O prazo de presentación finaliza o 31/12/2019

IG266 - PRESTAMOS IFI TUR

Finalidade / Obxectivo

Apoiar financeiramente os proxectos de creación e mellora de establecementos turísticos de aloxamento en Galicia.

Tipos de apoio

Contratos de préstamo que se instrumentarán entre o beneficiario e o Igape.

Beneficiarios potenciais

1. Aquelas pequenas, medianas empresas ou microempresas, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Realizar unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto do proxecto de investimento, localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Cumprir as condicións establecidas especificamente para a correspondente modalidade de produto financeiro, conforme aos requisitos que se detallan no Anexo 1.

c) Achegar para o proxecto de investimento unha contribución financeira mínima do 25% do proxecto, exenta de calquera tipo de apoio público.

2. Ademais deben desenvolver ou ter previsto desenvolver as súas actividades no epígrafe 55 do do CNAE, e cumprir algún dos seguintes requisitos:

-Ser titulares de establecementos turísticos de aloxamento incluídos nos apartados a) Establecementos hoteleiros, c) Campamentos de turismo ou d) Establecementos de turismo rural do artigo 55.1 da Lei 7/2011 reguladora do turismo de Galicia, autorizados ou clasificados, conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Actividades Turísticas da Xunta de Galicia. En caso de que o titular do establecemento o teña en aluguer e/ou en réxime de concesión administrativa, a duración do contrato correspondente debe abarcar como mínimo o período de vixencia do préstamo.

Quedan expresamente excluídos os apartamentos e vivendas turísticas e os albergues turísticos incluídos nos apartados b) e e) do devandito artigo 55.1

-As persoas que proxecten a creación dun establecemento turístico de aloxamento incluído nalgún dos apartados a), c) ou d) do artigo 55.1 da Lei do turismo de Galicia, que cumpran cos requisitos establecidos pola normativa turística para a súa apertura.

3. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas físicas e as sociedades civís e comunidades de bens, que cumpran o establecido no apartado anterior. Deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigacións que como beneficiaria correspondan á agrupación.

Sectores incentivables

Epígrafe 55 do CNAE

Establecementos turísticos de aloxamento incluídos nos apartados a) establecementos hoteleiros, c) Campamentos de turismo ou d) Establecementos de turismo rural do artigo 55.1 da Lei 7/2011 reguladora do turismo de Galicia.

Requisitos principais do proxecto

O proxecto deberá presentar un custo financiable entre 77.000 euros e 1.600.000 euros.

* Acreditación de financiamento bancario complementario

Polo menos o 35% do custo total elixible do proxecto financiarase mediante un préstamo bancario cun prazo de devolución igual ou superior ao préstamo do Igape. A dispoñibilidade deste financiamento acreditarase mediante unha certificación emitida pola entidade bancaria segundo o modelo do Anexo 5.5 e/ou copia da póliza ou escritura de formalización da operación.

O proxecto deberá ser informado favorablemente pola Axencia de Turismo de Galicia respecto do cumprimento dos requisitos establecidos na normativa turística sectorial aplicable e da avaliación do criterio de exceso de oferta indicado no apartado I.1), anexándose este informe ao emitido polos servizos técnicos do Igape.

Cualificación requerida do proxecto

Sen prexuízo do cumprimento do limiar da cualificación de risco de crédito, para a súa aprobación deberá obter unha puntuación mínima de 50 puntos, resultantes de sumar os seguintes valores:

1) Para todas as modalidades:

Valoración do exceso de oferta. Aspecto que será puntuado no Informe sectorial da Axencia de Turismo de Galicia referido no apartado D.5). Este aspecto será puntuado de 0 a 2 puntos, sendo necesario para a concesión do préstamo que o proxecto acade unha puntuación mínima de 1 punto. Toda puntuación inferior a este limiar suporá a obtención de 0 puntos nos criterios específicos de avaliación, independentemente dos puntos acadados nos apartados I.1) e I.2), e a desestimación da solicitude presentada.

