodos de admisión de solicitudes anunciaranse na páxina web do Igape (http://www.igape.es/reacciona) e na súa oficina virtual (http://tramita.igape.es), e serán os especificados na convocatoria.

Referencia lexislativa

Resolución do 19 de xullo de 2016 (DOG Nº146 do 03/08/2016) - Bases reguladoras e convocatoria
Resolución do 3 de outubro de 2016 (DOG Nº193 do 10/10/2016) - Modificación
Resolución do 14 de novembro de 2016 (DOG Nº223 do 22/11/2016) - Modificación
Resolución do 27 de febreiro de 2017 (DOG Nº45 do 06/03/2017)- Modificación.

Información e tramitación en

Para presentar a solicitude, as pemes deberán cubrir previamente un formulario a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es.

Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizada co IDE (anexo I).

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude, tamén se poderá presentar en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992.