O prazo de presentación finalizou o 04/03/2019

IG233 - GALICIA RURAL EMPRENDE - CREACIÓN DE EMPRESAS PARA ACTIVIDADES NON AGRÍCOLAS EN ZONAS RURAIS (2019)

Finalidade / Obxectivo

Serán subvencionables os proxectos dirixidos á creación de emprego nas zonas rurais mediante axudas á primeira implantación e desenvolvemento de novas actividades económicas non agrarias viables, que deben contribuír á diversificación económica, crecemento de emprego, sostenibilidade do medio rural e equilibrio territorial, tanto en termos económicos como sociais.

A definición das zonas rurais realízase por eliminación daquelas zonas consideradas densamente poboadas (urbanas) nun territorio. No caso de Galicia, só teñen esa consideración os 7 concellos dos núcleos de poboación máis grandes da comunidade autónoma (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela). Considéranse tamén non admisibles, aquelas parroquias que están en concellos non urbanos pero si teñen parroquias que teñen esta característica (Zona densamente poboada). No Anexo VIII inclúese a relación de parroquias non admisibles aos efectos das presentes bases.

Tipos de apoio

Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia competitiva e amparada no réxime de minimis. A axuda terá carácter de pago a tanto alzado.

Beneficiarios potenciais

a) Os titulares ou membros dunha unidade familiar dunha explotación agraria que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.

A explotación agraria deberá estar inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (REAGA) e ter a cualificación de explotación agraria prioritaria no momento da solicitude da axuda.

b) As microempresas e pequenas empresas de nova creación ou que inicien unha actividade distinta á que tiña no momento da solicitude da axuda.

c) As persoas físicas que residan nunha zona rural e que creen unha nova empresa ou que inicien unha actividade distinta á que tiña no momento da solicitude da axuda.

Para estes efectos considerarase zona rural o territorio elixible segundo o previsto no artigo 1.1. destas bases reguladoras.

2. Non poderán ser beneficiarias as agrupacións de persoas xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade que careza de personalidade xurídica propia, así como as persoas xurídicas que non teñan ánimo de lucro, aínda que realicen actividade económica. Para o caso das sociedades civís, poderán ser beneficiarias aquelas que acrediten constitución en escritura pública e inscrición no Rexistro Mercantil.

Non se concederán axudas a empresas en crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise.

Tampouco poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.

Non poderán ser beneficiarias as empresas que operan no sector da pesca e da acuicultura.

Non poderán ter a condición de beneficiarios as sociedades nas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei de subvencións.

Non poderán ser beneficiarias as persoas físicas non empadroadas no medio rural, condición que se verificará no momento da solicitude e que debe cumprirse ata o fin do prazo de execución do proxecto fixado na resolución de concesión.

Non poderán ser beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas beneficiarias deste mesmo programa en convocatorias anteriores. Igualmente non poderán ser beneficiarias empresas nas que algún dos seus socios fose participe doutra empresa xa beneficiaria deste programa.

Sectores incentivables

Con carácter xeral serán subvencionables as seguintes actividades:

a) Obradoiros e fábricas destinados á produción de bens e materiais.
Non obstante o anterior, os investimentos relacionados coa utilización da madeira como materia prima ou fonte de enerxía limitaranse ás operacións de segunda transformación.

b) Transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, cando o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE).

c) Prestación de servizos en calquera sector económico (agricultura, silvicultura, sector industrial e de servizos...).

d) Prestación de servizos sociais (gardarías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas-escola...).

e) Actividades de lecer, recreativas e deportivas.

f) Artesanía e actividades artesanais.

g) Actividades baseadas nas novas tecnoloxías da información e da comunicación (TICs), innovación tecnolóxica e comercio electrónico.

h) Actividades nos sectores da enxeñería, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial, contabilidade, veterinaria.

i) Comercio polo miúdo de produtos non incluídos no anexo I do TFUE.

j) No sector da restauración turística, exclusivamente a creación de novos restaurantes situados en construcións patrimoniais senlleiras (pazos, muíños, patrimonio industrial, pallozas, faros…) e que vaian ofertar unha cociña baseada na gastronomía galega tradicional ou que con ese substrato propoñan técnicas innovadoras ou fusións con outras gastronomías do mundo.
Para estes efectos, entenderase que existe unha nova actividade cando non coincida coa actividade preexistente a nivel de tres díxitos da Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE), e os gastos e/ou investimentos derivados da súa posta en marcha estean claramente vinculados á nova actividade.

