O prazo de presentación finalizou o 31/10/2016

IG206 - MICROCRÉDITOS - BONIFICACIÓN DOS CUSTOS DO FINANCIAMENTO DAS MICROEMPRESAS TITULARES DE PRÉSTAMOS INFERIORES A 25.000 EUROS (2016)

Finalidade / Obxectivo

Bonificación dos custos do financiamento dos investimentos das microempresas de Galicia, titulares de préstamos inferiores ou iguais a 25.000 euros instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca.

Tipos de apoio

Axudas en réxime de concorrencia non competitiva.

Beneficiarios potenciais

1. Os autónomos e aquelas empresas que teñan a consideración de microempresa. A ditos efectos, terá a consideración de microempresa, a unidade económica con personalidade física ou xurídica que reúna os seguintes requisitos:

a) Que teña menos de 10 traballadores.
b) Que teñan unha cifra de negocios anual ou balance xeral anual que non supere os 2 millóns de euros.
c) Que cumpra o criterio de independencia.

Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión da axuda.

2. Terán que ter formalizada unha operación de préstamo cunha entidade financeira adherida ao convenio de colaboración asinado ao efecto, previamente ou con posterioridade á entrada en vigor das presentes bases, con fondos do ICO das Liñas ICO-Empresas e Emprendedores 2016, ICO-Garantía SGR/SAECA 2016 ou ben con fondos da propia entidade financeira, sempre que estean avalados por unha SGR.

No caso de sociedades civís e comunidades de bens e outras entidades sen personalidade xurídica, o préstamo deberá estar formalizado a nome da entidade e deberá ser asinado por cada un dos seus membros. No caso das cooperativas, o préstamo poderá estar asinado por un representante da entidade, previa autorización dela, ou polos cooperativistas, que asumirán a débeda en proporción á súa porcentaxe de participación.

En calquera caso, os préstamos deberán estar formalizados a partir do 1 de xaneiro de 2016 e con anterioridade á data de presentación da solicitude de axuda, por un importe inferior ou igual a 25.000 euros, a un prazo igual ou superior a cinco anos e cumprir coas condicións específicas, de actividade e localización, establecidas nestas bases.

3. Os solicitantes poderán acreditar o cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou ser debedor por resolución de procedencia de reintegro mediante unha declaración responsable que se cubrirá no formulario electrónico de solicitude.

4. Ademais de reunir os requisitos establecidos para cada liña de financiamento deberán cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiario establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións e non ser consideradas empresas en crise.

Sectores incentivables

Os proxectos obxecto de financiamento a través desta liña terán que corresponderse con algunha das actividades sinaladas no anexo II.

Non obstante, no caso de proxectos que se van desenvolver por emprendedores considéranse atendibles todas as actividades, agás as excluídas nas letras c), d) e e) do artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013.

Requisitos principais do proxecto

Terán que ter formalizada unha operación de préstamo cunha entidade financeira adherida ao convenio de colaboración asinado ao efecto, previamente ou con posterioridade á entrada en vigor das presentes bases, con fondos do ICO das Liñas ICO-Empresas e Emprendedores 2016, ICO-Garantía SGR/SAECA 2016 ou ben con fondos da propia entidade financeira, sempre que estean avalados por unha SGR.

Serán atendibles, aos efectos das axudas establecidas nestas bases, os préstamos formalizados a un prazo igual ou superior a 5 anos.

Os préstamos deberán estar formalizados a partir do 1 de xaneiro de 2016 e con anterioridade á data de presentación da solicitude de axuda, os préstamos formalizados por un importe inferior ou igual a 25.000 euros.

A porcentaxe de financiamento poderá alcanzar o 100% do proxecto, non obstante a bonificación do Igape calcularase para o 75% do préstamo.

* Tipos de xuro e comisións

1. Os tipos de xuro máximos, segundo o prazo e modalidade escollida, serán os publicados quincenalmente polo ICO en www.ico.es., no apartado de tipo de xuro que figura nas fichas das liñas Liña ICO-Empresas e Emprendedores 2016, para as operacións sen aval de SGR e na ficha da Liña ICO-Garantía SGR/SAECA 2016 para as operacións formalizadas con aval dunha SGR.

