O prazo de presentación finalizou o 05/08/2019

SUBVENCIÓNS PARA O APOIO AO EMPRENDEMENTO FEMININO (PROGRAMA EMEGA)

Finalidade / Obxectivo

O programa Emega comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais promovidos por mulleres.

Tipos de apoio

Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia competitiva en réxime de minimis.

Beneficiarios potenciais

Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Emega as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen os seus plans Innova ou Activa no período comprendido entre o 1 de agosto de 2018 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, sempre que cumpran todas as condicións e os requisitos comúns e os específicos da correspondente liña ou tipo de axuda previstos.

Cando se trate de empresarias individuais, a solicitude deberá ser presentada pola traballadora autónoma.

Sectores incentivables

As axudas sometidas ao réxime de minimis non poderán concederse ás empresas, actividades e supostos seguintes:

a) Empresas que operan no sector da pesca e acuicultura, segundo se establece no Regulamento (UE) número 1379/2013, do Parlamento Europeo e do Consello.

b) Empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do tratado.

c) Empresas que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes: c.1) Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas; c.2) Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade desta se repercuta aos produtores primarios.

d) Actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e ao funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

e) As axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Requisitos principais do proxecto

* Requisitos comúns a todas as liñas de axuda:

a) Tratarse dunha empresa privada coa categoría de microempresa ou pequena empresa validamente constituída, baixo calquera forma xurídica segundo o sinalado no punto 2.b) deste artigo.

b) A actividade mercantil pode ser realizada por empresarias individuais, sociedades civís, comunidades de bens ou sociedades mercantís, incluídas as sociedades laborais e as cooperativas de traballo asociado.

c) Ter domicilio social e fiscal, así como establecemento de produción ou comercial en Galicia.

d) Todas as promotoras das empresas beneficiarias das axudas deben estar de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, e estar vinculadas laboralmente á empresa desenvolvendo de forma habitual a súa actividade profesional nela.

e) Para os efectos deste programa, os postos de traballo por conta allea con contrato indefinido a tempo parcial só se terán en conta cando a xornada de traballo non sexa inferior ao 50 % da xornada ordinaria de traballo establecida legalmente ou no convenio colectivo que lle sexa de aplicación.

Así mesmo, os postos de traballo por conta allea con contrato indefinido para a realización de traballos de carácter fixo descontinuo só se terán en conta cando a duración da actividade da traballadora non sexa inferior a dez meses nun período de doce meses.

f) Ter iniciado a actividade económica e a actividade laboral nos termos exixidos para cada tipo de axuda nesta resolución.

Cando a actividade empresarial sexa realizada por unha sociedade civil, comunidade de bens, sociedade mercantil, cooperativa ou sociedade laboral, a solicitude de subvención deberá ser presentada por esta, non serán válidas nin admisibles as solicitudes presentadas polas socias ou comuneiras a título persoal; de ser o caso, efectuarase o oportuno requirimento para que emenden a solicitude.

g) A iniciativa ou proxecto empresarial debe ter viabilidade técnica, económica e financeira, o que deberá quedar reflectido no Plan de negocio empresarial.

h) Non encontrarse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da interesada.

i) Non ter percibido axudas ao abeiro do programa Emega nos tres anos anteriores á data do inicio da actividade económica, no caso das liñas Emprende e ITEF. No caso das liñas Activa e Innova, nos tres anos anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria.

Contía das axudas

* Liña Emprende: requisitos específicos e contía dos incentivos

1. Poderán acollerse aos incentivos da liña Emprende as empresas de nova creación constituídas por mulleres sempre que, ademais dos requisitos e das condicións xerais e comúns para obter a condición de beneficiaria, cumpran os seguintes requisitos específicos:

a) O inicio da actividade económica para a cal solicita a axuda ten que producirse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2018 e a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, ambos os dous incluídos.

b) Ten que supor a creación dos postos de traballo de todas as promotoras.

c) As promotoras antes do inicio da actividade laboral deben estar desempregadas. No caso de empresas constituídas por máis dunha promotora, esta condición deberá cumprirse, como mínimo, polo 50 % das promotoras.

Para estes efectos, entenderase por persoa desempregada aquela que careza de ocupación durante un período mínimo dun mes inmediatamente anterior á data de efectos da alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou na mutualidade de colexio profesional, segundo os datos que consten no informe de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, no certificado da mutualidade do colexio profesional.

d) A alta de todas as promotoras no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional deberá formalizarse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2018 e a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, ambos os dous incluídos.