Non se considera que existe nova actividade se a persoa física ou calquera dos socios dunha peme desenvolvese a mesma actividade por conta propia nos 12 meses anteriores á data da solicitude de axuda.

Requisitos principais do proxecto

Os proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Non ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda.

b) Os gastos e/ou investimentos incluídos no plan de negocio que deberá presentar o solicitante terán que estar localizados no centro de traballo da empresa en Galicia.

c) Será obrigatoria a creación dun mínimo de 1 emprego, ben sexa por conta propia ou indefinido por conta allea. A creación de emprego considerarase en unidades UTA. Para estes efectos, considérase (UTA) unha unidade de traballo anual, e equivale ao traballo dunha persoa na empresa en cuestión ou por conta da dita empresa a tempo completo durante todo o ano de que se trate. O traballo das persoas que non traballan todo o ano, ou traballan a tempo parcial, independentemente da duración do seu traballo, ou o traballo estacional, computarase como fraccións de UTA. No caso de creación de emprego a tempo parcial, acumularanse as fraccións ata acadar a unidade, non computando creacións de emprego por fraccións UTA restantes.

O plan de negocio que amose a viabilidade da iniciativa, axustarase aos contidos definidos no formulario electrónico de solicitude de axuda, debendo referirse exclusivamente a unha única actividade, ao marxe doutras que poida desenvolver o solicitante.

Cualificación requerida do proxecto

1. A axuda terá carácter de pago a tanto alzado e concederase pola execución dun Plan empresarial ou Plan de negocio que terá unha duración de 18 meses.

2. Os solicitantes haberán de presentar un Plan empresarial ou Plan de negocio que mostre a viabilidade da iniciativa. O plan poderá comezar a aplicarse desde o día da solicitude de axuda e como máximo dentro dos nove meses seguintes á data en que se adopte a decisión pola que se concede a axuda.

Deben ser proxectos viables financeiramente e axustarse á normativa sectorial correspondente (comunitaria, estatal e autonómica) e o promotor non debe estar suxeito a situación ou procedemento xurídico e/ou administrativo que o inhabilite para poder optar á subvención.

3. Dependendo da natureza e da magnitude da actuación proxectada, e con maior extensión e concreción en función destes principios, deberá incluírse un capítulo específico sobre problemas relacionados co cambio climático, centrado nas medidas de mitigación e adaptación que se adoptarán.

4. As operacións non deben estar iniciadas na data de presentación da solicitude e deben desenvolverse no ámbito xeográfico das zonas definidas como rurais de Galicia. Ademais deben ser finalistas e cumprir os obxectivos para os que foron aprobados no momento da certificación final, non admitíndose fases de proxectos.

Poderán ser beneficiarios da axuda os proxectos que acaden un mínimo de 30 puntos de acordo co seguinte baremo xeral (puntuación máxima 100 puntos):

a) O sector de actividade a que se dirixe o proxecto (máx. 20 puntos). Aos proxectos dos sectores relacionados no anexo III destas bases asignaránselle 20 puntos; resto de actividades 0 puntos.

b) O valor engadido medio xerado pola actividade económica en que se vai encadrar o proxecto (en función da ratio asignable a cada sector de actividade a 2 díxitos), segundo as táboas indicadas no anexo IV destas bases (máx. 20 puntos).
A puntuación vén dada por aplicación da seguinte fórmula: (valor engadido medio do sector x 20) / 98,34%, sendo 98,34 o valor máis alto do Valor Engadido Bruto Medio por sectores de actividade.

