O prazo de presentación finalizou o 19/07/2013

PROGRAMA DE FOMENTO DO EMPREGO EN EMPRESAS DE ECONOMIA SOCIAL E DE PROMOCION DO COOPERATIVISMO

Finalidade / Obxectivo

Promover a incorporación de persoas desempregadas ás entidades de economía social, apoiar o desenvolvemento de proxectos de creación deste tipo de empresasa través dos seguintes programas:

- Programa I: fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais (TR802G).
- Programa II: fomento do acceso á condición de socio/a traballador/a (TR802J).
- Programa III: impulso de proxectos empresariais cooperativos e asistencia técnica (TR807D).

Tipos de apoio

Axudas a fondo perdido.

Beneficiarios potenciais

a) As cooperativas e sociedades laborais para as actuacións previstas no programa I de Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais.

b) As persoas desempregadas, os demandantes de mellora de emprego e asalariados/as das cooperativas e sociedade laborais, nos termos e para as axudas previstas no programa IV de fomento do acceso á condición de socio/a traballador/a.

c) As cooperativas ou sociedades laborais de nova creación ou as que acometan novos proxectos nos termos e para as actuacións previstas no programa III de impulso de proxectos empresariais cooperativos e asistencia técnica, así como as persoas e entidades que presten os servizos de asesoramento e acompañamento nos termos previstos no punto 3.2.1 da base terceira.

2. Con carácter xeral, os beneficiarios e as beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:

- As entidades deberán estar legalmente constituídas e/ou inscritas no Rexistro de Cooperativas de Galicia ou no Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais, ambos dependentes da Xunta de Galicia, e/ou no Rexistro Mercantil, se é o caso.
- Estar ao día das súas obrigas tributarias e de Seguridade Social.
- Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

Sectores incentivables

Todos, agás para as actividades que se indican a seguir:

a) Empresas que operan nos sectores da pesca e a acuicultura.
b) Empresas que operan na produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.
c) Actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros, é dicir, a axuda vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación ou funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.
d) Empresas activas no sector do carbón.
e) Adquisición de vehículos de transporte de mercadorías por estrada, por empresas que realicen por conta allea operacións de transporte de mercadorías por estrada.
f) Empresas en crise.

Investimentos ou gastos computables

Con carácter xeral e para todos os programas, o período de execución de accións abranguerá desde o 1 de xaneiro de 2013 ata o 31 de outubro de 2013. Excepcionalmente, as accións realizadas entre o 2 de febreiro de 2012 e a data de publicación desta convocatoria, poderán dar lugar ao acceso á condición de beneficiario.

Porén, o gasto subvencionable corresponderá ao último trimestre do 2012 e ao exercicio orzamentario de 2013.

* FOMENTO DO EMPREGO EN COOPERATIVAS E SOCIEDADES LABORAIS

- Axuda para a adquisición da condición de socio traballador e pola incorporación de socios traballadores ou de traballo vinculados á empresa por un contrato temporal.

* FOMENTO DO ACCESO Á CONDICIÓN DE SOCIO/A TRABALLADOR/A

- Axudas destinadas a financiar, parcialmente, a achega ao capital social que debe desembolsarse para a incorporación como socio/a.

* IMPULSO DE PROXECTOS EMPRESARIAIS COOPERATIVOS E ASISTENCIA TÉCNICA

- Axudas para a contratación de directores ou xerentes
- Apoio ás cooperativas que presten servizos de natureza social e a comunidade
- Axuda á Formación empresarial
- Asesoramento e acompañamento de proxectos
- Outras accións de asistencia técnica.
- Actividades de intercooperación e integración cooperativa.



Contía das axudas

* FOMENTO DO EMPREGO EN COOPERATIVAS E SOCIEDADES LABORAIS

- Axuda para a adquisición da condición de socio traballador e pola incorporación de socios traballadores ou de traballo vinculados á empresa por un contrato temporal.

