O prazo de presentación finaliza o 22/02/2021

IG107 - AXUDAS PARA NOVOS EMPRENDEDORES (GALICIA EMPRENDE) (2021)

Finalidade / Obxectivo

Co obxectivo xeral de estimular e impulsar a recuperación do tecido empresarial na Comunidade Autónoma, especialmente tras a negativa influencia socioeconómica da crise do coronavirus, cara a fomentar o desenvolvemento equilibrado do territorio galego e favorecer a creación de emprego a través da creación de empresas por parte de novos emprendedores, o Igape desenvolve este sistema de apoio a proxectos de ata 400.000 € de axuda. Con este programa de axudas preténdese favorecer tamén o reemprendemento e a cooperación interempresarial nas cuestións relacionadas coa xestión, distribución e loxística dos produtos e servizos, tanto na oferta coma na demanda.

Tipos de apoio

Subvención en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas os/as autónomos/as e as pequenas empresas, que realicen unha actividade económica e teñan menos de 42 meses de antigüidade de alta na actividade na data da solicitude da axuda, segundo se establece no artigo 1.

Enténdense incluídas as sociedades mercantís, cooperativas, asociacións e outras entidades con personalidade xurídica propia e as sociedades civís, comunidades de bens e outras entidades sen personalidade xurídica propia sempre que conten con NIF e a súa constitución estea documentada e presentada a autoliquidación do imposto de actos xurídicos documentados.

No caso de entidades, con ou sen personalidade xurídica, a maioría do capital social ou das participacións ten que ser propiedade de persoas emprendedoras, é dicir, que non tiveran actividade económica previa ou esta sexa inferior a 42 meses na data da solicitude, agás os supostos de reemprendemento.

2. No caso de que a entidade que vai desenvolver o proxecto emprendedor non estea aínda constituída, a solicitude de axuda poderá presentarse a nome dunha persoa física. Se a axuda se concedera, o/a beneficiario/a deberá solicitar o cambio de titularidade do expediente a favor da entidade creada xuntando os documentos da súa constitución, que deberá axustarse aos requirimentos destas bases, e no documento de constitución deberá constar expresamente a asunción dos dereitos e obrigas derivados da concesión da axuda por parte da nova entidade.

3. Nos supostos de sucesión de empresa, considerarase actividade emprendedora a realización da actividade empresarial pola persoa ou entidade sucesora inter vivos ou mortis causa sempre que cumpra os requisitos establecidos nestas bases para ser considerada persoa emprendedora. Nestes casos, os 42 meses de antigüidade contaranse dende a asunción efectiva da actividade empresarial pola persoa ou entidade sucesora, o que deberá acreditar documentalmente o/a solicitante.

4. Non poderán ser beneficiarios os establecidos no artigo 4.4 das bases reguladoras.

Os interesados poderán presentar máis de unha solicitude de axuda sempre que sexa para proxectos diferentes. Non obstante, no caso de que todas elas foran concedidas, o importe total de axuda para cada interesado non poderá superar o máximo de axuda de 400.000 euros.

Sectores incentivables

Non poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas empresas que desenvolvan a súa actividade no sector da pesca e da acuicultura, da produción agrícola primaria, do aceiro, do carbón, da construción naval, das fibras sintéticas, do transporte, da produción e distribución de enerxía e das infraestruturas enerxéticas.

Requisitos principais do proxecto

1. Serán subvencionables os proxectos emprendedores de creación ou ampliación de pequenas empresas galegas ou cun centro de traballo en Galicia que na data de presentación da solicitude de axuda non teñan máis de 42 meses de antigüidade dende a data de inicio da súa actividade (primeira alta en IAE). Serán subvencionables tamén os proxectos de reemprendemento, entendendo como tal exclusivamente os autónomos que estiveran de baixa continuada de toda actividade económica por conta propia durante un período igual ou superior a 3 anos; nestes casos, os 42 meses contaranse respecto da primeira alta en actividade económica por conta propia inmediatamente posterior á devandita baixa.

2. Os proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ser técnica, económica e financeiramente viables.
b) Ser proxectos completos, é dicir, a realización dos gastos e investimentos subvencionables debe dar como resultado a posta en marcha da actividade ou a súa ampliación. Non serán subvencionables as fases de proxectos que non sexan completas nestes termos.
c) Deben desenvolverse en Galicia.
d) A axuda solicitada debe supoñer un efecto incentivador para o proxecto presentado: considerarase que as axudas teñen un efecto incentivador se a solicitude de axuda se ten presentado antes do comezo do proxecto. Ningún dos custos incluídos na solicitude de axuda poderá estar realizado nin comprometido antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. De ser así, o proxecto considerarase non subvencionable na súa totalidade. Para estes efectos, a compra dos terreos e determinados traballos preparatorios, como a obtención de permisos ou a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