c) Compromiso de creación de emprego (máx. 25 puntos). Outorgaranse 5 puntos pola creación de cada novo emprego – en termos UTA - por conta propia ou indefinido por conta allea.

d) Achega económica prevista por parte dos promotores ao proxecto en relación ás necesidades financeiras globais (máx. 25 puntos).
A puntuación será a resultante de aplicar a seguinte fórmula:
Puntos= X/70 * 25 puntos, onde “X” é a porcentaxe de fondos propios en relación ao custo total do proxecto.

e) Potenciación da exportación que poida supor a actividade (máx. 10 puntos). Os proxectos que contemplen no plan de negocio inicio de exportación de produtos/servizos ou incrementos dos mesmos, obterán 10 puntos.

Investimentos ou gastos computables

Para os efectos de cálculo da subvención a fondo perdido serán elixibles os investimentos materiais e inmateriais contemplados no Plan de negocio, coas seguintes consideracións respecto das seguintes partidas:

a) Adquisición de terreos. Máximo un 10% do total de custos elixibles.

b) Adquisición de inmobles, que só poderán ser utilizados en relación cos obxectivos do proxecto. O seu importe non superará o 50% da base elixible. Neste caso, deberá achegarse certificado dun taxador independente debidamente acreditado ou dun órgano ou organismo público debidamente autorizado, no que:
1º Se acredite que o prezo da compra non excede do valor de mercado.
2º Se detalle o prezo de compra, discriminando o valor do terreo do valor da edificación.

c) Obra civil para construción, reforma ou habilitación de instalacións, suxeitos aos módulos máximos que se indican no anexo V.

d) Bens de equipamento: maquinaria de proceso, equipamentos informáticos, mobiliario, instalacións específicas para a actividade subvencionable, elementos de transporte interno, e equipos de protección do ambiente.

Os bens e equipamento de segunda man, sempre que:
1º Estea expresamente recollido no PDR de Galicia 2014-2020.
2º Non foran obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.
3º O prezo non sexa superior ao valor de mercado e sexa inferior ao custo dos bens novos similares, para o que deberá achegarse certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial.

e) Activos inmateriais, tales como adquisición de dereitos de patentes, licenzas, Know how e coñecementos técnicos non patentados, aplicacións informáticas (excluídas as licenzas en sistemas operativos e aplicacións de ofimática).

No caso dos activos inmateriais, para seren considerados elixibles, deberán cumprir, estas condicións: 1) Empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda; 2) Consideraranse activos amortizables; 3) Adquiriranse en condicións de mercado a terceiros non relacionados co comprador 4) Deberán incluírse nos activos da empresa beneficiaria e permanecer asociados ao proxecto a que se destina a axuda durante polo menos tres anos.

f) Custos de funcionamento: custos de explotación, custos de persoal, custos de formación, custos de relacións públicas, custos financeiros, custos de rede.

g) As contribucións en especie, en forma de provisión de obras, bens, servizos, terreos e bens inmobles polos que non se efectuara ningún pago en efectivo documentado con facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, sempre que:
1º O valor e a execución da contribución poidan avaliarse e verificarse de xeito independente.
2º O valor atribuído ás contribucións en especie non exceda dos custos xeralmente aceptados no mercado de referencia.
3º O apoio público aboado á operación que inclúa contribucións en especie non exceda do gasto subvencionable total, excluídas as contribucións en especie, ao final da operación.
4º No caso de que se acheguen terreos ou bens inmobles, poida efectuarse un pago en efectivo a efectos dun contrato de arrendamento cuxo importe nominal anual non exceda dunha única unidade da moeda do Estado membro. O valor dos terreos ou bens inmobles deberá estar certificado por un experto independente cualificado ou organismo debidamente autorizado e non exceder do 10% do gasto total subvencionable da operación de que se trate.
5º No caso de contribucións en especie en forma de traballo non retribuído, o valor dese traballo se determine tendo en conta o tempo dedicado verificado e o nivel de remuneración por un traballo equivalente.

h) Con respecto aos gastos xerais do proxecto (honorarios de arquitectos, enxeñeiros e asesores, honorarios relativos ao asesoramento, sobre a sostibilidade económica e ambiental, incluídos os estudos de viabilidade, aos que se refire o artigo 45.2 c) do Regulamento (UE) 1305/2013) suporán como máximo un 12% do total de custos elixibles.