Subvención de ata 5.500 euros por cada persoa desempregada que se incorpore a xornada completa como socio traballador ou de traballo nunha cooperativa ou sociedade laboral e así como no suposto da incorporación como socio traballador ou de traballo das persoas vinculadas á empresa por un contrato temporal. Estas contías incrementarase do seguinte xeito:

- Mozos e mozas entre 16 e 24 anos que carezan de calquera título educativo ou profesional adquirido con posterioridade ao ensino obrigatorio, a contía da axuda incrementarase en 1.000 euros ata un máximo de 6.500 euros.

- Muller desempregada, a contía da axuda incrementarase en 1.500 euros ata un máximo de 7.000 euros.

- Persoas desempregadas prevista en situación de exclusión social previsto na letra g) a contía da subvención incrementarase en 2.500 euros ata un máximo de 8.000 euros.

- Persoas desempregadas e con minusvalía igual ou superior ao 33%, a contía da subvención incrementarase en 4.500 euros ata un máximo de 10.000 euros.

No suposto de que a xornada de traballo do socio ou socia traballador/a ou de traballo incorporado/a sexa a tempo parcial, a contía da axuda será proporcional ao tempo efectivo de duración da xornada.

* FOMENTO DO ACCESO Á CONDICIÓN DE SOCIO/A TRABALLADOR/A

- Axudas destinadas a financiar, parcialmente, a achega ao capital social que debe desembolsarse para a incorporación como socio/a.

A contía das axudas poderá ascender ata 4.500 euros para a incorporación a unha cooperativa e ata 2.000 € para a incorporación a unha sociedade laboral, sen que en ningún caso poida ser superior á contía que corresponda subscribir en concepto de achega de capital social e cota de ingreso, ou de accións ou participacións sociais de ser o caso, pola incorporación como socio ou socia.

* IMPULSO DE PROXECTOS EMPRESARIAIS COOPERATIVOS E ASISTENCIA TÉCNICA

- Axudas para a contratación de directores ou xerentes.
Subvención de ata o 50% do seu custo, cunha contía máxima de 20.000 euros, por cooperativa de traballo asociado ou sociedade laboral.

- Apoio ás entidades que presten servizos de natureza social e a comunidade.
Poderán ser obxecto de subvención ata o 75% dos gastos ocasionados con motivo da incorporación como socios/as ou contratación de traballadores/as sociais, psicólogos/as e outros/as profesionais de especial cualificación que resulten necesarios para a viabilidade da empresa e unha adecuada prestación do servizo. Esta subvención non poderá superar a contía de 20.000 euros por cooperativa.

- Formación empresarial
Esta axuda irá destinada ao financiamento parcial de cursos relacionados con actividades como a de dirección e xestión empresarial e novas tecnoloxías da información e a comunicación. A contía desta axuda será de ata o 75% do custo dos servizos prestados ata o límite máximo de 5.000 euros por beneficiario.

- Asesoramento e acompañamento de proxectos
Poderán outorgarse subvencións para o asesoramento e acompañamento de proxectos, que comprenderá desde a realización de actividades previas ao inicio da actividade, tales como a orientación do proxecto e accións formativas e informativas do grupo promotor, ata a elaboración do plan empresarial da cooperativa, o seu seguimento e asesoramento na execución. O número de horas dedicadas ao acompañamento do proxecto, que non será inferior a 200 horas anuais. A contía da subvención ascenderá a 30 euros por hora de información, formación ou asesoramento por cada proxecto. O número mínimo de persoas asesoradas por proxecto será de tres.

- Outras accións de Asistencia técnica.
Poderán ser obxecto de subvención ata o 75% dos gastos ocasionados con motivo da posta en marcha dos proxectos que se indican a continuación, ata un máximo de 7.000 euros, cos seguintes límites particulares:
- Asistencias técnicas consistentes na elaboración de estudos de viabilidade, de organización, de comercialización, auditorías e outros informes de natureza análoga ata un máximo de 3.000 euros.
- Asesoramento para a elaboración dos estatutos sociais e regulamentos de réxime interno ata un máximo de 2.000 euros.
- Formalización e inscrición da escritura pública e demais trámites derivados do proceso de constitución da cooperativa ata un máximo de 2.000 euros.

