O prazo de presentación finaliza o 17/11/2017

IG219 - REFORMA17 - AXUDAS A PARTICULARES PARA A ADQUISICIÓN DE MATERIAIS E PEZAS DE MOBILIARIO DE COCIÑA E BAÑO (2017)

Finalidade / Obxectivo

Axudas destinadas a incentivar a demanda de materiais de rehabilitación e pezas de mobiliario para cociña e baño en Galicia, para persoas físicas, co fin de incrementar e incentivar a demanda interna e tratar de repercutir con ela nos sectores industriais e comerciais galegos, así como para a selección de entidades colaboradoras que participan na súa xestión.

Tipos de apoio

Axudas en réxime de concorrencia non competitiva.

Beneficiarios potenciais

Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas, maiores de idade, consumidores individuais, propietarias ou titulares de calquera dereito sobre inmobles do sector residencial situados na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que os bens subvencionables descritos no artigo 3 se adquiran nunha entidade colaboradora adherida ao Programa Reforma17 e se destinen ao dito inmoble.

Non poderán ser beneficiarias as persoas físicas titulares, ou socias da persoa xurídica titular, dunha entidade colaboradora, nin os seus cónxuxes ou familiares en primeiro grao.

Investimentos ou gastos computables

1. Serán subvencionables as operacións de adquisición de materiais de rehabilitación e pezas de mobiliario para cociña e baño realizadas nun establecemento de venda adherido, que cumpran as seguintes condicións:

a) Adquirir un ou varios bens obxecto de subvención en algún dos establecementos de venda adheridos á presente iniciativa.

b) Para ser subvencionable unha operación de compra deberá acadar un custo mínimo de 1.000 euros (sen incluír IVE).

c) A subvención máxima a percibir por persoa física será de 1.000 euros nunha ou varias operacións.

d) Os bens obxecto de axuda deberán ser destinados, nun prazo de 3 meses desde a solicitude, á reforma ou nova instalación de mobiliario no enderezo indicado na solicitude de axuda. Dito domicilio non poderá figurar en ningún expediente doutro solicitante de axuda ao abeiro deste programa. Os beneficiarios da axuda declararán responsablemente que o obxecto da subvención non se dedica nin se adscribe a ningunha actividade empresarial ou profesional.

e) Os establecementos de venda deberán identificar claramente os materiais e pezas de mobiliario susceptibles de axuda conforme ao establecido nestas bases.

f) Quedan expresamente excluídos: a man de obra da reforma; os electrodomésticos; as ventás e os seus marcos; portas de paso e os seus marcos; estufas e cociñas de gas, leña, pellets ou similares e radiadores de calquera tipo; cortinas e estores.

g) Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

2. Non se considerarán subvencionables os gastos e custos financeiros que sexan consecuencia do investimento nin os gastos realizados en bens usados.

3. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o día da presentación da solicitude e o derradeiro día do prazo de xustificación (01/12/2017)).

4. O IVE (imposto sobre o valor engadido) considerarase gasto subvencionable, dado que os beneficiarios son particulares, para xustificar o cal será necesario realizar unha declaración responsable (establecida na solicitude - anexo II) en que se indique que o obxecto da subvención non se dedica nin se adscribe a ningunha actividade empresarial ou profesional. Sen embargo, para calcular a contía da subvención terase en conta o prezo dos bens impostos excluídos.

En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao seu valor de mercado.

Contía das axudas

A contía da axuda será dun 20% sobre o prezo dos bens, impostos excluídos, e antes do desconto requirido no seguinte parágrafo, cun máximo acumulado de subvención de 1.000 euros por beneficiario.

A axuda do Igape virá condicionada a un desconto realizado polo establecemento de venda, que será realizado sobre a base impoñible da factura, de importe polo menos da mesma contía que a axuda outorgada polo Igape.