No caso de creación de emprego para traballadoras por conta allea, para que poidan ser tidas en conta para os efectos desta convocatoria, a correspondente alta na Seguridade Social deberá formalizarse, como máximo, na data de finalización do prazo de xustificación da axuda.

e) Non ter desenvolvido actividade empresarial na mesma actividade económica nos tres anos inmediatamente anteriores á data de efectos da alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou na mutualidade de colexio profesional da nova actividade para a cal se solicita a axuda, segundo os datos que consten no informe de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, no certificado da mutualidade do colexio profesional.

Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia a nivel de tres díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE).

2. A contía dos incentivos da liña Emprende determínase en atención ao número de postos de traballo creados con carácter estable para mulleres, por conta propia ou por conta allea, de acordo coa seguinte escala:

a) Incentivo de 8.000 euros ás empresas que creen o posto de traballo da promotora.

b) Incentivo de 14.000 euros ás empresas que creen dous postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

c) Incentivo de 18.000 euros ás empresas que creen tres postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

d) Incentivo de 20.000 euros ás empresas que creen catro ou máis postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

* Liña Innova: requisitos específicos e contía dos incentivos

1. Poderán acollerse aos incentivos da liña Innova as empresas constituídas por mulleres que presenten un proxecto de mellora sempre que, ademais dos requisitos e das condicións xerais e comúns para obter a condición de beneficiaria relacionados no artigo 5 desta resolución, cumpran os seguintes requisitos específicos:

a) No mes de finalización do prazo de presentación de solicitudes, debe acreditarse a realización efectiva da actividade empresarial de forma ininterrompida durante un mínimo de dous e un máximo de cinco anos na mesma actividade económica para a cal se proxecta a mellora.

b) O proxecto de mellora ten que supor a creación, polo menos, dun posto de traballo para unha muller para o cal se exixa unha capacitación profesional media ou superior e cuxas funcións laborais estean vinculadas directamente ao desenvolvemento do proxecto de mellora e por un período mínimo de dous anos.

c) A alta na Seguridade Social da traballadora que ocupe o posto obrigatorio e, de ser o caso, das que ocupen os demais postos de traballo creados e vinculados ao proxecto de mellora, para que poidan ser tidas en conta para os efectos desta convocatoria, deberá formalizarse, como máximo, na data de finalización do prazo de xustificación da axuda.

d) O proxecto de mellora, cuxa estratexia de implementación debe recollerse no plan de negocio empresarial, deberá materializarse nalgunha das seguintes accións:

- Proxectos de desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas para a obtención de novos produtos ou procesos, ou mellora dos xa existentes.

- Proxectos de aplicación de novas fórmulas de produción ou distribución.

- Proxectos de diversificación de produción e/ou ofertas de produtos ou servizos no marco da mellora da calidade.

- Proxectos de reformulación empresarial para a achega ao mercado de produtos ou servizos innovadores ou de especial singularidade.

e) O proxecto de mellora ten que materializarse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2018 e, como máximo, na data de finalización do prazo de xustificación da axuda.

2. A contía dos incentivos da liña Innova determínase en atención á creación do posto obrigatorio e, de ser o caso, ao número dos demais postos de traballo creados con carácter estable para mulleres, de acordo coa seguinte escala:

a) Incentivo de 12.000 euros ás empresas que creen o posto de traballo obrigatorio para unha muller.

b) Incentivo de 15.000 euros ás empresas que creen, ademais do posto de traballo obrigatorio, un posto de traballo por conta allea con contrato indefinido para outra muller.

c) Incentivo de 18.000 euros ás empresas que creen, ademais do posto de traballo obrigatorio, dous postos de traballo por conta allea con contrato indefinido para mulleres.

d) Incentivo de 20.000 euros ás empresas que creen, ademais do posto de traballo obrigatorio, tres ou máis postos de traballo por conta allea con contrato indefinido para mulleres.

