O prazo de presentación finaliza o 30/03/2020

IG208 - ACCIÓNS DE PROMOCIÓN EXTERIOR CONXUNTA (GALICIA EXPORTA ORGANISMOS INTERMEDIOS) (2020)

Finalidade / Obxectivo

Estas axudas teñen como obxecto incentivar a posta en marcha de plans de internacionalización mediante a realización de accións de promoción no exterior de modo conxunto favorecendo a cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias empresas. O Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido aos seguintes tipos de accións que beneficien a un sector empresarial galego ou a máis dunha empresa galega dun mesmo sector ou sectores complementarios, promovidas e desenvolvidas por organismos intermedios para facilitar a internacionalización das empresas ás que representan:

a) Misións empresariais directas ou visitas a feiras que teñan lugar en calquera país estranxeiro, así como aqueles outros eventos promocionais do tipo congresos, conferencias ou simposios que aínda que non teñan un compoñente expositivo como tal, permitan a promoción do sector e as empresas a nivel internacional e teñan lugar no estranxeiro.

b) Participación en feiras ou eventos expositivos que se celebren no estranxeiro.

c) Misións empresariais inversas de importadores, distribuidores, medios de comunicación ou outro tipo de prescritores, empresas, profesionais ou organismos estranxeiros, co obxecto de dar a coñecer ao exterior as posibilidades das empresas e produtos galegos e/ou para sondar posibles fórmulas de cooperación.

d) Campañas conxuntas de publicidade en prensa, revistas, televisión, internet ou outros medios, sempre que a súa difusión se realice no estranxeiro e sempre que se trate de campañas de promoción dun sector empresarial galego ou de varias empresas galegas do mesmo sector ou sectores complementarios con similares intereses en determinados mercados.

e) Elaboración de material promocional conxunto como catálogos, contidos audiovisuais, folletos e similares, en calquera soporte, e que contribúan á divulgación e coñecemento no estranxeiro, sempre que se realice para un sector empresarial galego ou para varias empresas galegas do mesmo sector ou sectores complementarios con similares intereses en determinados mercados.

f) Contratación de bases de datos de intelixencia competitiva internacional.

g) Creación de plataforma aplicación de e-commerce pra mercados internacionais (mercado online).

h) Xestión de tramitación de acordos de joint-ventures, contratos, certificacións, homologacións e rexistros de marca e patentes para o estranxeiro.

Tipos de apoio

Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia competitiva. Estas axudas incardínanse no réxime de axudas de minimis.

Beneficiarios potenciais

1. Os organismos intermedios empresariais de Galicia.

Por organismos intermedios empresariais enténdese: as asociacións empresariais, consellos reguladores de denominacións de orixe protexidas, de indicacións xeográficas protexidas e de agricultura ecolóxica, clústers empresariais (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliados en Galicia), que representen un colectivo de empresas galegas, e os centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos con anterioridade ao 31.12.2016 no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación.

Enténdese por cluster empresarial aos efectos destas bases as agrupacións empresariais innovadoras que colaboren e desenvolvan plans de internacionalización en cooperación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que teñan creada unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro, que xestione a agrupación cluster.

2. Consideraranse así mesmo beneficiarias ás empresas -que cumpran a definición de peme e que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia- que participen directamente nas accións subvencionadas e ás que se lles imputará a axuda en minimis que lles corresponda segundo o gasto subvencionado.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarios:

a) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

b) As empresas en crise.

c) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei.

Cualificación requerida do proxecto

As solicitudes que cumpran coas condicións necesarias serán avaliadas cunha base de puntuacion de 85 puntos. Non se subvencionarán solicitudes que non acaden unha puntuación mínima no baremo de 30 puntos.

