O prazo de presentación finaliza o 31/05/2018

IG142 - PRÉSTAMOS DO IGAPE PARA FINANCIAR CIRCULANTE E INVESTIMENTOS CON FONDOS DO BEI (2015)

Finalidade / Obxectivo

Ao obxecto de complementar os instrumentos de financiamento público existentes no mercado, o Igape pon a disposición das empresas galegas estes recursos en dúas modalidades diferenciadas:

- Préstamos Igape-BEI-Circulante: Destinados a proporcionar unha base de capital circulante estable que permita as empresas fortalecer a súa estrutura financeira e acometer plans de crecemento. Pagamento de provedores por aprovisionamento de mercadorías, acredores por prestación de servizos, arrendamentos e/ou subministracións, gastos de persoal, impostos e tributos, gastos financeiros asociados á operativa, e primas de seguros en cobertura de riscos asociados á actividade empresarial.

- Préstamos Igape-BEI-Investimento: Facilitar financiamento destinado a investimentos en Galicia, con carácter complementario ao financiamento privado

Tipos de apoio

Préstamos, que non terán a consideración de axuda de estado, en réxime de concorrencia non competitiva, en dúas modalidades:

A) Préstamos Igape-BEI-Circulante, destinados a proporcionar un fondo de manobra estable, que permita ás empresas galegas, industriais ou exportadoras, fortalecer a súa estrutura financeira para desenvolver plans de crecemento.

B) Préstamos Igape-BEI-Investimento, destinados a financiar proxectos de investimento en Galicia, fundamentalmente do sector industrial e estratexicamente relevantes.

Beneficiarios potenciais

1.- Poderán ser prestameiros:

a) As sociedades mercantís que poidan ser consideradas peme independente conforme ao artigo 2.1 das bases.

b) As sociedades mercantís que poidan ser consideradas peme dependente conforme ao artigo 2.1 das bases, dentro da limitación de contía de préstamos para este tipo de prestameiros establecida nos contratos de financiamento asinados entre o Igape e o BEI.

c) Para o programa de préstamos Igape-BEI-Investimento, poderán ser prestameiros empresas que non cumpran a definición de peme, sempre que pertenzan ao sector do automóbil. Neste caso as devanditas operacións de préstamo terán que ser previa e formalmente autorizadas polo BEI.

d) Para o programa de préstamos Igape-BEI-Circulante, as empresas deberán ter o seu domicilio social e fiscal en Galicia. Para o programa Igape-BEI-Investimento, a pestameira deberá ter ou crear alomenos un centro de traballo en Galicia, debendo estar ubicados os investimentos en Galicia.

2.- As sociedades holding financeiras ou as sociedades de leasing non poderán recibir financiamento mediante os préstamos regulados nestas bases.

3.- Non poderán ter a condición de prestameiros as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2.b) da Lei de subvencións de Galicia: “Solicitar a declaración de concurso, ser declarados insolventes en calquera procedemento, acharse declarados en concurso, estar suxeitos a intervención xudicial ou ser inhabilitados conforme a Lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso".

Sectores incentivables

1.- Para os préstamos da modalidade Igape-BEI-Circulante, poderán ser beneficiarias aquelas empresas que desenvolvan actividades industriais encadrados nas seccións B e C da Clasificación Nacional de Actividades Económicas CNAE-2009, así como aquelas outras actividades cuxo ámbito xeográfico de actuación inclúa mercados exteriores.

2.- En todo caso, estarán excluídas aquelas empresas que desenvolvan algunha das seguintes actividades:

a) A fabricación de armamento, armas e municións, as instalacións ou infraestruturas militares ou policiais e o material ou infraestruturas destinados a limitar os dereitos individuais ou a liberdade das persoas (cárceres e centros de detención de todo tipo).
b) Os xogos de azar coas instalacións conexas.
c) A produción, transformación ou distribución de tabaco.
d) As actividades que implican a utilización de animais vivos con fins experimentais ou científicos.
e) As actividades cuxo impacto sobre o ambiente só pode ser atenuado ou compensado en moi escasa medida.
f) As actividades que poidan ser controvertidas por razóns de orde moral ou ética.
g) As actividades cuxo único propósito sexa a promoción inmobiliaria.

Requisitos principais do proxecto

* Contía máxima dos préstamos:

1.- Préstamos Igape-BEI-Circulante

O importe mínimo dos préstamos que se poderán solicitar ao Igape baixo esta modalidade é de 150.000 € e o máximo de 500.000 €. Dentro dos devanditos límites, o importe máximo que o Igape poderá conceder será o 25% da suma dos aprovisionamentos e gastos de persoal, co límite máximo da porcentaxe do 50% dos fondos propios, segundo as contas anuais do último exercicio.

