O prazo de presentación finaliza o 07/08/2020

IG239 - OBRADOIROS Á DIXITALIZACIÓN INDUSTRIA 4.0 (2020)

Finalidade / Obxectivo

Os obradoiros concíbense como espazos de encontro entre empresas para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración que dean lugar a proxectos de implementación de ferramentas dixitais colaborativas sectoriais susceptibles de optar ás axudas establecidas nestas bases ou noutras convocatorias, ou ben oportunidades de hibridación intersectorial.

Estes espazos de encontro terán necesariamente carácter presencial, aínda que poderá continuarse o contacto entre os membros do grupo e organizarse outros eventos en contornos virtuais.

Deberá ter lugar, cando menos, unha reunión mensual presencial das empresas. Esta reunión terá que documentarse en vídeo ou por escrito acompañada de fotografías.

En cada espazo de encontro deberán participar persoas dun mínimo de 6 empresas distintas. Considerarase que cada reunión está validamente constituída para os efectos destas axudas se asisten persoas de 2/3 das empresas participantes en cada espazo de encontro. A cada reunión poderán asistir diferentes persoas por cada empresa.

Tipos de apoio

Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia competitiva. Suxeita ao réxime de minimis.

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser beneficiarios os organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderanse como tal para efectos destas axudas:

a) Entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa ou clústers empresariais.

b) Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As entidades que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
b) As entidades que entren dentro da categoría de empresa en crise.
c) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.

Cualificación requerida do proxecto

Os proxectos deberán acadar 60 puntos na baremación para ser aprobados.

Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral:

1º. Dimensión do proxecto. En función do número de empresas participantes: 2 puntos por empresa ata un máximo de 20 puntos.

2º. Calidade técnica do proxecto: ata 25 puntos, que se avaliarán en función dos seguintes parámetros:

i. Madurez da proposta en canto á definición da temática e obxectivos do espazo de encontro. Ata 10 puntos.
ii. Intensidade da participación das empresas que se vai promover. Ata 5 puntos.
iii. Utilización de metodoloxías probadas de dinamización de grupos e xeración de ideas. Ata 5 puntos.
iv. Diversidade en canto á posición na cadea de valor sectorial das empresas participantes. Ata 3 puntos.
v. Propostas concretas de colaboración co Igape na difusión dos resultados dos proxectos. Ata 2 puntos.

3º. Sector ou ámbito de actividade no que se desenvolva o proxecto: 15 puntos, que se outorgarán a proxectos onde a maioría das empresas que participen pertenzan a sectores prioritarios definidos na Axenda de Competitividade:

i. Estratéxicos: agroalimentación, produtos do mar e acuicultura, automoción, enerxías renovables, madeira/forestal, naval/industria marítima, pedra natural, téxtil-moda.
ii. Emerxentes e de alto potencial: aeronáutico/aeroespacial, industria da saúde e do benestar, industrias creativas, biotecnoloxía, novos materiais, ecoindustria, TIC.

4º. Experiencia do organismo intermedio na xestión de proxectos colaborativos nos 3 anos inmediatamente anteriores á solicitude de axuda: 3 puntos por cada proxecto de dinamización de grupos finalizado con resultados cuantificables e 1 punto por cada proxecto finalizado noutra temática ata un máximo de 20 puntos.

5º. Efecto tractor no sector. Interese e atractivo para a súa implementación por outras empresas: ata 20 puntos.

En caso de empate nas puntuacións, decidirase a favor do proxecto que obtivese máis puntos na valoración do criterio 2º. Se aínda así seguise existindo empate, decidirase pola maior puntuación nos criterios 1º, 3º, 4º e 5º, por esa orde.

Investimentos ou gastos computables

1. Poderanse subvencionar os seguintes gastos nos que incorran os organismos intermedios para a organización dos obradoiros:

a) Colaboracións externas directamente relacionadas coa execución do proxecto, para a dirección e dinamización dos grupos de empresas. As colaboracións externas subvencionables non consistirán en actividades permanentes ou periódicas do organismo nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais como son os servizos rutineiros de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade.

b) No suposto de que o importe do IVE supoña un custo real soportado polo beneficiario poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso deberase presentar un certificado relativo á situación do beneficiario con respecto do IVE. No caso de que o réxime do IVE sexa a pro rata, o gasto subvencionable calcularase con base en pro rata definitiva do último exercicio pechado antes da concesión da axuda, sendo responsabilidade do beneficiario realizar os axustes correspondentes na liquidación das obrigas fiscais.

c) Gastos de persoal do organismo intermedio:

1º. Ata un 10 % do orzamento total do proxecto en concepto de gastos de coordinación e selección de participantes se a dirección e dinamización do obradoiro se contrata a un colaborador externo.

2º. Ata o 100 % do orzamento total do proxecto se a dirección e dinamización dos grupos de empresas a realiza o organismo intermedio con persoal propio. Neste caso, terá que dispor dunha experiencia mínima de 3 proxectos de dirección e dinamización de grupos desenvolvidos con persoal propio nos 3 anos inmediatamente anteriores á solicitude de axuda. Esta experiencia deberá declararse no formulario electrónico de solicitude de axuda e describirse en detalle na memoria requirida no artigo 10.4.a), indicando, cando menos, temática dos proxectos, número de integrantes dos grupos, metodoloxía de dinamización utilizada, obxectivos e resultados acadados. Na memoria deberá detallarse tamén o método de determinación da imputación dos gastos de persoal ao proxecto.

2. O período de execución dos gastos subvencionados denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria.

3. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

4. Cando o importe subvencionable dos elementos que se van adquirir a un mesmo provedor supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo no momento de publicar estas bases), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á prestación do servizo, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia, asinado polo representante legal ou por un experto independente.

5. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Contía das axudas

1. A subvención será do 100 % dos gastos subvencionables ata un máximo de 25.000 euros por proxecto e concédese ao abeiro do réxime de axudas de minimis.

Polo tanto, debe garantirse que, de recibir o organismo intermedio outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Para tal efecto, solicitarase do organismo intermedio unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de un mes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Incompatibilidades

Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere as porcentaxes máximas establecidas neste artigo.

Referencia lexislativa

Resolución do 23 de xuño (DOG Nº134 do 07/07/2020) - Bases reguladoras
Cuestionario de exemplo

Información e tramitación en

* Información:

- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es
- ou en informa@igape.es


* Tramitación:

1. Para presentar a solicitude, a entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I)

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma@firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

4. A solicitude deberá presentarse xunto coa seguinte documentación complementaria:

a) Memoria descritiva do proxecto que deberá conter mención explícita aos criterios de selección aplicables.

b) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, de acordo co establecido nos artigos 3.4 e 7.7 destas bases reguladoras.

c) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

d) Se é o caso, o documento de constitución da agrupación segundo o establecido no artigo 6.