Polo tanto, a diferenza de prezo sobre a base impoñible resultante para o comprador dos bens obxecto de axuda será do 40% da mesma, cos límites expostos, mediante o desconto e a subvención á compra, sen prexuízo de calquera desconto adicional que se puidese obter por políticas concretas de venda ou promocións dos establecementos ou fabricantes.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda (que inclúen a documentación xustificativa e a solicitude de cobro) comezará aos 10 días hábiles desde o día seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 17 de novembro de 2017 agás que se produza o suposto de esgotamento de crédito.

Incompatibilidades

As subvencións que se outorguen ao abeiro destas bases serán compatibles con subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes doutras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Non obstante, o importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou doutros organismos internacionais, supere o 100 % do investimento subvencionable.

A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Igape tan pronto como o interesado teña coñecemento e, en todo caso, con anterioridade á xustificación do investimento realizado.

Referencia lexislativa

Resolución do 18 de setembro de 2017 (DOG Nº184 do 27/09/2017) - Bases reguladoras e convocatoria 2017
Resolución do 18 de setembro de 2017 (DOG Nº194 do 11/10/2017) - Corrección de erros

Información e tramitación en

INFORMACIÓN

1. Guía de Procedementos e Servizos.
2. Páxina web do Igape: http://www.igape.es
3. O teléfono de información do Igape: 900 81 51 51.
4. O enderezo electrónico: informa@igape.es
5. Presencialmente, nas oficinas do Igape indicadas no enderezo seguinte: http://www.igape.es/es/que-e-o-igape/onde-estamos

O Igape publicará na súa páxina web www.igape.es/reforma16 a relación actualizada en todo momento dos establecementos de venda adheridos ao programa.

TRAMITACIÓN:

A entidade colaboradora presentará telemáticamente na aplicación a solicitude de axuda unha vez asinada polo beneficiario, mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática (anexo III). Cando a aplicación informática reflicte o estado de “Crédito reservado” significa que existe crédito reservado, e indicarase a contía do mesmo.
Co formulario de remisión da solicitude (anexo III) deberase incluír dixitalmente a seguinte documentación en formato PDF cun tamaño máximo por arquivo individual de 4 MB:

a) Solicitude do beneficiario asinada (anexo II).

b) Para acreditar a vinculación da persoa solicitante co domicilio no que se realizará a reforma deberá aportar exclusivamente (non se admitirán outros documentos) un dos seguintes documentos no que estea identificado sen dúbida algunha o nome da persoa solicitante e o domicilio completo (que deben ser os mesmos que figuran na solicitude de axuda, anexo II):

1º. copia da escritura da vivenda a nome da persoa solicitante, ou
2º. certificado de empadroamento, ou
3º. recibo do imposto de bens inmobles (IBI) do domicilio da reforma a nome da persoa solicitante, ou
4º. recibo domiciliado a nome da persoa solicitante, de auga, electricidade, gas, etc do domicilio da reforma.

c) Factura xustificativa segundo os requisitos das bases.
Non se admitirán as facturas que non cumpran co indicado ou que se manipulen manualmente.

d) Xustificante bancario do pagamento realizado polo beneficiario (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso efectivo por portelo ou certificación bancaria) en que conste a data e o importe da operación, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación da persoa, empresa ou entidade que recibe o pagamento, e o concepto de tal maneira que permita concluír que se trata do pagamento pola compra realizada.

A este respecto, os xustificantes de pago emitidos de forma automática por pagamentos realizados con tarxeta bancaria no establecemento colaborador onde se realiza a compra, poderán ser válidos. Recoméndase, non obstante que nos pagos realizados por transferencia ou ingresos en efectivo se consigne no concepto o número de factura.

Os documentos xustificativos (c) e (d) deben reflexar o pago efectivo entre o día da presentación da solicitude e o derradeiro día do prazo de xustificación. Estes documentos poderán entregarse tamén como emenda da solicitude inicial, cando non estean dispoñibles no momento da solicitude, no prazo de emenda ao que se fai referencia no artigo 11, é dicir, 20 días hábiles dende a presentación da solicitude.

Observacións

O prazo máximo de xustificación estenderase ata o 1/12/2017