3. En todo caso, non se considerarán subvencionables os seguintes gastos:

a) O IVE e impostos indirectos que sexan susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda.

b) Os xuros de débeda, excepto no caso de subvencións concedidas en forma de bonificacións de xuros ou subvencións de comisións de garantía, así como o disposto anteriormente para os gastos de funcionamento.

c) Os xuros de demora, recargas, multas coercitivas e sancións administrativas e penais.

d) Os gastos de procedementos xudiciais.

e) Nos casos de aluguer con opción a compra, non serán gastos subvencionables os demais custos relacionados cos contratos, tales como a marxe do arrendador, os custos de refinanciamento dos intereses, gastos xerais, gastos de seguro, etc.

f) No caso de investimentos agrícolas, os gastos de adquisición de dereitos de produción agrícola, de dereitos de axuda, animais, plantas anuais e a súa plantación. Non obstante, a compra de animais poderá ser subvencionable cando teña por obxecto a reconstitución do potencial produtivo afectado por desastres naturais e catástrofes.

g) Os investimentos que se limiten a reparar ou substituír un edificio ou maquinaria existente, sen ampliar a capacidade de produción en máis dun 25 por cento ou sen introducir cambios fundamentais na natureza da produción ou a tecnoloxía correspondente.

Non terá a consideración anterior a substitución total dun edificio agrario de 30 anos ou máis por outro moderno, nin a renovación xeral dun edificio cando o seu custo supoña como mínimo o 50 por cento do valor do edificio novo.
No caso de adquisición de maquinaria, as bases reguladoras deberán prever a subvencionabilidade do incremento de potencia, prestacións ou capacidade de produción.

h) Os efectuados mediante a contratación polo beneficiario das actividades subvencionadas con:

- Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia.
- Persoas ou entidades que percibiran outras subvencións para a realización da actividade obxecto da contratación.
- Intermediarios ou asesores naqueles casos nos que os pagos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, salvo que o dito pago estea xustificado con referencia ao valor de mercado.
- Persoas ou entidades vinculadas co beneficiario, salvo que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e conte coa autorización previa da unidade xestora nos termos que fixen as bases reguladoras.

Contía das axudas

1. A axuda consistirá nunha prima cuxa contía básica establécese en 20.000 euros, e que poderá incrementarse ata un máximo de 70.000 euros nas seguintes situacións:

a) De acordo ao seguinte rango de gasto e investimento admisible:

1º De 20.000 a 30.000 euros: incremento sobre a prima básica de 12.500 euros.
2º De 30.001 a 40.000 euros: incremento sobre a prima básica de 17.500 euros.
3º De 40.001 a 60.000 euros: incremento sobre a prima básica de 25.000 euros.
4º De 60.001 a 80.000 euros: incremento sobre a prima básica de 31.500 euros.
5º De 80.001 a 100.000 euros: incremento sobre a prima básica de 40.500 euros.
6º Maior de 100.000 euros: incremento sobre a prima básica de 45.000 euros.

b) Creación de emprego indefinido (mínimo 1 emprego UTA). A creación de emprego debe ser adicional, ademais da man de obra correspondente ao beneficiario da axuda: 20.000 euros.

c) Ubicación nunha zona con limitacións naturais ou outras limitacións específicas contempladas no artigo 32 do Regulamento (UE) 1305/2013, e relacionadas no anexo VII das bases reguladoras: 5.000 euros.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses a contar dende o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Incompatibilidades

1. As subvencións reguladas nestas bases están financiadas con fondos Feader e, polo tanto, serán incompatibles con calquera outra axuda que, para o mesmo proxecto ou finalidade leve cofinanciamento comunitario, independentemente do fondo de procedencia e a súa tipoloxía (subvención directa, bonificación de xuros, ...).