Investimentos ou gastos computables

1. Considéranse conceptos subvencionables aqueles gastos facturados ao organismo intermedio e pagados por este.

2. Para os efectos de cálculo da subvención a fondo perdido poderán ser subvencionables os conceptos seguintes:

a) Misións empresariais directas ou visitas a feiras:

- Gastos de viaxe dunha persoa por organismo intermedio e/ou por cada peme participante na acción que se desprace á cidade ou cidades de celebración da acción desde algunha cidade de España. No caso das accións de participación en eventos admiténse gastos de viaxe de dúas persoas por peme participante e /ou organismo. (Por motivos empresariais admitirase que se emprenda a viaxe ou se retorne de/a outro país distinto de España, nese caso só se subvencionará o aloxamento do país no que se celebra a acción). Só son subvencionables gastos de viaxe correspondentes a avión, tren e/ou autobús, tasas de visado e seguro de viaxe. Unicamente se admitirán os gastos viaxe de persoal do organismos ou da peme participante, entendendo por tal calquera traballador do organismo ou da peme contratado por conta allea, accionista, propietario, administrador ou representante legal, ou persoal contratado doutro modo para labores de internacionalización da empresa. Estas condicións a acreditaranse mediante declaración no formulario electrónico de solicitude. Límites destes gastos: os indicados no anexo IV. No caso de que unha mesma acción implique desprazamento a máis dun país, terase en conta a distancia ao primeiro destino, e sumarase a distancia dente este, ás cidades destino dos outros países (1 cidade por país).

- Gastos de aloxamento (en réxime de aloxamento e almorzo) dunha persoa do organismo intermedio e/ou de cada peme participante na acción que se desprace. Só se subvencionarán 5 pernoctas por persoa e acción e tendo en conta os límites indicados no anexo IV. No caso de acción en máis dun país engadiranse un máximo de 3 pernoctas máis subvencionadas por país cun máximo total de 12 pernoctas.

- Gastos de: aluguer de salas, espazos e servizos relacionados co dito aluguer; aluguer de stand; construcción, montaxe e desprazamento de stand; decoración de stand; aluguer de mobiliario; contratación de persoal de apoio como interpretes, modelos ou azafatas; envío de material promocional e mostras co seu seguro correspondente; gastos de publicidade inherentes á acción promocional, servizos de organización de eventos e cotas de inscripción nos eventos promocionais.

- Gastos de asistencia externa en destino para a deteción de oportunidades, a realización de axendas, seguimento de contactos iniciais e/ou desenvolvemento de clientes no estranxeiro (metodoloxía enfocada en descubrir mercados para a empresa e os seus produtos, apostando por descubrir e aprender dos propios clientes, ofrecendo un produto que realmente necesiten).

b) Participación en feiras ou eventos expositivos que se celebren no estranxeiro.

- Gastos gastos de viaxe de dúas persoas por peme participante e /ou organismo na acción que se desprace á cidade ou cidades de celebración da acción desde algunha cidade de España. (Por motivos empresariais admitirase que se emprenda a viaxe ou se retorne de/a outro país distinto de España, nese caso só se subvencionará o aloxamento do país no que se celebra a acción). Só son subvencionables gastos de viaxe correspondentes a avión, tren e/ou autobús, tasas de visado e seguro de viaxe. Unicamente se admitirán os gastos viaxe de persoal do organismos ou da peme participante, entendendo por tal calquera traballador do organismo ou da peme contratado por conta allea, accionista, propietario, administrador ou representante legal, ou persoal contratado doutro modo para labores de internacionalización da empresa. Límites destes gastos: os indicados no anexo IV. No caso de que unha mesma acción implique desprazamento a máis dun país, terase en conta a distancia ao primeiro destino, e sumarase a distancia dente este, ás cidades destino dos outros países (1 cidade por país).

- Gastos de aloxamento (en réxime de aloxamento e almorzo) de dúas persoas do organismo intermedio e/ou de cada peme participante na acción que se desprace. No caso das accións de participación en eventos, admiténse gastos de aloxamento de dúas persoas por peme e /ou organismo participante no evento. Só se subvencionarán 5 pernoctas por persoa e acción e tendo en conta os límites indicados no anexo IV. No caso de acción en máis dun país engadiranse un máximo de 3 pernoctas máis subvencionadas por país cun máximo total de 12 pernoctas.

- Gastos de: aluguer de salas, espazos e servizos relacionados co dito aluguer; aluguer de stand; construcción, montaxe e desprazamento de stand; decoración de stand; aluguer de mobiliario; contratación de persoal de apoio como interpretes, modelos ou azafatas; envío de material promocional e mostras co seu seguro correspondente; gastos de publicidade inherentes á acción promocional, servizos de organización de eventos e cotas de inscripción nos eventos promocionais.