2) Para proxectos de reforma de establecementos preexistentes:

- O proxecto inclúe actuacións de mellora de condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas: 40 puntos.
- O proxecto inclúe obras destinadas á mellorar as instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade: 30 puntos
- O proxecto inclúe actuacións destinadas a mellorar a clasificación do establecemento que supoñan un incremento de categoría: 30 puntos ou 40 puntos no caso de que obteña unha categoría de hotel de 4/5 estrelas.
- O proxecto inclúe actuacións de mellora de climatización que favorezan a sostibilidade coa implementación de medidas de aforro enerxético: 30 puntos.
- O proxecto inclúe actuacións relativas á renovación e modernización das instalacións así coma o mellora do entorno: 20 puntos.
- Emprego vinculado: máximo 30 puntos, calculado segundo a fórmula: (número medio de empregados do último exercicio + expectativas de creación de emprego)/ préstamo en miles de euros x 200

3) Para proxectos de novos establecementos:

- Por modalidade do aloxamento:
Hoteis de 4/5 estrelas segundo o Decreto 57/2016 do 12 de maio, e establecementos de turismo rural segundo o Decreto 48/2016 do 21 de abril, 40 puntos. O resto de establecementos, 30 puntos.
- As instalacións proxectadas permitirán obter certificacións de calidade: 30 puntos.
- Por cada praza de aloxamento prevista: 1 punto ata un máximo de 20 puntos.
- O proxecto contempla actividades complementarias ao aloxamento turístico: 30 puntos.
- Emprego vinculado: máximo 30 puntos, (expectativas de creación de emprego)/ préstamo en miles de euros x 200

Investimentos ou gastos computables

1. Investimento en activos fixos para proxectos de investimento en novos establecementos, ampliacións ou mellora de capacidade produtiva e competitividade.

Serán financiables activos Fixos Materiais, que correspondan a terreos, obras e equipamento dos establecementos turísticos de aloxamento que cumpran os requisitos sinalados no apartado anterior.

Poderán ser financiadas as infraestruturas de restaurante, cafetería e servizos auxiliares e de turismo activo, así como o seu equipamento e mobiliario, cando estes formen parte dos establecemento de aloxamento e sexan explotados conxuntamente.

Será financiable a adquisición de establecementos turísticos preexistentes, co límite do 40% do custo financiable total.

Exclúense como financiables os seguintes conceptos:

-Dereitos de traspaso dos establecementos.
-Adquisición de elementos de transporte.
-Gastos correntes da empresa e adquisición de material non inventariable, como menaxe de cociña e comedor.
-Gastos de mantemento do establecemento, entendendo por tales os que se realizan periodicamente para manter a edificación en perfecto uso.

2. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros polo beneficiario. En caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pago aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena do beneficiario antes da finalización do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pago das cantidades aprazadas.

3. Non obstante o previsto no anterior apartado 2, poderán ser financiados os gastos de acondicionamento e mellora en locais en aluguer e/ou en réxime de concesión administrativa.

4. Os gastos financiables deberán ser contratados e pagados directamente entre o beneficiario da axuda e o provedor final.

5. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores salvo que a contratación se realice en condicións normais de mercado e se autorice expresamente no acordo de concesión, previa petición do solicitante.

6. En caso de bens usados, poderán ser financiados cando se cumpran os seguintes requisitos:

a) que conste unha declaración do vendedor sobre a orixe dos bens e sobre que os mesmos non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria, e

b) o prezo non poderá ser superior ao valor de mercado e deberá ser inferior ao custo dos bens novos similares, acreditándose estes extremos mediante certificación de taxador independente.

Contía das axudas

Condicións do produto financeiro:

* Importes mínimo e máximo
O importe mínimo do préstamo será de 50.000 euros e o máximo de 1.000.000 euros. En ningún caso superará o 65% do custo do proxecto financiable.

* Prazos de amortización e de carencia
O prazo de amortización será como máximo de 12 anos, incluíndo un máximo de 2 anos de carencia na amortización de principal.

* Tipo de xuro:

-Tipo de referencia: Será a media do Euribor a 1 ano do mes anterior
- Marxe adicional: Será de 0,1puntos porcentuais

O tipo de xuro será do 0% cando resulte negativo.

* Garantías: O Igape tomará garantías procurando manter unha posición similar á da entidade financeira que conceda o financiamento complementario.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará ao día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

a) Que se esgote o crédito orzamentario para a respectiva modalidade de préstamo.

b) O 31 de decembro de 2019.

Incompatibilidades

As operacións financeiras concedidas ao amparo destas bases inclúen unha axuda implícita, equivalente ao aforro da carga financeira que supón para a beneficiaria respecto dunha operación alternativa que poderían obter no mercado financeiro.

