O prazo de presentación finaliza o 29/12/2017

IG190 - AXUDAS AOS SERVIOS DE ANÁLISE POTENCIAL COMPETITIVO, PROFESIONALIZACIÓN E DESENVOLVEMENTO ESTRATÉXICO (PROGRAMA REACCIONA 2017)

Finalidade / Obxectivo

O programa Re-Acciona queda configurado como un programa de servizos a pemes que, a través das empresas prestadoras de servizos -seleccionadas mediante procedemento aberto, permítelle ás pemes executar proxectos de mellora en distintos ámbitos: análise de negocio, profesionalización (en vendas, produción, calidade, imaxe corporativa e financiamento) e desenvolvemento estratéxico (construción de estratexia, execución de plans, planificación da sucesión en empresa familiar, reorientación de negocio, e cooperación).

Tipos de apoio

Axudas en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciais

As pequenas e medianas empresas (pemes), incluíndo os autónomos, comunidades de bens, asociacións, fundacións ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, leven a cabo actividade empresarial. En calquera caso, deberán ter radicado algún centro de traballo en Galicia e cumprir a definición de peme.

Para solicitar as axudas para a prestación dos seguintes servizos, e tendo en conta as súas especiais características, as pemes deben cumprir as seguintes condicións:

a) Para os servizos definidos no artigo 1.1.b (profesionalización) e 1.1.c (desenvolvemento estratéxico), as solicitantes deberán contar cun número total de empregados ou socios traballadores non inferior a 3.

b) Para o servizo definido no artigo 1.1.c) 1º “Servizo de construción dun proxecto de futuro e plan de mellora empresarial”, as pemes deben ter realizado previamente unha análise da empresa que achegue a información necesaria para o arranque do servizo, ou comprometerse a realizalo durante a primeira fase do mesmo. Así mesmo, deben contar cun equipo mínimo de 4 persoas no desenvolvemento da estratexia (que poderán ser empregados, socios ou outros colaboradores).

c) Para o servizo definido no artigo 1.1.c) 2º “Servizo de Asesoramento no desenvolvemento de plans de acción”, as pemes deben ter desenvolvido previamente un plan estratéxico que dese orixe aos plans de acción que se van desenvolver. Así mesmo, deben contar cun equipo mínimo de 4 persoas na execución de plans (que poderán ser empregados, socios ou outros colaboradores).

Cualificación requerida do proxecto

As solicitudes serán avaliadas polos servizos do órgano instrutor do Igape en función dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario e elaborará unha relación delas coa puntuación que corresponde a cada unha, en aplicación dos seguintes criterios
de valoración:

a) Segundo o número de empregados da peme no último exercicio:
De 0 a 5: 5 puntos.
De 6 a 15: 20 puntos.
De 16 a 50: 50 puntos.
51 ou superior: 35 puntos.

b) Ter desenvolvido previamente un servizo de tipo «análise do potencial competitivo», como resultado do cal se poña de manifesto a necesidade do tipo de servizo para o cal se solicita a axuda: 25 puntos.

c) Actividades preferentes da Axenda de competitividade Galicia Industria 4.0, (modelo industrial da Galicia do futuro) da estratexia RIS3 de Galicia: sector automoción e auxiliar de automoción, industria da madeira, industria de transformación agroalimentaria, sector moda (confección e complementos), industria aeronáutica e auxiliar, sector náutica deportiva e de lecer e auxiliar de náutica deportiva e de lecer, sector químico e industria farmacéutica, fabricación de material sanitario, biotecnoloxía, biomecánica, fabricación de equipamentos ambientais, fabricación de equipamentos e sistemas para instalacións de enerxías renovables, eliminación, valorización ou reciclaxe de residuos, servizos e desenvolvemento de software, sector audiovisual e desenvolvemento de contidos e centros telemáticos, loxística: 15 puntos.

d) Pola asociación a un clúster: 10 puntos.

No caso de empate na baremación, decidirase a favor do proxecto que obtivese máis puntos na valoración do criterio «a». De seguir existindo empate, decidirase pola maior puntuación no criterio «b» e así sucesivamente. Esgotados estes criterios de desempate, decidirase polo número de expediente máis baixo, que se outorga segundo a data de presentación da solicitude no Igape.

Investimentos ou gastos computables

1. O Igape poderá conceder axudas ás pemes destinatarias dos seguintes servizos de análise de potencial competitivo, profesionalización e desenvolvemento estratéxico (Programa Re-Acciona), integrados en tres categorías:

a) Análise de potencial competitivo. Estudaranse os diversos factores que definen a capacidade da empresa para competir no mercado, en canto á estrutura do negocio, dos procesos e da cultura organizativa. Como resultado obterase un informe no que se establece a posición actual da empresa e se dan as pautas a seguir para a súa mellora.

b) Profesionalización:

1º Servizos de mellora da xestión financeira e procura de financiamento. Analizarase a condición económico-financeira da empresa, establecendo e optimizando as súas necesidades financeiras a curto e medio prazo e formalizándoas nun Plan de Mellora da Xestión Financeira.

