O prazo de presentación finalizou o 28/03/2018

IG227 - PROXECTOS DE INVESTIMENTO EN EQUIPOS PRODUTIVOS (2017)

Finalidade / Obxectivo

Proxectos dirixidos a investimentos en maquinaria e outros bens de equipamento para ampliacións de capacidade, diversificación da produción ou cambio esencial no proceso de produción dun establecemento existente.

Tipos de apoio

Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia non competitiva.

Beneficiarios potenciais

1.- Pequenas e medianas empresas (pemes), calquera que sexa a súa forma xurídica. Polo que tamén poderán acceder á condición de beneficiario as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención.

a) Que proxecten levar a cabo un investimento nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Que desenvolvan no centro obxecto do proxecto algunha das actividades subvencionables que se sinalan nestas bases para cada tipo de proxecto subvencionable estando excluídas as seguintes:

i. As contempladas no ámbito de aplicación do Regulamento (UE) Nº 1388/2014, da Comisión, de 16 de decembro de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas a empresas dedicadas á produción, transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura compatibles con o mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea.
ii. As axudas concedidas na produción, transformación e comercialización dos produtos agrícolas, enumerados no anexo I do Tratado de Funcionamento da Unión Europea.
iii. As actividades do sector do aceiro, do sector do carbón, do sector das fibras sintéticas, así como a infraestrutura conexa, a produción e distribución de enerxía e as infraestruturas enerxéticas.
iv. O sector da construción naval na liña de investimentos xeradores de emprego.
v. O sector dos transportes na liña de investimentos xeradores de emprego.

c) Que acheguen para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 25% dos custos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarios as pequenas e medianas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en crise segundo a definición establecida no apartado 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014

4. Non poderán ter a condición de beneficiarios as sociedades mercantís en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei de subvencións de Galicia ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

Sectores incentivables

Anexo II das bases.

No caso de actividades vinculadas ao turismo, os proxectos subvencionables limitaranse aos de ampliación dun establecemento existente ou cambio substancial do establecemento. Será preceptivo o informe da Axencia Galega de Turismo respecto da catalogación dos proxectos.

Requisitos principais do proxecto

Serán subvencionables os proxectos de investimento en equipos produtivos, realizados por pequenas e medianas empresas, para ampliacións de capacidade, diversificación da produción ou cambio esencial no proceso de produción dun establecemento existente, que cumpran os seguintes requisitos:

1º O investimento subvencionable deberá ser igual ou superior a 50.000 euros e inferior a 900.000 euros, excluíndo impostos, taxas e arbitrios.

2º Deberá tratarse de investimento para o desenvolvemento das actividades relacionadas no Anexo II.

A axuda solicitada debe supoñer un efecto incentivador para o proxecto presentado. Para tal efecto, antes de iniciar o proxecto o solicitante deberá ter presentado a solicitude da axuda. Ningún dos custos alegados, sobre os que se solicita subvención, poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude; de ser así, a totalidade do proxecto non será subvencionable. Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución de obras ou pedido de calquera outro investimento, entendéndose por proxecto os investimentos comprendidos na solicitude da axuda. A compra dos terreos e os traballos preparatorios como a obtención de permisos e a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

Cualificación requerida do proxecto

A porcentaxe da axuda establecerase de acordo cos seguintes criterios:

a) Dimensión da empresa: máximo 15%.
Concederanse 15 puntos porcentuais no caso de pequenas empresas e 8 puntos porcentuais no caso de medianas empresas.

b) Interese ambiental do proxecto: máximo 5%.
Valorarase que conten con certificación acreditativa de ter implantado un Sistema de Xestión Ambiental, emitido por unha entidade acreditada. Concederanse 5 puntos porcentuais no caso de pequenas empresas e 2 puntos porcentuais no caso de medianas empresas.

Investimentos ou gastos computables

a) Maquinaria de proceso.
b) Instalacións específicas para a actividade subvencionable.
c) Equipos e medios de transporte interior.
d) Vehículos especiais de transporte exterior.
e) Medios de protección do ambiente asociados aos investimentos.
f) Outros bens de equipamento, entendendo como tales aqueles bens que forman parte dos activos fixos da empresa e interveñen directamente no proceso produtivo. Non se consideran bens de equipamento produtivo, as pezas de recambio nin os envases e embalaxes, aínda que sexan reutilizables.

O prazo de execución do proxecto será o proposto polo solicitante no plan de investimentos e non poderá ser superior a 6 meses, computado desde a notificación da resolución de concesión.

Os investimentos subvencionables serán os realizados e pagados dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión para os efectos de cumprir todas as condicións nela establecidas. Este prazo iniciarase na data de presentación da solicitude de axuda e rematará na data que, sexa establecida na resolución de concesión.

Para a determinación dos importes subvencionables observaranse os criterios e módulos de custo máximo subvencionable establecidos no Anexo III para os distintos conceptos que, de ser o caso, prevalecerán sobre os seus prezos de adquisición, agás que estes sexan inferiores.

Os investimentos deberán realizarse en bens novos.

Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros polo beneficiario. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena do beneficiario antes do remate do prazo de execución do proxecto.

Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades.

No caso dos activos intanxibles, para ser considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse a terceiros non relacionados co comprador en condicións de mercado, 4) figurarán no activo da empresa e permanecerán no establecemento beneficiario da axuda durante un período mínimo de 3 anos.

Cando o importe do investimento subvencionable supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente núme¬ro de entidades que as realicen, presten ou subministren.

En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Os proxectos de investimento vinculados a un contrato de xestión de servizos públicos non serán subvencionables, excepto os correspondentes as actividades que tradicionalmente se viñan prestando por empresas privadas, a risco e ventura destas e cuxos clientes son tamén empresas privadas.

Contía das axudas

A subvención poderá chegar ata o 20% dos investimentos subvencionables no caso de pequenas empresas, e ata o 10% no caso de medianas empresas.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comeza o 2 de xuño de 2017 e remata o 28 de marzo de 2018.

Incompatibilidades

Estas axudas serán incompatibles entre sí, aínda que poderán ser compatibles cos programas de axuda financeira do Instituto como poden ser, entre outros, os préstamos ou a subsidiación do tipo de xuro, ata o límite máximo de intensidade de axuda indicado no artigo 6.

Non obstante, dito límite poderá ser inferior, de acordo coa análise da normativa reguladora das axudas concorrentes.

A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza.

Referencia lexislativa

Resolución do 19 de maio de 2017 (DOG Nº 103 do 01/06/2017) - Bases reguladoras e convocatoria 2017.
Resolución do 28 de decembro (DOG Nº246 do 29/12/2017) - Ampliación prazo presentación
Resolución do 18 de febreiro de 2019 (DOG Nº40 do 26/02/2019) - Ampliación dos prazos de execución e solicitude de cobramento

Información e tramitación en

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

* Tramitación:

As solicitudes de axuda presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación www.tramita.igape.es e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo.

Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse obligatoriamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es. Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF (máx. 4 MB). O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido e será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante.

Xunto co formulario de solicitude, presentarase a documentación a que se fai referencia no artigo 7.2 das bases.

Observacións

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de 5 meses dende a presentación de solicitude de axuda.

O prazo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 30 de setembro de 2020.

Para aqueles proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 30 de setembro de 2020, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 9 de outubro do 2020