A subvención bruta equivalente en base á diferenza entre o tipo de xuros aprobado e os xuros de mercado recollerase no acordo de Concesión e serán determinados polo Igape coa metodoloxía descrita no Anexo 2. A beneficiaria aceptará a contía determinada cando instrumente a operación, obrigándose a reintegrar a vantaxe financeira da que gozase indebidamente no caso de incumprimento das condicións da axuda. 2.

As subvencións implícitas das operacións de financiamento reguladas nas presentes bases, terán a consideración de axudas de mínimis.

A concesión destas axudas queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial a da Unión Europea. Nestes termos serán compatibles con outras a condición de que se cumpran as seguintes condicións:

a) O importe conxunto non supere os límites máximos de intensidade da axuda resultante da normativa de aplicación. En particular, serán compatibles con outras axudas de mínimis, sempre que o importe total que se conceda a unha mesma empresa non supere 200.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais. Este límite será de 100.000 € para as empresas que realicen por conta allea transporte de mercadorías por estrada.

b) O gasto financiado co cargo ao préstamo IFI non estea subvencionada por FEDER ou outro fondo ou instrumento da Unión. En ningún caso, ailladamente ou en concorrencia con outras axudas, poderá subvencionarse un gasto superior ao do custo total subvencionable do proxecto.

Non se poderán utilizar as operacións financeiras reguladas nestas Bases para prefinanciar outras subvencións. Non se utilizarán outras subvencións para reembolsar as operacións financeiras reguladas nestas bases.

Referencia lexislativa

Resolución do 16 de outubro de 2017 (DOG Nº206 do 30/10/2017) - Bases reguladoras
Resolución do 7 de outubro de 2019 (DOG Nº197 do 16/10/2019) - Modificación das bases reguladoras

Información e tramitación en

1. Para presentar unha solicitude de axuda o interesado deberá cubrir un formulario http://www.igape.es/gl/oficina-virtual

Unha vez xerada a solicitude deberase presentar obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado co IDE. As solicitudes de préstamo e achega da documentación realizarase por medios electrónicos, incluídas persoas físicas.

Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de maneira que coa súa firma baste para acreditar a vontade do solicitante. O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor.

2. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación específica:

- Comunicación emitida pola entidade bancaria e/ou copia da póliza ou escritura de formalización da operación

- En caso de que o titular do establecemento o teña en aluguer e/ou en réxime de concesión, deberá achegarse copia do contrato correspondente.

- Memoria do proxecto (co contido detallado nas bases).

- Se for o caso, proxecto técnico elaborado para a obtención da correspondente licenza urbanística cando sexa preceptiva. Exceptúase da necesidade de presentación de proxecto técnico a execución de obras ou instalacións menores.

b) Informe detallado da Central de Información de Riscos do Banco de España (CIR) correspondente ao último período dispoñible

c) En caso de sociedades mercantís:
1º Escritura de constitución e dos estatutos e as súas modificacións.
2º Contas anuais correspondente ao último exercicio pechado.
3º Balance e conta de resultados recentes, asinados polos administradores.

d) En caso de sociedades en constitución:
1º Certificado do Rexistro Xeral de Sociedades Mercantís da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado do Ministerio de Xustiza, ou do rexistro competente, de non figurar inscrita a futura denominación social da entidade que se vai a constituír.
2º Proxecto de estatutos da sociedade. Nestes casos deberá acreditarse a válida constitución da sociedade no prazo máximo dun mes desde a presentación da instancia de solicitude.

e) No caso de persoas físicas ou comunidades de bens: copias das declaracións de IVE: resumo anual do exercicio anterior e liquidacións periódicas do exercicio corrente.

f) Copia da declaración de solicitude de impacto ambiental, ou declaración responsable de non ter que realizala, se é o caso.

g) En caso de actividades situadas en zonas naturais protexidas, descrición completa das actividades afectadas, ou declaración responsable de non estar as actividades situadas en zonas naturais protexidas.

h) Relación detallada dos investimentos a realizar, distinguindo entre bens novos e usados.

i) Complementariamente o Igape poderá solicitar a achega con carácter facultativo daqueloutra documentación xustificativa para os efectos de valoración do risco.