Para aquelas empresas cunha antigüidade inferior a 42 meses, cuxos estados financeiros do exercicio non sexan representativos das necesidades de fondo de manobra, o Igape poderá determinar o importe máximo do préstamo en base ao incremento de fondo de manobra estrutural financiable mediante outro criterio alternativo. Para iso, a solicitante deberá achegar un estudo sustentado das necesidades de incremento do seu fondo de manobra seguindo unha metodoloxía analítica, sobre a base dunha previsión de actividades e do ciclo de explotación da empresa, detallando custos, marxes e períodos medios de pagamento a provedores, almacenamento, fabricación, venda e cobramento.

2.- Préstamos Igape-BEI-Investimento.

Poderanse financiar proxectos cuxo investimento financiable estea comprendido entre 150.000 euros e 25.000.000 euros. O importe do préstamo non superará en ningún caso o 50% do investimento financiable.

O importe do préstamo que o Igape conceda poderá ser inferior ao solicitado e aos límites máximos anteriormente sinalados, se como resultado da análise técnica do proxecto, do investimento elixible, das necesidades financeiras, da avaliación da capacidade de reembolso, da análise do riscos vinculados á operación, das garantías ofrecidas, necesidade de reforzar os fondos propios ou da capacidade de acceso a financiamento alternativo, considerase xustificado conceder unha contía inferior.

* Tipo de xuro:

O tipo de xuro determinarase de acordo coa seguinte norma:

1. Tipo de referencia: Para o ano 2016 o tipo de referencia será de 0,121 puntos porcentuais.

2. Tipo adicional: determinarase en función da cualificación crediticia da empresa beneficiaria no momento da concesión, e do nivel de garantías ofrecidas ao Igape. Desta forma, o tipo adicional oscilará entre o 0,6% e o 4,00% , onde a cualificación de risco e a puntuación das garantías serán determinadas conforme aos criterios establecidos no artigo 12.2.

* Amortización:

1. Os préstamos que conceda o Igape na modalidade Igape-BEI-Circulante, terán un prazo de amortización máximo de 5 anos, podendo incluír un período de carencia máximo de 1 ano.
2. Nos préstamos Igape-BEI-Investimento o prazo máximo para a súa amortización será de 12 anos, sen que poidan superar a vida económica e técnica dos bens financiados. Poderán incluír un período de carencia adaptado ás características do proxecto.
3. En ambas as dúas modalidades o prazo mínimo de amortización será 24 meses.
4. Con carácter xeral, unha vez finalizado o período de carencia, o préstamo será amortizado mediante cotas trimestrais iguais. Poderán establecerse cotas de amortización crecentes para adaptar o calendario de amortización á capacidade de reembolso da prestameira, cando polas características do proxecto así se xustifique na solicitude.

* Garantías:

O Igape tomará as garantías adecuadas segundo as características de cada operación. Se como consecuencia do seguimento e control que se efectúe durante a vixencia da operación fose notoria a diminución de solvencia da prestameira, procuraranse as accións precisas para reforzar a eventual obriga de reembolso.

Investimentos ou gastos computables

Segundo a modalidade do préstamo, as actuacións a financiar deberán responder aos seguintes criterios de elixibilidade:

A) Os préstamos Igape-BEI-Circulante, destinaranse a financiar o capital circulante estrutural necesario para o crecemento do negocio. Os fondos do préstamo serán aplicados ao pagamento de provedores por aprovisionamento de mercadorías, acredores por prestación de servizos, arrendamentos e/ou subministracións, gastos de persoal, impostos e tributos, gastos financeiros asociados á operativa, e primas de seguros en cobertura de riscos asociados á actividade empresarial.

B) Os préstamos Igape-BEI-Investimento, financiarán novos investimentos e/ou intervencións de ampliación ou mellora de instalacións existentes, a realizar na Comunidade Autónoma de Galicia. Considerarase investimento financiable:

- A adquisición de activos produtivos materiais. O financiamento da compra de terreos quedará excluído a non ser que por motivos técnicos resulte de todo punto indispensable para o investimento, nese caso o custo do investimento, logo de dedución dos custos de adquisición de terreos e doutros custos non admisibles, sempre debe ser superior ao importe do financiamento do BEI. O financiamento da compra de terreos agrícolas está totalmente excluído.

- Activos intanxibles: Aplicacións informáticas e adquisición de propiedade intelectual e industrial, incluíndo licencias de fabricación e patentes. Para ser considerados financiables, deberán cumprir ademais todas as condicións do artigo 3.4 das bases.

- A creación de redes de distribución nos mercados nacionais ou outros dentro da UE (adquisición de activos ou marcas, custos de explotación e custos de persoal).

- Aumento con carácter permanente do capital circulante necesario para o crecemento do negocio. Entenderase como capital circulante o valor das existencias (materias primas, produto en curso e produto rematado) máis o saldo resultante da diferenza entre as contas de clientes e provedores.

Os bens de investimento obxecto de financiamento deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros polo beneficiario. En caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena do beneficiario antes da finalización do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

Os gastos financiables deberán ser contratados e pagados directamente entre o beneficiario da axuda e o provedor final. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores.