- Actividades de intercooperación e integración cooperativa.
Poderase conceder unha axuda para realización de actividades de intercooperación realizadas de forma conxunta por catro ou máis entidades de economía social e que teñan como finalidade o lanzamento dun proxecto de colaboración empresarial para a consecución de obxectivos comúns relacionados coa investigación, desenvolvemento e innovación, as tecnoloxías da información e as comunicacións, a comercialización conxunta e a internacionalización, subvencionando parcialmente os gastos necesarios para a súa realización.
Actividades subvencionables:
Organización de actividades divulgativas e formativas da intercooperación
Celebración de encontros, seminarios e reunións das entidades participantes nos procesos de colaboración e dos seus socios e traballadores.
Elaboración dos estudos e informes precisos para o impulso dos proxectos de colaboración entre entidades de economía social.
Elaboración de proxectos de intercooperación e integración.
Presenza conxunta das entidades participantes nos procesos de colaboración en feiras, mostras e congresos.
Mantementeo de sistemas e redes telemáticas para a colaboración empresarial e para a xestións dos proxectos, así como para a xestión empresarial conxunta, comercio electrónico e accións de carácter análogo.


O importe desta axuda non poderá superar o 75% dos gastos necesarios para o inicio da actividade, cun máximo de ata 5.000 por cada entidade participante e un límite máximo global de 20.000 euros por solicitude.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Incompatibilidades

En ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a persoa ou entidade beneficiaria, no que se incluirán todos os custos directamente derivados dela, tales como custo total do activo e os custos de persoal calculados sobre o período que deban manterse os postos de traballo creados, de ser o caso.

As axudas e subvencións establecidas no programa I desta orde serán incompatible coas axudas establecidas nos programas de apoio a iniciativas de emprego, de iniciativas de emprego de base tecnolóxica, de promoción do emprego autónomo, de centros especiais de emprego e de promoción do emprego autónomo das persoas afectadas por diversidade funcional, convocadas pola Consellería de Traballo.

Ademais, as axudas pola incorporación de socios e socias traballadores/as ou de traballo serán incompatibles con outras axudas ou subvencións que se poidan conceder, pola mesma causa e concepto, ao abeiro doutros programas de fomento do emprego, agás as bonificacións de cotas á Seguridade Social que se establezan na normativa estatal.

Así mesmo, a axuda para contratación de directores/as ou xerentes poderá ser compatible coas bonificacións de cotas á Seguridade Social que se establezan na normativa estatal.

As axudas previstas no programa III: impulso de proxectos empresariais cooperativos, serán compatibles co resto das previstas nesta orde.

As axudas para o fomento do acceso á condición de socio traballador previstas no programa IV resultarán
compatibles coa percepción da prestación contributiva por desemprego na súa modalidade de pagamento único.

Non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de axuda previstos nesta orde.

O importe máximo das axudas para cada finalidade deberá respectar os límites que se establecen nas bases reguladoras dos distintos programas.

Referencia lexislativa

Orde do 31 de decembro de 2010 (DOG Nº14 do 21/01/2011) - Bases reguladoras e convocatoria 2011
Orde do 31 de decembro de 2011 (DOG Nº13 do 19/01/2012) - Convocatoria 2012
Orde do 11 de xuño de 2013 (DOG Nº116 do19/06/2013) - Bases reguladoras e convocatoria 2013

Información e tramitación en

Consellería de Traballo - Dirección Xeral de Relacións Laborais
Tlfno: 981.544.647

Servizo de cooperativas e Economía Social - Telefono: 981.544.784
http://www.cooperativasdegalicia.com/

Os formularios de solicitude poderán ser obtidos, cubertos e validados pola entidade solicitante a través da aplicación informática á que se accederá pola páxina web da Consellería de Traballo e Benestar (http://traballoebenestar.xunta.es)

Observacións

A data máxima de xustificación das accións subvencionadas será o 15 de novembro de 2013.