- Gastos de asistencia externa en destino para a deteción de oportunidades, a realización de axendas, seguimento de contactos iniciais e/ou desenvolvemento de clientes no estranxeiro (metodoloxía enfocada en descubrir mercados para a empresa e os seus produtos, apostando por descubrir e aprender dos propios clientes, ofrecendo un produto que realmente necesiten).

c) Misións empresariais inversas

- No caso de misións inversas teranse en conta os gastos de viaxe a Galicia de cada persoa participante na misión (máximo 20 persoas por país e acción). Son subvencionables os gastos de viaxe correspondentes a avión, tren e/ou autobús, tasas de visado e seguro de viaxe. Subvencionaranse tamén neste caso os gastos de aloxamento en Galicia (en réxime de aloxamento e almorzo). Só se subvencionarán un máximo de 5 pernoctas por persoa e tendo en conta os límites indicados no anexo IV.

- No caso de misións inversas gastos de desprazamentos en Galicia mediante servizo contratado: autobús, minibús, taxi ou vehículo con conductor.

- Gastos de: aluguer de salas, espazos e servizos relacionados co dito aluguer; aluguer de stand; construcción, montaxe e desprazamento de stand; decoración de stand; aluguer de mobiliario; contratación de persoal de apoio como interpretes, modelos ou azafatas; envío de material promocional e mostras co seu seguro correspondente; gastos de publicidade inherentes á acción promocional, servizos de organización de eventos e cotas de inscripción nos eventos promocionais.

- Gastos de asistencia externa en destino para a deteción de oportunidades, a realización de axendas, seguimento de contactos iniciais e/ou desenvolvemento de clientes no estranxeiro (metodoloxía enfocada en descubrir mercados para a empresa e os seus produtos, apostando por descubrir e aprender dos propios clientes, ofrecendo un produto que realmente necesiten).

d) Campañas conxuntas de publicidade

- Gastos de compra de espazos publicitarios e inserción nos medios de comunicación.

e) Elaboración de material promocional conxunto

- Gastos de asistencia externa en orixe ou en destino para o deseño, elaboración, edición, montaxe, produción, tradución e impresión do material promocional.


f) Contratación de bases de datos de intelixencia competitiva internacional.

- Cuotas de bases de datos de intelixencia competitiva internacional sectorial.

g) Creación de plataforma aplicación de e-commerce pra mercados internacionais (mercado online).

- Gastos de asistencia externa para deseño, creación e/ou aloxamento de aplicación soporte de comercio electrónico. Non serán subvencionables os gastos de mantemento nin os gastos correspondentes a servizos de posicionamento. Non será subvencionable este concepto de gasto para organismos que xa obtiveran axuda (axuda concedida sen mediar renuncia) para este concepto de gasto en convocatorias anteriores destas bases. Non serán subvencionables estes gastos no caso de que xa se dispuxera dunha aplicación deste tipo antes da solicitude de axuda ou, se non se xustifica a operatividade desta aplicación dentro do prazo de execución da axuda.

h) Xestión de tramitación de acordos de joint-ventures, contratos, certificacións, homologacións e rexistros de marca e patentes para o estranxeiro.

- Gastos de asistencia externa en orixe ou en destino: Asistencia xurídica, técnica e servizos para tradución de documentación.

i) Xestión de licitacións internacionais.

- Gastos de asistencia externa en orixe ou en destino: Asistencia xurídica, técnica e servizos para tradución de documentación.

j) Accións cooperativas en destino para implantación promocional ou prospección de mercados.

- Gastos de aluguer de locais durante o período de execución establecido na resolución de concesión.

En relación aos gastos de asistencia externa en destino para a deteción de oportunidades, a realización de axendas, desenvolvemento de clientes no estranxeiro e/ou seguimento de contactos iniciais, as empresas que presten este tipo de servizos deberán estar dadas de alta na base de datos de axentes comerciais mediadores no exterior do Igape.
Este requisito non se requirirá cando o servizo sexa prestado por: oficinas comerciais ou cámaras de España no estranxeiro ou oficinas comerciais ou organismos públicos españoles ou estranxeiros que presten este tipo de servizos.

