O prazo de presentación finalizou o 07/03/2019

IG208 - ACCIÓNS DE PROMOCIÓN EXTERIOR CONXUNTA (GALICIA EXPORTA ORGANISMOS INTERMEDIOS) (2019)

Finalidade / Obxectivo

Co obxectivo de incentivar a posta en marcha de plans de internacionalización mediante realización de accións de promoción no exterior de modo conxunto favorecendo a cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias empresas, o Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido aos seguintes tipos de accións que beneficien a un sector empresarial galego ou a máis dunha empresa galega dun mesmo sector ou sectores complementarios, promovidas e desenvolvidas por organismos intermedios para facilitar a internacionalización das empresas ás que representan.

Tipos de apoio

Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia competitiva. Estas axudas incardínanse no réxime de axudas de minimis.

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os organismos intermedios empresariais de Galicia. Por organismos intermedios empresariais enténdese: as asociacións empresariais, consellos reguladores de denominacións de orixe protexidas, de indicacións xeográficas protexidas e de agricultura ecolóxica, clústers empresariais (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliados en Galicia), que representen un colectivo de empresas galegas, e os centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos con anterioridade ao 31.12.2016 no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación.

Enténdese por cluster empresarial aos efectos destas bases as agrupacións empresariais innovadoras que colaboren e desenvolvan plans de internacionalización en cooperación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que teñan creada unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro, que xestione a agrupación cluster.


2. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades que entren dentro da categoría de empresas en crise.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarios as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia.

4. Consideraranse asimesmo beneficiarias ás pemes que participen directamente nas accións subvencionadas e, ás que se lle imputará a axuda en minimis que lles corresponda segundo o gasto subvencionado. Cada peme participante deberá declarar o cumprimento dos requisitos de peme e as axudas en minimis solicitadas e/ou concedidas nos últimos tres exercicios fiscais.

Cualificación requerida do proxecto

As solicitudes que cumpran coas condicións necesarias serán avaliadas cunha base de puntuacion de 100 puntos. Non se subvencionarán solicitudes que non acaden unha puntuación mínima no baremo de 30 puntos.

En cada acción deben participar un mínimo de dúas pemes galegas e/ou o organismo solicitante da axuda representando a un mínimo de dúas pemes galegas.

Só se poderá presentar e aprobar unha solicitude por beneficiario, na que se poderán incluír varias accións das mencionadas. No caso de presentar máis dunha solicitude atenderase a primeira presentada, no caso de non mediar desistencia ou renuncia da anterior.

Investimentos ou gastos computables

Considéranse conceptos subvencionables aqueles gastos facturados ao organismo intermedio e pagados por este.

Para os efectos de cálculo da subvención a fondo perdido poderán ser subvencionables os conceptos seguintes:

a) Gastos de viaxe dunha persoa por organismo intermedio e/ou por cada peme participante na acción que se desprace á cidade ou cidades de celebración da acción desde algunha cidade de España. No caso das accións das citadas no artigo 1.1.b) (Participación en feiras ou eventos expositivos que se celebren no estranxeiro). admiténse gastos de viaxe de dúas persoas por peme participante e /ou organismo. (Por motivos empresariais admitirase que se emprenda a viaxe ou se retorne de/a outro país distinto de España, nese caso só se subvencionará o aloxamento do país no que se celebra a acción). No caso de que unha mesma acción implique desprazamento a máis dun país, terase en conta a distancia ao primeiro destino, e sumarase a distancia dente este, ás cidades destino dos outros países (1 cidade por país).

Só son subvencionables gastos de viaxe correspondentes a avión, tren e/ou autobús, tasas de visado e seguro de viaxe.

Unicamente se admitirán os gastos viaxe de persoal do organismos ou da peme participante, entendendo por tal calquera traballador do organismo ou da peme contratado por conta allea, accionista, propietario, administrador ou representante legal, ou persoal contratado doutro modo para labores de internacionalización da empresa.

Só para actuacións citadas nos apartados a), b) do artigo 1.1) – Misións directas e participacións en eventos

b) Gastos de aloxamento (en réxime de aloxamento e almorzo) dunha persoa do organismo intermedio e/ou de cada peme participante na acción que se desprace. No caso das accións das citadas no artigo 1.1.b) (Participación en feiras ou eventos expositivos que se celebren no estranxeiro) admiténse gastos de aloxamento de dúas persoas por peme e /ou organismo participante no evento

Só se subvencionarán 5 pernoctas por persoa e acción e tendo en conta os límites indicados no anexo IV. No caso de acción en máis dun país engadiranse un máximo de 3 pernoctas máis subvencionadas por país cun máximo total de 12 pernoctas.