* Liña Activa: requisitos específicos e contía dos incentivos

1. Poderán acollerse aos incentivos da liña Activa as empresas constituídas por mulleres que presenten un proxecto de reactivación para o mantemento do emprego e para asegurar o necesario equilibrio empresarial sempre que, ademais dos requisitos e das condicións xerais e comúns para obter a condición de beneficiaria relacionados no artigo 5 desta resolución, cumpran os seguintes requisitos específicos:

a) No mes de finalización do prazo de presentación de solicitudes, debe acreditarse un período mínimo de tres anos de realización efectiva da actividade empresarial na mesma actividade económica para a cal se proxecta o plan de reactivación. Entenderase cumprido este requisito cando existan períodos de inactividade que en total non superen os tres meses.

b) O proxecto de reactivación e consolidación deberá recollerse no plan de negocio empresarial e ten que materializarse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2018 e, como máximo, na data de finalización do prazo de xustificación da axuda.

c) O plan de negocio empresarial deberá conter a definición do proxecto e deberá incluír, entre outros, o seguinte: a) os aspectos que condicionan o seu funcionamento; b) as necesidades que se deben cubrir para acadar o equilibrio empresarial e o mantemento do emprego; c) as medidas de tipo estrutural, conxuntural, económicas, financeiras, tecnolóxicas, de cualificación de medios humanos, de ampliación ou renovación de produtos ou servizos, de localización, etc., necesarias para a reactivación empresarial; d) o cadro de persoal e e) a conta de resultados dos últimos tres anos de funcionamento.

d) Manter ou incrementar o número de postos de traballo por conta propia ou por conta allea preexistentes na empresa.

e) A alta na Seguridade Social das traballadoras que ocupen os novos postos de traballo creados como consecuencia do proxecto de reactivación, para que poidan ser tidas en conta para os efectos desta convocatoria, deberá formalizarse, como máximo, na data de finalización do prazo de xustificación da axuda.

2. A contía dos incentivos da liña Activa determínase en atención ao número de postos de traballo existentes na empresa como consecuencia do mantemento ou do incremento do emprego preexistente, por conta propia ou por conta allea, de acordo coa seguinte escala:

a) Incentivo de 6.000 euros ás empresas que manteñan o posto de traballo da promotora.

b) Incentivo de 10.000 euros ás empresas con dous postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

c) Incentivo de 12.000 euros ás empresas con tres postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

d) Incentivo de 15.000 euros ás empresas con catro ou máis postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

* Liña ITEF: requisitos específicos e contía dos incentivos

1. Poderán acollerse aos incentivos da liña ITEF as empresas de nova creación que respondan a un proxecto empresarial de carácter innovador, no eido da investigación e da tecnoloxía, constituídas por mulleres e sempre que, ademais dos requisitos e das condicións xerais e comúns para obter a condición de beneficiaria relacionados no artigo 5 desta resolución, cumpran os seguintes requisitos específicos:

a) O inicio da actividade económica ten que producirse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2018 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, ambos os dous incluídos.

b) A actividade, proceso, produto ou servizo que vaian desenvolver debe ter un claro carácter innovador, con alto contido científico ou tecnolóxico, ter como obxectivo principal a aplicación de desenvolvementos tecnolóxicos no ámbito produtivo, de novo coñecemento aplicado, de resultados do avance científico e de I+D+i, ou nos cales a presenza de elementos intanxibles xeradores de valor sexa especialmente importante.

c) Ten que supor a creación dos postos de traballo de todas as promotoras.

d) As promotoras antes do inicio da actividade laboral deben estar desempregadas. No caso de empresas constituídas por máis dunha promotora, esta condición deberá ser cumprida, como mínimo, polo 50 % das promotoras.

Para estes efectos, entenderase por persoa desempregada aquela que responda á definición contida no artigo 6.1.c) desta resolución.

e) A alta das promotoras no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional deberá formalizarse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2018 e a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, ambos os dous incluídos.

No caso de creación de emprego para traballadoras por conta allea, para que poidan ser tidas en conta para os efectos desta convocatoria, deberán formalizarse, como máximo, na data de finalización do prazo de xustificación da axuda.

f) Como mínimo, a promotora ou unha delas, cando sexan varias, debe ser unha persoa con titulación universitaria relacionada co ámbito da ciencia, do coñecemento ou da tecnoloxía en que se basea a iniciativa empresarial. Ademais, en todo caso, ten que gardarse a proporción dunha persoa con titulación universitaria por cada catro postos de traballo creados.

g) Non ter desenvolvido actividade empresarial na mesma actividade económica nos tres anos inmediatamente anteriores á data de efectos da alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou na mutualidade de colexio profesional da nova actividade para a cal se solicita a axuda, segundo os datos que consten no informe de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, no certificado da mutualidade do colexio profesional.

Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia a nivel de tres díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE).