2º Servizos de optimización dos procesos de produción e cadea loxística: o servizo adaptará á realidade da empresa esquemas de produción que melloren o seu traballo: estandarización de procedementos de traballo, eliminación do despilfarro, programación da produción e aseguramento do cumprimento de prazos e control da calidade.

3º Relanzamento comercial. Formalizaranse os procedementos de comercialización: análise da oferta actual de produtos e a súa adaptación aos clientes da empresa, formalización dunha carteira de produtos e dunha estrutura de prezos axeitada, establecemento dun procedemento formal de xestión de oportunidades comerciais e captación de clientes.

4º Implementación de xestión por procesos. Analizaranse os procesos operativos da empresa e a implementación dun modelo de xestión baseado en procesos.

5º Imaxe e comunicación empresarial. Ordenarase a imaxe corporativa e as responsabilidades de comunicación dentro da empresa, seguindo un enfoque de comunicación estratéxica.

c) Desenvolvemento estratéxico:

1º Desenvolvemento estratéxico integral da empresa. Unha vez analizada a situación da empresa mediante a análise do potencial competitivo –ou por outro medio equivalente-, elaborarase de maneira conxunta coa empresa un proxecto de futuro para a mesma que a provea cos plans necesarios para acadar o seu obxectivo titorizando este proceso para executar ao menos un plan transversal.

Existirán dúas modalidades de servizo, que poderán levarse a cabo en secuencia:
i) Construción dun proxecto de futuro e plan de mellora empresarial.
ii) Asesoramento no desenvolvemento de plans de acción.

2º Plans e protocolos de empresa familiar. Planificarase o proceso de sucesión familiar mediante a elaboración dun plan no que se detalle o dito proceso e dun protocolo que estableza as regras polas que se debe rexer a relación entre a empresa e a familia.

3º Identificación de redes de cooperación e socios. Poranse en marcha iniciativas de cooperación entre a empresa receptora do servizo e outras empresas que presenten con ela capacidades de xeración de sinerxías mediante a cooperación no aprovisionamento, comercialización dos seus produtos ou servizos, recepción de servizos profesionais, especialización en produtos ou procesos, aumento da capacidade, etc.

4º Redefinición do modelo de negocio (dirixido preferentemente a empresas con negocios maduros, e a empresas que deban deseñar un modelo de negocio para unha nova liña de produtos). Analizarase a empresa e o entorno, co fin de redefinir radicalmente o seu negocio (ou unha das súas liñas) e orientalo a outros mercados ou produtos nos que poida gozar de vantaxes competitivas debido ás fortalezas e competencias que posúe na actualidade ou a outras que poida desenvolver vantaxosamente a partir das actuais.


2. As pemes poderán solicitar axudas para a prestación dun ou varios servizos, se ben non poderán solicitar un servizo do mesmo tipo que outro xa solicitado anteriormente, a menos que renuncie ao anterior ou que a súa prestación xa estivera finalizada.

3. Os servizos adaptaranse en cada unha das prestacións á realidade da peme destinataria. Para este efecto, deberán establecerse inicialmente os parámetros de cada un deles: priorización de necesidades, alcance do traballo e ámbitos complementarios necesarios. A empresa contratada polo Igape para a prestación do servizo actuará durante todo o proceso como facilitador, aportando a metodoloxía de traballo e asegurando a calidade do mesmo.

4. Determinados servizos poderían contar coa participación dun bolseiro tutelado polo axente colaborador do Igape, o cal será determinado pola dispoñibilidade dos mesmos no Igape, e pola especificidade do servizo a prestar.

Contía das axudas

As axudas previstas nestas bases reguladoras configúranse como axudas en especie. A dita axuda confórmase como a diferenza entre o custo aboado polo Igape pola prestación do servizo e o importe esixido ás beneficiarias en concepto de cofinanciamento.

O importe do cofinanciamento privado pode consultarse no artigo 3 das bases reguladoras.

A diferenza entre o custo do servizo e o cofinanciamento privado terá a consideración de axuda en especie, en réxime de minimis, e a súa contía indicarase na resolución de concesión.

As empresas que tiveran finalizado un ou varios servizos do mesmo tipo nos dous anos anteriores á solicitude aplicaráselles un incremento no seu cofinanciamento crecente dun 20% por cada un dos servizos do mesmo tipo reiterados nese período.

Prazo de presentación de solicitudes

Os prazos para a presentación de solicitudes serán os seguintes:

Convocatoria // Inicio do prazo - Fin do prazo
2017.2 // 08/07/2017 - 15/09/2017
2017.3 // 18/09/2017 - 03/11/2017
2017.4 // 06/11/2017 - 29/12/2017
2018.1 // 05/02/2018 - 23/03/2018
2018.2 // 03/04/2018 - 25/05/2018

Referencia lexislativa

Resolución do 27 de xuño de 2017 (DOG Nº do 07/07/2017) - Bases reguladoras e convocatoria

Información e tramitación en

Os solicitantes deberán cubrir un formulario descritivo do proxecto a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas e entidades sen personalidade xurídica.

No caso de que o solicitante sexa unha persoa física, opcionalmente, poderá presentar a solicitude presencialmente no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no art. 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario de solicitude normalizado (anexo I).