Só para actuacións citadas nos apartados a), b) do artigo 1.1) – Misións directas e participacións en eventos

c) No caso de misións inversas teranse en conta os gastos de viaxe a Galicia de cada persoa participante na misión (máximo 20 persoas por país e acción). Son subvencionables os gastos de viaxe correspondentes a avión, tren e/ou autobús, tasas de visado e seguro de viaxe.

Subvencionaranse tamén neste caso os gastos de aloxamento en Galicia (en réxime de aloxamento e almorzo). Só se subvencionarán un máximo de 5 pernoctas por persoa e tendo en conta os límites indicados no anexo IV.

No caso de misións inversas gastos de desprazamentos en Galicia mediante servizo contratado: autobús, minibús, taxi ou vehículo con conductor.


Só para accións citadas no apartado c) do artigo 1.1. (misións inversas).

e) Gastos de: aluguer de salas, espazos e servizos relacionados co dito aluguer; aluguer de stand; construcción, montaxe e desprazamento de stand; decoración de stand; aluguer de mobiliario; contratación de persoal de apoio como intérpretes, modelos ou azafatas; envío de material promocional e mostras co seu seguro correspondente; gastos de publicidade inherentes á acción promocional, servizos de organización de eventos e cotas de inscripción nos eventos promocionais.

Só para accións citadas nos apartados a), b) e c) do artigo 1.1. (misións directas, participacións en eventos e misións inversas).

f) Gastos de asistencia externa en destino para a deteción de oportunidades, a realización de axendas, seguimento de contactos iniciais e/ou desenvolvemento de clientes no estranxeiro (metodoloxía enfocada en descubrir mercados para a empresa e os seus produtos, apostando por descubrir e aprender dos propios clientes, ofrecendo un produto que realmente necesiten).

Só para accións citadas nos apartados a), b) e c) do artigo 1.1. (misións directas, participacións en eventos e misións inversas).

g) Gastos de compra de espazos publicitarios e inserción nos medios de comunicación.

Só para accións citadas no apartado d) do artigo 1.1. (campañas de publicidade).

h) Gastos de asistencia externa en orixe ou en destino para o deseño, elaboración, edición, montaxe, produción, tradución e impresión do material promocional.

Só para accións citadas no apartado e) do artigo 1.1. (material promocional).

i) Gastos de asistencia externa para deseño, creación e/ou aloxamento de aplicación soporte de comercio electrónico.

Non serán subvencionables os gastos de mantemento nin os gastos correspondentes a servizos de posicionamento. Non será subvencionable este concepto de gasto para organismos que xa obtiveran axuda (axuda concedida sen mediar renuncia) para este concepto de gasto en convocatorias anteriores destas bases.
Non serán subvencionables estes gastos no caso de que xa se dispuxera dunha aplicación deste tipo antes da solicitude de axuda ou, se non se xustifica a operatividade desta aplicación dentro do prazo de execución da axuda.

Só para accións citadas no apartado g) do artigo 1.1. (e-commerce)


j) Cuotas de bases de datos de intelixencia competitiva internacional sectorial.

Só para accións citadas no apartado f) do artigo 1.1. (intelixencia competitiva)

k) Gastos de asistencia externa en orixe ou en destino: Asistencia xurídica, técnica e servizos para tradución de documentación.

Só para accións citadas nos apartados h) e i) do artigo 1.1

l) Gastos de aluguer de locais durante o período de execución establecido na resolución de concesión.

Só para accións citadas no apartado j) do artigo 1.1.


En relación aos gastos de asistencia externa en destino para a deteción de oportunidades, a realización de axendas, desenvolvemento de clientes no estranxeiro e/ou seguimento de contactos iniciais, as empresas que presten este tipo de servizos deberán estar dadas de alta na base de datos de axentes comerciais mediadores no exterior do Igape.

Este requisito non se requirirá cando o servizo sexa prestado por: oficinas comerciais ou cámaras de España no estranxeiro ou oficinas comerciais ou organismos públicos españoles ou estranxeiros que presten este tipo de servizos.

Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os seguintes conceptos:

a)Os custos de mailings, convites, regalos promocionais e os relativos á realización de cócteles e actos análogos.
b)Os custos de servizos para o posicionamento web.
c)Os custos de envio de mercadorias distintas ao material promocional ou mostras sen valor comercial.
d)Imposto sobre o valor engadido (IVE) a non ser que se acredite que non é recuperable.
e)Folletos e outro material que non estea dirixido estritamente a fins promocionais.
f)Produtos de merchandising e outros regalos promocionais.
g)Aqueles outros que non estean directamente vinculados coa realización da acción subvencionable.

Os gastos subvencionables serán os realizados polo organismo solicitante dentro do prazo de execución e facturados e pagados entre o día da presentación da solicitude de axuda e o derradeiro día do prazo de execución establecido na resolución de concesión para os efectos de cumprir todas as condicións nela establecidas. O prazo de execución iniciarase na data de presentación da solicitude de axuda (polo que a solicitude de axuda poderán incluír accións que se leven a cabo da partir desa data) e rematará na data establecida na resolución de concesión de axuda.

Excepcionalmente, tamén serán subvencionables os gastos efectuados e pagados dende o 1 de xullo de 2018 esixidos en concepto de reserva para accións que se realizarán no exercicio 2019.

Cando o importe do gasto subvencionable supere 15.000 euros, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación da prestación do servizo.

Os provedores non poden ser empresas que formen parte do organismo solicitante, nin poderán estar vinculados co organismo solicitante ou a peme beneficiaria final ou cos seus órganos directivos ou xestores. A non vinculación demostrarase a través dunha declaración responsable do solicitante, que se cubrirá no formulario electrónico de solicitude

Todos os gastos deben ser facturados ao organismo intermedio solicitante e pagados por dito organismo. Non se admiten pagamentos en efectivo.

Contía das axudas

Para as accións incluídas nesta convocatoria a intensidade de axuda será do 80 % de subvención sobre os gastos subvencionables co límite máximo de subvención de 176.000 euros por beneficiario e convocatoria.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados dende o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Incompatibilidades

1. Estas axudas son compatibles con calquera outra subvención pública para as mesmas accións, sempre que se subvencionen partidas de gasto diferentes, ata o 100% do gasto subvencionable.

2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 15.000 euros durante calquera período de tres exercicios.

A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa das actuacións realizadas.

Referencia lexislativa

Resolución do 10 de decembro de 2018 (DOG Nº4 do 7/01/2019) - Bases reguladoras e convocatoria 2019

Información e tramitación en

Para presentar a solicitude de axuda, os organismos interesados deberán cubrir un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e das accións para as que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

Deberán cubrirse todos os campos do formulario e ao rematar aceptar os datos, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE). As solicitudes de axuda presentaranse mediante formulario normalizado que se obterá na citada aplicación informática (anexo I). As solicitudes deberán presentarse unicamente por vía electrónica.

O organismo interesado deberá achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a)Acreditación da representación con que se actúa.
b)Documentación acreditativa da súa constitución: acta e estatutos de constitución, con acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente e modificacións posteriores destes.
c)Certificado acreditativo da inscrición no Rexistro de Centros de Innovación e Tecnoloxía con anterioridade ao 31/12/2016, no caso de centros de innovación e tecnoloxía.
d)As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3º da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 5.5 das bases reguladoras.

Observacións

O prazo máximo para resolver e publicar a resolución será de cinco meses dende a finalización do prazo de presentación de solicitudes.


O prazo de execución iniciarase na data de presentación da solicitude de axuda e rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 30 de setembro de 2019 para as solicitudes con accións a realizar ata esta data (orzamento 2019) e do 15 de xullo de 2020 para as solicitudes con accións a realizar ata esta data (orzamento 2020). Estas dúas datas, en cada caso, son as datas últimas admisibles de facturación e pagamento. Dentro deste prazo de execución deberáse presentar a solicitude de cobramento.

O beneficiario da axuda poderá solicitar un anticipo unha vez notificada a resolución de concesión. Con data límite do 14 de agosto de 2019, poderán solicitar o anticipo correspondente os beneficiarios con prazo máximo de execución ata o 30 de setembro de 2019. E no mes xaneiro de 2020, poderán solicitar o anticipo correspondente os beneficiarios con prazo máximo de execución ata o 15 de xullo de 2020.