3. Os gastos subvencionables serán os realizados polo organismo solicitante dentro do prazo de execución e facturados e pagados entre o día da presentación da solicitude de axuda e o derradeiro día do prazo de execución establecido na resolución de concesión para os efectos de cumprir todas as condicións nela establecidas. O prazo de execución iniciarase na data de presentación da solicitude de axuda (polo que a solicitude de axuda poderán incluír accións que se leven a cabo da partir desa data) e rematará na data establecida na resolución de concesión de axuda.
Excepcionalmente, tamén serán subvencionables os gastos efectuados e pagados dende o 1 de xullo de 2019 esixidos en concepto de reserva para accións que se realizarán no exercicio 2020.

4. Os provedores non poden ser empresas que formen parte do organismo solicitante, nin poderán estar asociados ou vinculados co organismo solicitante ou a peme beneficiaria final ou cos seus órganos directivos ou xestores.

5. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público (importe igual ou superior a 15.000 euros no momento de publicar estas bases), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren (neste caso, presentarase escrito aclaratorio indicativo desta circunstancia, asinado polo representante legal), ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención.

Todos os gastos deben ser facturados ao organismo intermedio solicitante e pagados por dito organismo. Non se admiten pagamentos en efectivo.

Contía das axudas

Para as accións incluídas nesta convocatoria a intensidade da axuda será do 80% da subvención sobre os gastos subvencionables co límite máximo de subvención de 176.000 euros por beneficiario e convocatoria.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados dende o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Incompatibilidades

Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere o 100% do gasto subvencionable. Non obstante, estas axudas están suxeitas ao réxime de incompatibilidades establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, de xeito que unha operación poderá recibir axuda dun ou varios Fondos EIE ou dun ou varios programas e de outros instrumentos da Unión, a condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pago correspondente a un dos Fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro Fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo Fondo no marco dun programa operativo distinto. O importe do gasto que deberá consignarse nunha solicitude de pago dun Fondo EIE pode ser calculado para cada Fondo EIE e para o programa ou programas de que se trate a prorrata, conforme ao documento no que se establezan as condicións da axuda.

Referencia lexislativa

Resolución do 9 de xaneiro de 2020 (DOG Nº 19 do 29/01/2020) - Bases reguladoras e convocatoria 2020

Información e tramitación en

* Información:
Teléfono: 900 81 51 51 / 981 54 11 47
Correo electrónico: informa@igape.es
Presencialmente con cita previa: http://citaprevia.igape.es/


Para presentar a solicitude de axuda, os organismos interesados deberán cubrir un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e das accións para as que solicita a subvención, a través de http://www.tramita.igape.es
A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I).

Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado.
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante.

A solicitude deberá presentarse xunto coa seguinte documentación complementaria:

a) Acta e estatutos de constitución, con acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente e modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil ou as inscritas que se opoñan expresamente a que o Igape consulte estes datos.
b) Certificado acreditativo da inscrición no Rexistro de Centros de Innovación e Tecnoloxía con anterioridade ao 31/12/2016, no caso de centros de innovación e tecnoloxía.
c) As tres ofertas que, se é o caso, deba ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 5.5 das bases reguladoras.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente.

Observacións

O prazo de execución iniciarase na data de presentación da solicitude de axuda e rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 15 de novembro de 2020 para as solicitudes con accións a realizar ata esta data, e do 30 de xuño de 2021 para solicitudes con accións a realizar ata esta data. Estas dúas datas, en cada caso, son as datas últimas admisibles de facturación e pagamento. Dentro deste prazo de execución deberase presentar a solicitude de cobramento. As accións realizadas entre o 16 de novembro de 2020 e o 31 de decembro do 2020 poderán ser imputadas ao 2021.

O prazo para solicitar anticipos terá como data límite o 31 de xullo de 2020, para os beneficiarios con prazo máximo de execución ata o 15 de novembro de 2020, e no mes xaneiro de 2021 poderán solicitar o anticipo correspondente os beneficiarios con prazo máximo de execución ata o 30 de xuño de 2021.