2. A contía dos incentivos da liña ITEF determínase en atención ao número de postos de traballo creados con carácter estable para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, de acordo coa seguinte escala:

a) Incentivo de 16.000 euros ás empresas que creen o posto de traballo da promotora.

b) Incentivo de 25.000 euros ás empresas que creen dous postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

c) Incentivo de 30.000 euros ás empresas que creen tres postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

d) Incentivo de 40.000 euros ás empresas que creen catro ou máis postos de traballo para mulleres, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido, incluíndo o da promotora ou promotoras.

* Concilia: obxecto, modalidades e contía dos incentivos

1. Concilia é unha axuda complementaria das liñas Emprende, Innova, Activa e ITEF que ten por obxecto favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral ou profesional, tanto das promotoras coma das persoas traballadoras incorporadas á empresa, coas seguintes modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.

Os incentivos previstos para esta axuda só poderán concederse a aquelas empresas que os soliciten expresamente e que resulten beneficiarias de subvención por calquera das liñas Emprende, Innova, Activa ou ITEF previstas nesta convocatoria.

2. A modalidade Concilia-promotoras consiste nun incentivo de 3.000 euros por empresa, sempre que forme parte dela algunha promotora con filla/s ou fillo/s menores de tres anos na data de finalización do prazo de xustificación da axuda.

3. A modalidade Concilia-persoas traballadoras por conta allea consiste nun incentivo, por importe máximo de 5.000 euros por empresa, sempre que se solicite expresamente e se opte por un dos seguintes supostos:

a) Formalización dun acordo ou pacto de conciliación para o persoal asalariado, coas persoas traballadoras ou representantes sindicais e vinculante para as partes, para a implantación de novos sistemas de organización do traballo para favorecer a conciliación e a corresponsabilidade, que conteñan medidas que permitan unha maior adaptación dos tempos de traballo e a flexibilización horaria para as persoas traballadoras por conta allea e que non estean xa recollidas como obrigatorias na lexislación vixente. Neste suposto o incentivo será de 3.000 euros por empresa.

b) Empresas que asinen acordos de teletraballo, formalizados de xeito individual, co persoal vinculado á empresa con contrato laboral. O incentivo neste caso será de 1.000 euros por persoa traballadora por conta allea cun máximo de 5.000 euros por empresa.

Para os efectos desta resolución, considérase teletraballo aquel en que a prestación laboral remunerada se desenvolva, como mínimo, durante dúas xornadas laborais á semana fóra das dependencias da empresa, ben no domicilio da persoa traballadora ou ben onde libremente elixa, mediante o emprego de novas tecnoloxías da información e a comunicación, co obxecto de contribuír á conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

O acordo individual de teletraballo reflectirá, como mínimo, as condicións en que se desenvolverá a prestación laboral e axustarase ao establecido na normativa legal e no convenio colectivo de aplicación.

4. Tanto os acordos ou pactos de conciliación coma os acordos individuais de teletraballo teñen que constar por escrito e estar formalizados, como máximo, na data da fin do prazo de xustificación da axuda, así como estar vixentes, cando menos, durante o período mínimo de permanencia da actividade, segundo o establecido no artigo 24 desta resolución.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

Incompatibilidades

1. As subvencións establecidas nesta resolución para as liñas Emprende, Innova, Activa e ITEF son incompatibles entre si e dentro de cada liña soamente poderán ser beneficiarias dun único incentivo. Estes incentivos son compatibles coa axuda complementaria Concilia prevista nesta resolución.

2. Así mesmo, as axudas do programa Emega son incompatibles coas establecidas para a mesma finalidade e concepto nos distintos programas de promoción do emprego autónomo, de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais, de iniciativas de emprego e de iniciativas de emprego de base tecnolóxica convocadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como con outras axudas que para a mesma finalidade e concepto poidan outorgar outros departamentos da Xunta de Galicia ou outras administracións públicas.

3. Tamén son incompatibles coas subvencións á contratación por conta allea convocadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, outros departamentos da Xunta de Galicia ou calquera outra Administración pública, agás que xa rematase o período de mantemento do emprego exixido na correspondente convocatoria. De ser o caso, a contratación subvencionada a través de incentivos á contratación por conta allea non se poderá ter en conta para os efectos deste programa Emega.

Referencia lexislativa

Resolución do 24 de xuño de 2019 (DOG Nº127 do 05/07/2018) - Bases reguladoras e convocatoria 2019

Información e tramitación en

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

SECRETARÍA XERAL DA IGUALDADE

Teléfono: 981545351
Fax: 981957690
Email: promocion.igualdade@xunta.es
http://www.mulleresengalicia.es