O prazo de presentación comezará o 28/02/2019

IG259 - REFORMA-TUR: ADQUISICIÓN DE MATERIAIS PARA REFORMA DE ESTABLECEMENTOS HOTELEIROS

Finalidade / Obxectivo

Axudas destinadas a incentivar a adquisición de materiais para a reforma de establecementos hoteleiros en Galicia, co fin de incrementar e incentivar a compra e tratar de repercutir con ela nos sectores industriais, comerciais e turísticos galegos.

Tipos de apoio

Axudas en réxime de concorrencia non competitiva suxeitas ao réxime de mínimis.

Beneficiarios potenciais

Poderán ser beneficiarios destas axudas os titulares de:

a) Establecementos hoteleiros cun máximo de 40 prazas, definidos no Capítulo II, artigo 4 (concepto de hoteis), artigo 6 (concepto de hoteis balneario) e artigo 7 (hotel talaso) do Decreto 57/2016 de 12 de maio situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os establecementos de Turismo Rural segundo o Decreto 191/2004 de 29 de xullo situados no Camiño de Santiago.

c) Os albergues privados situados no Camiño de Santiago.

Os establecementos deben estar autorizados ou clasificados conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (REAT), cunha antigüidade no exercicio da actividade no establecemento para o que se solicita a subvención non inferior a 5 anos á data de publicación da convocatoria de axuda.

Os beneficiarios deben adquirir os bens subvencionables descritos no artigo 3.1.d) nunha entidade colaboradora adherida ao Programa Reforma-Tur19 e instalalos no seu establecemento no prazo indicado no artigo 3.

Os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social e non ser considerados empresas en crise.

Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 e 11 da Lei de subvencións de Galicia.

Sectores incentivables

Hostelería

Requisitos principais do proxecto

1. Serán subvencionables as operacións de adquisición de materiais dirixidos á rehabilitación e reforma de establecementos hoteleiros situados en Galicia, realizadas nun establecemento de venda adherido, que cumpran as seguintes condicións:

a) Adquisición de un ou varios bens obxecto de subvención nalgún dos establecementos de venda adheridos á presente iniciativa.

b) Para ser subvencionable unha operación de compra individual deberá acadar un custo mínimo de 10.000 euros (sen incluír IVE).

c) A subvención máxima a percibir por beneficiario e establecemento será de 25.000 euros nunha ou varias operacións de compra. No caso de que un mesmo beneficiario sexa titular de mais de un establecemento subvencionable en Galicia, poderá beneficiarse das axudas cos seus límites aplicados a cada establecemento.

d) Bens que poden ser obxecto de axuda:
- Materiais para rehabilitación de envolventes: fachadas, cubertas, porches, etc.
- Materiais e mobiliario suxeito a instalación de fixación, para a reforma de interiores e exteriores, cuartos de baño e cociñas.
- Sistemas de climatización, ventilación e auga quente sanitaria.
- Sistemas de iluminación
- Sistemas domóticos

e) Os bens obxecto de axuda deberán ser empregados na reforma mediante instalacións fixas e constituír un compoñente da obra a realizar. Non se subvencionarán elementos non fixos.

f) Os bens obxecto de axuda deberán ser destinados, nun prazo de 6 meses desde a solicitude, á reforma ou nova instalación no enderezo do establecemento indicado na solicitude de axuda. A obriga de destinar os bens obxecto da axuda á reforma no establecemento indicado na solicitude recae en primeira instancia no beneficiario da axuda, sen prexuízo de que este poida demostrar a imposibilidade de realizar dita reforma en prazo por retrasos ou outras causas achacables ao establecemento colaborador en cuxo caso, e de quedar acreditadas as ditas circunstancias, procederase a incoar procedemento de incumprimento de condicións ao establecemento colaborador, que poderá rematar cunha resolución de revogación da axuda.

g) Os establecementos de venda deberán identificar claramente os bens susceptibles de axuda conforme ao establecido nestas bases.

h) Quedan expresamente excluídos: a man de obra da reforma e os electrodomésticos.

i) Só se admitirán pagos nos que unha entidade bancaria certifique que o pago ten sido realizado efectivamente dentro do prazo de execución do proxecto, identifique claramente o receptor e o emisor do pagamento e a súa data efectiva. En particular, non se admitirán pagos en efectivo.

2. Non se considerarán subvencionables os gastos e custos financeiros que sexan consecuencia do investimento nin os gastos realizados en bens usados.

3. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o día da convocatoria das bases reguladoras e o derradeiro día do prazo de execución.

4. O IVE (imposto sobre o valor engadido) non se considerará gasto subvencionable, dado que os beneficiarios son empresas. Para calcular a contía da subvención terase en conta o prezo dos bens impostos excluídos.

Contía das axudas

A contía da axuda será dun 25% sobre o prezo dos bens, impostos excluídos, e antes do desconto requirido no seguinte parágrafo, cun máximo acumulado de subvención de 25.000 euros por beneficiario e establecemento hoteleiro.

A axuda do Igape virá condicionada a un desconto realizado polo establecemento de venda, que será realizado sobre a base impoñible da factura, de importe polo menos da mesma contía que a axuda outorgada polo Igape.

Polo tanto, a rebaixa resultante para o comprador dos bens obxecto de axuda será do 50% da mesma, cos límites expostos, mediante o desconto e a subvención á compra, sen prexuízo de calquera desconto adicional que se puidese obter por políticas concretas de venda ou promocións dos establecementos ou fabricantes.

A subvención máxima a percibir por beneficiario e establecemento será de 25.000 euros nunha ou varias operacións de compra. No caso de que un mesmo beneficiario sexa titular de mais de un establecemento subvencionable en Galicia, poderá beneficiarse das axudas cos seus límites aplicados a cada establecemento.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda (que inclúen a documentación xustificativa e a solicitude de cobro) comezará ao mes desde o día seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30/4/2019, agás que se produza o suposto de esgotamento de crédito. Neste caso informarase do peche adiantado do prazo de solicitude a través da páxina web do Igape e no Diario Oficial de Galicia.

Incompatibilidades

As subvencións que se outorguen ao abeiro destas bases serán compatibles con subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes doutras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Non obstante, o importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou doutros organismos internacionais, supere o 100 % do gasto subvencionable.

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais.

Referencia lexislativa

Resolución do 20 de decembro de 2018 (DOG Nº19 do 28/01/2019) - Bases reguladoras e convocatoria

Información e tramitación en

1. Páxina web do Igape: http://www.igape.es/reformatur
2. O teléfono de información do Igape: 900 81 51 51.
3. O enderezo electrónico: informa@igape.es.
4. Presencialmente, nas oficinas do Igape solicitando cita previa en http://citaprevia.igape.es/

Observacións

O prazo de execución do proxecto, entendido como o prazo no que se deben ter adquiridos os bens subvencionables, rematará o 30/5/2019