O prazo de presentación finalizou o 02/10/2017

INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN POR CONTA ALLEA DAS PERSOAS DESEMPREGADAS PARADAS DE LONGA DURACIÓN (TR349R)

Finalidade / Obxectivo

Programas de incentivos a contratación por conta allea coa finalidade de favorecer o emprego estable e facilitar a inserción laboral dos parados e paradas de longa duración que presentan desvantaxes e dificultades particulares para permanecer no mercado de traballo.

Tipos de apoio

Serán subvencionables as contratacións indefinidas iniciais realizadas con persoas desempregadas paradas de longa duración que se formalicen desde o 1 de outubro de 2016 ata o 30 de setembro de 2017, ambas inclusive.

Os incentivos previstos neste programa serán de aplicación ás contratacións indefinidas iniciais, a tempo completo ou a tempo parcial, incluída a modalidade de fixo descontinuo.

Beneficiarios potenciais

As empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten por conta allea persoas traballadoras desempregadas de longa duración para prestar servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia.

As sociedades civís e comunidades de bens deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación.

Requisitos principais do proxecto

1. A persoa traballadora pola que se solicita a subvención debe ser persoa desempregada parada de longa duración, segundo o establecido no artigo 5 desta orde.
2. Como consecuencia da contratación indefinida inicial pola que se solicita subvención ten que incrementarse o cadro de persoal fixo da empresa, no ámbito territorial de Galicia, respecto aos tres meses anteriores ao mes de realización da contratación pola que se solicita subvención.
3. Como consecuencia da contratación indefinida que se fomenta ten que incrementarse o emprego neto da empresa no ámbito territorial de Galicia, respecto aos tres meses anteriores ao mes de realización da contratación pola que se solicita subvención.
4. Para o cálculo do incremento do cadro de persoal fixo e neto non se computarán ás persoas traballadoras fixas cuxas baixas se producisen por dimisión da persoa traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas ou por resolución do contrato de traballo durante o período de proba.
No caso de que nos tres meses anteriores á contratación pola que se solicita a subvención coincida con períodos de inactividade de persoas traballadoras fixasdescontinuas, estas computaranse como persoal fixo.
5. A xornada da contratación indefinida inicial a tempo parcial deberá ser igual ou superior ao 50 % da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada máxima legal.
6. As contratacións polas que se solicita subvención deberán formalizarse e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

Contía das axudas

1. As contratacións indefinidas iniciais incentivaranse cunha axuda de 10.000 euros. Esta contía incrementarase nun 25 % nos seguintes casos:
a) Se a persoa incorporada é unha muller.
b) Se a persoa incorporada ten discapacidade ou se atopa en situación ou risco de exclusión social.
c) Se a persoa incorporada pertence a unha unidade familiar en que todos os seus membros están desempregados.
d) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.
2. Cando se trate de contratacións indefinidas cunha xornada a tempo parcial, as contías dos incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria máxima legal.
3. No caso de que a empresa conte no seu cadro de persoal no mes da contratación pola que se solicita subvención cun mínimo do 75 % de persoal indefinido, as contratacións indefinidas iniciais incentivaranse cunha axuda de 12.500 euros. Esta contía incrementarase nun 25 % nos seguintes casos:
a) Se a persoa incorporada é unha muller.
b) Se a persoa incorporada ten discapacidade ou se atopa en situación ou risco de exclusión social.
c) Se a persoa incorporada pertence a unha unidade familiar en que todos os seus membros están desempregados.
d) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.
4. Cando se trate de contratacións indefinidas cunha xornada a tempo parcial, as contías dos incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria máxima legal.

Prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación.
As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2016 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día seguinte ao da publicación e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último día do mes.
As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán solicitarse ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida pola que se solicita subvención. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2017, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado nos parágrafos anteriores.

Incompatibilidades

As axudas previstas nesta orde para as contratacións por conta allea serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, cos incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.
En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 80 % do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona.
Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados pero, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras poidan superar os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
As axudas establecidas nesta orde quedan sometidas ao réxime de minimis.

Referencia lexislativa

Orde do 21 de marzo de 2017 (DOG Nº68 do 6/04/2017) - Bases reguladoras e convocatoria 2017

Información e tramitación en

SECRETARÍA XERAL DE EMPREGO

SUBDIRECCIÓN XERAL DE EMPREGO

SERVIZO DE EMPREGO POR CONTA ALLEA
San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela

Teléfono: 981957728 / 981544610

Email: secretaria-xeral.emprego@xunta.gal