2. A entidade de crédito non aplicará ningunha comisión ao cliente pola concesión do financiamento. No caso de contar con aval financeiro do 100%, a SGR poderá aplicar unha comisión de estudo máxima do 0,50% do importe total da operación.

3. As SGR poderán cobrar ao cliente en concepto de comisión de aval ate un máximo do 1% do risco vivo anual.

Investimentos ou gastos computables

O financiamento poderá destinarse aos seguintes conceptos:

a) Activos fixos produtivos novos ou de segunda man.
b) Vehículos industriais sen límite de prezo e vehículos turismos, cun prezo máximo de 30.000 euros, sen incluír o IVE.
c) Adquisición de empresas.
d) Liquidez co límite do 50% do financiamento.

Por activo produtivo deberá entenderse aqueles bens que, directa ou indirectamente, permitan realizar a actividade da empresa.

Non se concederá axuda, por parte do Igape, ao financiamento destinado a:

a) Vehículos de transporte, no sector de transporte de mercadorías por estrada.
b) Adquisición ou construción de buques de pesca.
c) O Imposto sobre o valor engadido (IVE) ou calquera outro tributo ligado ao investimento.

5. Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. Poderanse financiar investimentos realizados no prazo de execución, comprendido entre o 1 de xaneiro de 2015 ata un ano dende a formalización do préstamo. A diferenza entre os importes correspondentes aos investimentos e o importe disposto do financiamento, considérase utilizado para liquidez.

Contía das axudas

A axuda do Igape consistirá nunha axuda financeira que se deberá destinar á amortización anticipada do principal do préstamo. A dita axuda determinarase do seguinte xeito:

a) Axuda ao tipo de xuro de 1,5 puntos porcentuais, con carácter xeral e, no caso de emprendedores ou proxectos pertencentes ao sector industrial, en 0,5 puntos porcentuais adicionais.

b) Axuda do 15% sobre o tramo de préstamo que debe financiar activos fixos (calcularase aplicando a porcentaxe do 15% sobre o 50% da base de cálculo tida en conta na axuda ao tipo de xuro).

c) Axuda á comisión do aval financeiro, no seu caso, que se calculará como na axuda ao tipo de xuro.

Terán a consideración de emprendedores, de acordo coa Lei 9/2013 do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, as persoas físicas e xurídicas que se encontren realizando unha actividade empresarial ou profesional con ata corenta e dous meses de antigüidade ou ben os trámites previos para poder desenvolver unha actividade económica. Dito prazo computarase dende a data de formalización do préstamo.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes por parte do interesado no Igape, iniciarase o día seguinte ao da publicación destas bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de outubro de 2016.

Incompatibilidades

Serán compatibles con calquera outras axudas públicas ou privadas - pero en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea para as axudas de minimis; isto é, de xeito xeral as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais; para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 15.000 euros durante calquera período de tres exercicios.

Referencia lexislativa

Resolución do 2 de agosto de 2016 (DOG Nº153 do 12/08/2016) - Bases reguladoras e convocatoria 2016
Resolución do 26 de setembro de 2016 (DOG Nº192 do 07/10/2016) - Adhesión entidades colaboradoras
Resolución do 11 de outubro de 2016 (DOG Nº 209 do 03/11/2016) - Adhesión entidade colaboradora

Información e tramitación en

Para presentar unha solicitude de axuda o interesado deberá cubrir previamente un formulario descritivo da empresa, do proxecto e da operación financeira a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

Xunto co formulario de solicitude, deberase presentar a seguinte documentación:

- Póliza da operación financeira formalizada.
- DNI da persoa solicitante ou representante, só no caso de non autorizar a súa consulta.
- NIF da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.
- Certificado da AEAT de alta no Imposto de Actividades Económicas (IAE), só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizada co IDE (anexo I)

Alternativamente, tamén se poderá presentar en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992.

Observacións

Entidades financeiras adheridas ata o momento:

–- Caixa Rural Galega, Sociedad Cooperativa de Crédito Limitada Gallega
–- Banco Bilbao Vizcaya Argentaria, S.A.
–- Banco Pastor, S.A.
–- Banco Popular Español, S.A.
–- Banco Caixa Geral, S.A.
–- Abanca Corporación Bancaria, S.A.
–- Banco de Sabadell, S.A.
–- Caixabank, S.A.
–- Banco Santander, S.A.