Cualificación requerida do proxecto

Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias do artigo 1 serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral ata un máximo de 100 puntos:

a) Compromiso de creación de emprego. Outorgaranse 10 puntos por cada posto de traballo con contrato laboral e afiliación ao réxime xeral da Seguridade Social que se comprometa crear.
A creación de emprego considerarase en unidades UTA.

b) Investimento. Outorgaranse 10 puntos aos proxectos que inclúan investimentos en activos fixos materiais superiores a 50.000 euros e 20 puntos aos proxectos que inclúan investimentos en activos fixos materiais superiores a 100.000 euros

c) Innovación. Outorgaranse 20 puntos aos proxectos ou empresas innovadores. Consideraranse como tales os que obtiveran a cualificación como iniciativa de emprego de base tecnolóxica (IEBT) por parte do órgano competente da Xunta de Galicia, os proxectos seleccionados para participar nas convocatorias das incubadoras e aceleradoras promovidas pola Xunta de Galicia ou por outras entidades públicas ou privadas, as empresas inscritas no Rexistro de Pemes Innovadoras do Ministerio de Ciencia e Innovación, as empresas que dispoñan da certificación EA 0047:2015 ou EA 0043:2015 de Peme Innovadora ou Xove Empresa Innovadora respectivamente, ou as empresas que obtiveran a marca EIBT de empresa innovadora de base tecnolóxica outorgada pola Asociación Nacional de Centros Europeos de Empresas e Innovación (ANCES).

d) O sector de actividade no que se desenvolve o proxecto. Aos proxectos dos sectores relacionados no anexo III destas bases asignaránselles 10 puntos. No caso de que o proxecto se desenvolva en distintos sectores, estarase ao sector da actividade principal da empresa segundo a facturación do último exercicio ou segundo as estimacións se é unha empresa nova sen actividade previa.

e) Economía verde e circular. Outorgaranse ata 10 puntos pola aplicación de medidas concretas, efectivas e cuantificables de redución da pegada de carbono no proceso produtivo, nos aprovisionamentos, na distribución, no consumo enerxético, de auga ou outros insumos e pola redución e valorización dos residuos.

f) Formación. Outorgaranse ata 10 puntos no caso de que a persoa emprendedora, sexa autónoma ou participante nunha entidade, teña realizado cursos ou programas formativos de xestión empresarial específicos para emprendemento organizados por institucións ou entidades públicas. De estaren organizados por entidades privadas, a acreditación deberá vir acompañada da descrición do contido formativo impartido ou indicar a URL onde se poda consultar na Internet

g) Ás entidades de economía social outorgaránselle 10 puntos. A efectos destas bases, consideraranse empresas de economía social as cooperativas, sociedades laborais, sociedades agrarias de transformación, empresas de inserción, centros especiales de emprego, fundacións e asociacións.

h) Dispor da Marca Galega de Excelencia en Igualdade valorarase con 5 puntos.

Investimentos ou gastos computables

1. Serán subvencionables os investimentos e gastos que correspondan de xeito indubitable ao proxecto de creación ou ampliación da pequena empresa. Nomeadamente:

a) Obra civil para construción, reforma ou habilitación de instalacións, suxeitos aos módulos máximos que se achegan como anexo IV, levadas a cabo en instalacións ou terreos propiedade do solicitante ou sobre os que teña un dereito de uso e gozo que permita á realización de obras irrevogable durante 5 anos a contar desde a data de finalización do prazo de execución do proxecto. No caso de que o acordo ou contrato que confire ese dereito sexa oneroso, só poderá formalizarse con entidades non vinculadas ao solicitante.

b) Bens de equipo: maquinaria de proceso, instalacións específicas para a actividade subvencionable, equipos e medios de transporte interno, vehículos especiais de transporte externo, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento.

c) Outros investimentos en activos fixos materiais incluíndo mobiliario. En ningún caso se subvencionarán os vehículos de transporte externo que non teñan a consideración de vehículo especial.

d) Activos inmateriais: activos que no teñen unha materialización física ou financeira, como patentes, licenzas, coñecementos técnicos ou outros dereitos de propiedade intelectual e páxinas web.

e) A adquisición de activos pertencentes a un establecemento ou de bens de equipo de segunda man serán subvencionables sempre que cumpran os requisitos do artigo 5.

Cando a persoa emprendedora sexa membro da familia do/a propietario/a inicial ou un/ha empregado/a e se faga cargo da pequena empresa para continuar coa actividade, non se aplicará a condición de que os activos deban ser adquiridos a terceiros non relacionados co comprador. A mera adquisición das accións dunha empresa non constituirá un investimento.

f) Gastos de persoal de nova contratación.

g) Gastos de alugueiro de locais. Non poderán imputarse custos por este concepto no caso de que a actividade se desenvolva na vivenda da persoa emprendedora.

h) Gastos de contratacións externas de servizos específicos: software de pago por uso, deseño gráfico, identidade corporativa, servizos de asesoramento para a posta en marcha do proxecto empresarial.

i) Os custos do informe de auditor de contas inscrito no ROAC requirido no artigo 17.4.b) 2º ata un máximo de 1.000 euros.

2. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade polo beneficiario, admitíndose expresamente, a estes efectos, a obra civil en terreos sobre os que exista un dereito de superficie ou unha concesión administrativa e/ou as reformas de instalacións en inmobles alugados.

3. Os investimentos e gastos terán que realizarse dentro do prazo de execución do proxecto, que abrangue dende a presentación da solicitude de axuda ata a data límite que conste na resolución de concesión. Dos gastos de aboamento periódico, como os de alugueiro ou persoal, consideraranse subvencionables só os períodos de facturación completos que queden comprendidos dentro do prazo de execución do proxecto.

4. O investimento en bens inscritibles nun rexistro público terá que ser mantido, vinculado á actividade económica subvencionable, no centro de traballo en Galicia durante 5 anos desde a data límite de execución do proxecto establecida na resolución de concesión, e o resto do investimento, durante 3 anos desde a devandita data.

5. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante este período.

6. Cando o importe do custo subvencionable supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 euros no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben e importe igual ou superior a 40.000 euros no caso de execución de obra, no momento de publicar estas bases), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, o que deberá acreditar o solicitante.

7. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais sobre a renda, xuros e gastos financeiros, e taxas.

8. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos a terceiros. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, agás o suposto de adquisición de establecemento previsto no apartado 1.e) deste mesmo artigo 5. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades.

9. En ningún caso o custo dos investimentos e gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Contía das axudas

A subvención a fondo perdido será do 80% dos custos subvencionables ata un máximo de 400.000 euros.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación comeza o día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata 45 días naturais.

Incompatibilidades

Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas para os mesmos investimentos e gastos. Poderán ser compatibles con préstamos que conten con axuda pública sempre que esta non estea financiada con fondos da UE e que a contía total das axudas concorrentes non supere o 100% dos investimentos e gastos subvencionables do proxecto, ou o límite que resulte de aplicar o establecido na normativa de axudas de Estado aplicable ás axudas concorrentes. Tamén poderán ser compatibles con bonificacións fiscais e de cotas da Seguridade Social.
Unha operación poderá recibir axuda dun ou varios Fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, a condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pago correspondente a un dos Fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro Fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo Fondo no marco dun programa distinto.

Referencia lexislativa

Resolución do 17 de decembro de 2020 (DOG Nº4 do 08/01/2021) - Bases reguladoras e convocatoria 2021

Información e tramitación en

*Información:

- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

*Tramitación:

Os interesados deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través de http://www.tramita.igape.es.

A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Para todas as solicitudes:

- Memoria descritiva do proxecto, que se deberá xuntar como documento ao formulario electrónico de solicitude. Nesta memoria deberán estar explicados con detalle, como mínimo, os antecedentes e experiencia da/s persoa/s promotora/s, a xénese da idea, xustificación da necesidade dos investimentos e gastos propostos para a realización do proxecto, descrición do proceso produtivo de bens ou servizos, plan básico de negocio, criterios para a determinación dos ingresos estimados, financiación do proxecto con indicación da orixe dos fondos, e descrición polo miúdo das circunstancias do proxecto a valorar segundo o baremo do artigo 6 destas bases.

- Informe de vida laboral do/a autónomo/a e de cada un/unha dos/das participantes socios/as das entidades emprendedoras. No caso de asociacións e fundacións, dos/as asinantes da acta ou escritura fundacional e dos/as compoñentes da xunta directiva.

- As tres ofertas que, se é o caso, deban ter solicitado, de acordo co establecido nos artigos 5.7 destas bases reguladoras.

- No caso de que se solicite a aplicación dos criterios c), f) e i) do artigo 6.2 destas bases reguladoras na valoración da solicitude, acreditación documental segundo corresponda do cumprimento das condicións requiridas.

- Para os solicitantes que xa teñan actividade económica no momento da solicitude da axuda e aleguen creación de emprego avaliable, informe de vida laboral á data da solicitude de todas as contas de cotización.

b) Para as entidades que non estean inscritas no Rexistro Mercantil, documento de constitución, inscrito no rexistro competente se é necesario, acreditación da autoliquidación do imposto de actos xurídicos documentados no seu caso, e acreditación documental da representación legal da persoa que actúe en nome da entidade.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente

Observacións

O prazo de execución e xustificación dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 31 de xullo de 2022

Os beneficiarios das axudas deberán presentar a solicitude de cobramento como máis tarde o 15 de novembro de 2021 para os proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 15 de novembro de 20201 ou anterior, e como máis tarde o 31 de xullo de 2022 no resto dos proxectos.