Coa excepción anterior, as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, tanto de orixe pública coma privada, sempre que a intensidade máxima das axudas con fondos públicos non exceda o 100% do importe elixible do proxecto.

Referencia lexislativa

Resolución do 21 de decembro de 2018 (DOG Nº3 do 04/01/2019) - Bases reguladoras e convocatoria 2019

Información e tramitación en

INFORMACIÓN:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE solicitando cita previa en http://citaprevia.igape.es/

- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47

- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es


TRAMITACIÓN:

Os interesados deberán cubrir un formulario descritivo do proxecto para o que solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

O plan de negocio estará integrado no formulario electrónico de solicitude de axuda.

Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica. Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante. O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido.

As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Para todas as solicitudes:

1º Certificado de vida laboral á data de solicitude de axuda dos promotores (persoas físicas) e no caso de sociedades de todos os socios.

2º Declaración responsable do representante legal da empresa de ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda, que se deberá cubrir no formulario de solicitude.

3º No caso de proxecto que contemple investimentos en obra civil, deberá de achegarse:
i) Acta notarial de presenza ou control sobre o terreo ou certificado do técnico responsable da dirección de obra, que acredite que na data de solicitude da axuda non se tiñan iniciado os investimentos.
ii) Proxecto técnico visado elaborado para a obtención da correspondente licenza urbanística no caso de que sexa preceptiva a dita licenza (construción ou reforma de nave, oficinas, locais comerciais, etc.).
iii) Documentación técnica (proxecto técnico, memoria,…) referida ao acondicionamento do local precisa para realizar a comunicación previa de actividade, ou acreditación do concello de conforme non se require documentación algunha para a posta en marcha da iniciativa, no caso de proxectos de execución de obras ou instalacións menores.

4º Para poder atender a axuda Feader, as operacións de investimento irán precedidas dunha avaliación do impacto medioambiental previsto de conformidade coa normativa específica aplicable a este tipo de investimentos cando poida ter efectos nocivos para o medio ambiente.

5º Se o proxecto contempla a adquisición de equipamentos de segunda man, deberá achegarse:
i) Certificación do vendedor conforme os bens non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.
ii) Certificación de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, que inclúa a valoración desagregada dos activos a adquirir e coa mención expresa de que o prezo non é superior ao valor de mercado e non é superior ao custo dos bens novos similares.

6º No caso de proxecto que se localice en local arrendado, contrato ou pre-contrato de aluguer a nome do titular do expediente.

7º No caso de proxecto que contemple a adquisición de edificacións, deberá de achegarse un certificado dun taxador independente debidamente acreditado ou dun órgano ou organismo público debidamente autorizado, no que: se acredite que o prezo de compra non excede do valor de mercado e se detalle o prezo de compra, discriminando o valor do terreo do valor da edificación.

b) Para sociedades:

1º Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, e modificacións posteriores de ser o caso.
2º Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.
3º De ser o caso, últimas contas depositadas no rexistro correspondente, relativas ao exercicio 2018 ou, de ser o caso, ao exercicio 2017, e última memoria anual de actividades aprobada pola entidade, en que figure o número de empregados do último exercicio pechado, o volume de negocio e o balance xeral.

c) Para membros de unidades familiares dunha explotación agrícola:

1º Acreditación da inscrición da explotación no Rexistro de Explotacións Agraria de Galicia.
2º Acreditación da cualificación de Explotación Agraria Prioritaria.
3º Acreditación do grao de parentesco co titular da explotación.

d) Para sociedades civís: escritura de constitución e a súa inscrición no Rexistro Mercantil.

Observacións

prazo máximo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 20 de outubro de 2020, e o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 30 de outubro 2020.
O beneficiario deberá presentar a solicitude de cobro da primeira cota da axuda concedida (60%) como máximo o 30 de outubro de 2019 para o exercicio 2019 e como máximo o 31 de marzo de 2020 para o exercicio 2020.