Nos préstamos Igape-BEI-Investimento o período de execución do proxecto iniciarase na data en que o titular presente a solicitude de préstamo, e finalizará na data indicada no acordo de concesión. Todos os xustificantes da realización e pagamento dos investimentos deberán estar datados nese período, así como calquera outra condición establecida no acordo de concesión, salvo que expresamente se estableza outro prazo.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de maio de 2018 ou ata o momento de esgotamento do crédito orzamentario, o cal será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es

Incompatibilidades

Non serán financiables aqueles proxectos que poidan ser susceptibles de apoio ao abeiro doutros instrumentos financeiros xestionados polo Igape na modalidade de préstamos directos. En particular, serán excluídos aqueles proxectos que poidan ser financiados cos préstamos Jeremie-Igape, ou outros programas similares que sexan habilitados no marco do programa operativo Feder 2014-2020.

Referencia lexislativa

Resolución do 22 de outubro de 2015 (DOG Nº209 do 03/11/2015) - Bases reguladoras e convocatoria 2015
Resolución do 15 de xaneiro de 2016 (DOG Nº14 do 22/01/2016) - Tipo de xuro 2016
Resolución do 30 de maio de 2016 (DOG Nº102 do 31/05/2016) - Modificación das bases reguladoras e prazo de presentación
Resolución do 22 de decembro de 2016 (DOG Nº1 do 02/01/2017)- Tipo de xuro 2017
Corrección de erros (DOG Nº16 do 24/01/2017)- Tipo de xuro 2017
Resolución do 29 de maio de 2017 (DOG Nº 101 do 30/05/2017) - Modificación das bases reguladoras e prazo de presentación.

Información e tramitación en

Presentación de solicitudes:

1.- Para presentar unha solicitude de axuda o interesado deberá cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto a través da aplicación establecida na dirección de Internet http://www.tramita.igape.es

Ao citado formulario anexaranse os seguintes documentos electrónicos:

a) Informe da Central de Información de Riscos do Banco de España (CIR) correspondente ao último período dispoñible, consistente nun arquivo en formato PDF asinado electrónicamente que o solicitante deberá obter da Oficina Virtual do Banco de España (actualmente na dirección de internet https://sedeelectronica.bde.es)

b) Memoria en formato PDF, co seguinte contido mínimo:
1.- Antecedentes da entidade
-Capacidade técnica e tecnolóxica: recursos humanos, técnicos, materiais, colaboracións, cooperacións, patentes I+D+i, certificacións de calidade e ambientais.
-Capacidade comercial da entidade: canles de comercialización, mercados, grao de internacionalización, exportacións.
-Capacidade económica da entidade: Principais activos e aspectos máis significativos dos estados financeiros.

2.- O mercado
-Tamaño, características, competencia, etc..
-Análise comercial do produto (cota de mercado e comparación fronte á competencia).

3.- Para préstamos da modalidade Igape-BEI-Circulante:
-Xustificación da necesidade de incremento de capital circulante: previsións de crecemento e necesidades de financiamento.
-Descrición do proceso de actividade da empresa, especificando períodos de entrega de materiais, períodos de almacenamento de materias primas, períodos de transformación, períodos de venda.
-Descrición dos principais provedores e clientes, especificando volumes e condicións de pagamento.
-Detalle das operacións financeiras das que a empresa é beneficiaria, especificando as súas condicións e vencementos.
-Análise económica (Previsións económicas para os anos de vixencia solicitados, estrutura do financiamento, rendibilidade e previsións de tesouraría).

4.- Para préstamos da modalidade Igape-BEI-Investimento:
-Orixe e xustificación (necesidade, oportunidade e adecuación do proxecto ou actuación respecto á entidade).
-Descrición técnica (contido, metodoloxía, fases, etc.).
-Necesidades de medios técnicos (descrición detallada e valorada dos novos investimentos).
-Necesidades de medios materiais (descrición dos materiais adquiridos e utilizados).
-Necesidades de persoal asociadas ao proxecto.
-Subcontratacións externas (axentes colaboradores, alcance e fases da colaboración).
-Análise económica do proxecto (Previsións económicas para os anos de vixencia solicitados, estrutura do financiamento, rendibilidade e previsións de tesouraría).

5.- Declaración doutros préstamos obtidos a cargo dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa situación.

Observacións

- As empresas prestameiras terán un prazo de 4 meses dende a notificación da aprobación da operación para instar a súa formalización, transcorrido o cal decaerá a concesión e se arquivará o expediente, salvo xustificación de razóns que motiven a concesión dunha prórroga do devandito prazo.

- O prazo máximo para dispoñer do préstamo será de 1 ano dende a súa formalización. En todo caso este prazo non superará o período de carencia na amortización do préstamo.

- Para o desembolso do préstamo, admitirase un máximo de 4 disposicións.