O prazo de presentación finalizou o 30/05/2016

CONCURSO EDUEMPRENDE IDEA 2016

Finalidade / Obxectivo

Convocar o concurso Eduemprende Idea 2016, co fin de potenciar a realización de proxectos empresariais polo alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos.

Tipos de apoio

Premios en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciais

Poderá participar nesta convocatoria o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar matriculado no curso 2015-2016 nas ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos.

b) A participación terá que ser en grupo, formado por un mínimo de dous/dúas alumnos/as e un máximo de catro, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberán nomear un representante ou apoderado único co poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle corresponden á agrupación.

c) As persoas participantes deben cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiarios/as de acordo co artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Cualificación requerida do proxecto

Teranse en conta os seguintes criterios á hora de avaliar os proxectos presentados en cada unha das dúas modalidades:

a) A súa viabilidade técnica e legal. (máximo 10 puntos)
Avaliarase respecto da actividade proposta o acceso aos recursos (materiais, humanos e tecnolóxicos), o coñecemento e dominio do proceso produtivo, e o coñecemento e acreditación do cumprimento da normativa.

b) A súa viabilidade económica e comercial. (máximo 15 puntos)
Avaliarase respecto da actividade proposta a capacidade para obter beneficios de xeito sostible, e o coñecemento e posibilidade de acceso ao mercado obxectivo.

c) A súa viabilidade financeira. (máximo 10 puntos) Avaliarase respecto da actividade proposta a capacidade para acadar e xerar os recursos financeiros precisos para a súa posta en marcha e funcionamento sostible posterior.

d) O volume do proxecto: investimentos, persoal, etc. (máximo 10 puntos)
Avaliarase segundo a contía das necesidades financeiras:
Necesidades financeiras < 50.0000 euros: 5 puntos.
Necesidades financeiras > 50.0000 euros: 10 puntos.

e) A súa creatividade e a coherencia do plan de negocio. (máximo 15 puntos)
Avaliarase o grao de innovación da iniciativa, o equilibrio no desenvolvemento dos contidos e congruencia entre os diferentes apartados do plan de negocio.

f) O impacto na súa área. (0-10 puntos)
Avaliarase en función da capacidade do proxecto para xerar riqueza na súa contorna (empregos directos/indirectos, incidencia noutras actividades económicas).

g) A capacidade do equipo promotor para levalo adiante. (máximo 10 puntos)
Avaliarase en función dos perfís do equipo promotor (formación, experiencia profesional e empresarial, grao de implicación no proxecto) e a súa complementariedade.

h) A eficiencia na presentación dos contidos e a súa exposición oral sintética presentada (“elevator pitch”). (máximo 10 puntos)
Avaliarase a capacidade para comunicar a idea de negocio, a claridade expositiva, o atractivo do soporte e a capacidade de xerar interese.

i) O cronograma da posta en marcha. (0-5 puntos)
Non consta: 0 puntos.
Consta: 5 puntos

j) Que non teña recoñecido outro premio similar polo mesmo proxecto. (0-5 puntos).
Xa premiado: 0 puntos.
Non premiado: 5 puntos

Contía das axudas

1. Premiaranse os tres mellores proxectos de empresa de cada modalidade.

a) Modalidade A: ciclos de grao superior

- Incorporación a un viveiro de empresa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
- Asesoramento técnico do Igape.
- Dotación económica:
1º premio: 3.000 euros.
2º premio: 2.000 euros.
3º premio: 1.000 euros.

b) Modalidade B: ciclos de grao medio.
- Incorporación a un viveiro de empresa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
- Asesoramento técnico do IGAPE.
- Dotación económica:
1º premio: 3.000 euros.
2º premio: 2.000 euros.
3º premio: 1.000 euros.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Incompatibilidades

Os premios que se outorguen ao abeiro destas bases serán compatibles con outras axudas, procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados galegos, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sen prexuízo da obriga de comunicar a súa obtención ao órgano que concede estes premios.

Referencia lexislativa

Resolución do 15 abril de 2016 (DOG Nº82 do 29/04/2016) - Bases reguladoras e convocatoria

Información e tramitación en

Para presentar unha solicitude de axuda o interesado deberá cubrir previamente un formulario descritivo a través da aplicación http://www.tramita.igape.es

Co fin de prestar asistencia na formalización do formulario, o Igape pon a disposición do interesado o seu Servizo de Asistencia Técnica (números de teléfono 900 815 151 ou 981 541 147).

As solicitudes de participación presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo.

Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizada co IDE (anexo I).

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude, tamén se poderá presentar en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procemento administrativo común utilizando o Anexo I co IDE, acompañado das copias simples dos documentos relacionados no artigo 8.4.


O formulario de solicitude deberá vir acompañado da seguinte documentación:

a) Ficha de persoas participantes segundo o anexo II.
b) Copia do DNI ou NIE da persoa solicitante e do resto das persoas participantes no mesmo proxecto, no caso de non dar o consentimento para a comprobación electrónica do DNI ante o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.
c) Proxecto de empresa.
d) Resumo executivo do proxecto.
e) Vídeo de presentación do proxecto.