O prazo de presentación finalizou o 19/09/2016

IG229 - AXUDAS A PROXECTOS DE FORMACIÓN INDUSTRIA 4.0

Finalidade / Obxectivo

Co obxectivo de incentivar a formación do capital humano, favorecendo a cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias empresas, o Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido a proxectos promovidos e desenvolvidos por organismos intermedios para mellorar a capacitación do equipo humano nas empresas.

Tipos de apoio

Subvencións a fondo perdido en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser beneficiarios organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderase como tal a efectos destas axudas:

a) Entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa, colexios profesionais, consellos reguladores de denominacións de orixe ou clusters empresariais apoiados no ámbito das axudas do Igape ás agrupacións (clusters) innovadoras convocadas por Resolución do 28.06.2013 (DOG núm. 127, do 05.07.2013) ou que teñan a cualificación de AEI (Agrupaciones Empresariales Innovadoras) outorgada polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

b) Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos no rexistro establecido ao efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades que entren dentro da categoría de empresas en crise. Para estes efectos, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as grandes empresas figura no punto 2.2 das directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei de subvencións de Galicia.

Requisitos principais do proxecto

1. Co obxectivo de incentivar a formación do capital humano, favorecendo a cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias empresas, o Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido aos seguintes tipos de proxectos promovidos e desenvolvidos por organismos intermedios para mellorar a capacitación do equipo humano nas empresas:

a) Proxectos de capacitación nestas tecnoloxías, metodoloxías ou técnicas relacionadas coa Industria 4.0:
- Robotización e robotización colaborativa
- Fabricación aditiva
- Sensórica e actuadores mecatrónicos
- Sistemas ciber-físicos
- Automatización total ou estendida
- Intercomunicación máquina – máquina
- Conectividade total ou estendida
- Vehículos autónomos (optimización de fluxos e redución de custos)
- Personalización de produtos
- Internet das cousas, internet dos equipos e máquinas
- Dixitalización
- Big Data, cloud computing e ciberseguridade
- Loxística 4.0 para a integración total da cadea de subministros coa interconexión de sistemas e máxima coordinación dos procesos loxísticos.
- Modelado e simulación de procesos industriais, operativos e loxísticos.

b) Proxectos de capacitación en xestión e organización empresarial dirixidos preferentemente á capacitación de mandos intermedios: organización industrial, liderazgo de proxectos, protocolos de cooperación interempresarial, utilización de ferramentas de bussines intelligence e de vixilancia tecnolóxica, co-creación de produtos, novos modelos de negocio, eficiencia enerxética.

Aos efectos desta axuda, entenderase por mando intermedio o empregado que teña ao seu cargo persoal e competencias para a organización do traballo baixo as instrucións da dirección da empresa.

2. Os proxectos de capacitación deberán incluír formación presencial in company nunha porcentaxe non inferior ao 30% do total das horas. Enténdese como formación presencial in company a que se imparte nas instalacións de algunha das empresas cuxos traballadores participan na formación.

3. En todos os proxectos deben participar un mínimo de 5 traballadores en activo de pemes con centro de traballo ou domicilio social en Galicia. Os proxectos terán unha duración presencial mínima de 30 horas para cada asistente, que deberá levarse a cabo en Galicia. Poderanse realizar varias edicións dos proxectos formativos con distintos asistentes. No caso de proxectos co mínimo de 5 traballadores asistentes, ese número debe manterse durante toda a duración do proxecto de capacitación. A execución do proxecto con menos de 5 traballadores en activo en empresas galegas será causa de incumprimento total. Considerarase que o alumno finalizou a formación cando asistise polo menos ao 75% da acción formativa.

4. Aos efectos do disposto no apartado anterior, consideraranse traballadores en activo ás persoas vinculadas profesionalmente cunha peme galega de algunha destas formas:
a) Relación laboral (contrato de traballo por conta allea, común ou especial).
b) Autónomos dependentes (contratos trade).
c) Socios ou administradores da empresa (cotizantes á Seguridade Social nalgún réxime).
d) Titulares da empresa ou actividade (empresarios autónomos).

Os proxectos obxecto de axuda deberán dar unha adecuada difusión á actividade formativa, e permitir a calquera traballador en activo de pemes galegas a asistencia á mesma. O solicitante deberá indicar no cuestionario de solicitude os criterios que utilizará para seleccionar os asistentes no caso de que a demanda supere o número de prazas dispoñible. Esta selección deberá realizarse mediante criterios obxectivos, nos que a relación entre o posto de traballo e a temática do curso, a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, e o acceso preferente a discapacitados pese ao menos un 70% nos mesmos, e un mínimo dun 20% individualmente.

5. Deberá entregarse a cada participante un certificado de aproveitamento ou diploma que cumpra cos requirimentos de publicidade do FSE, no que como mínimo farase constar a denominación da acción formativa, os contidos formativos, duración e período de impartición.

6. Cada solicitude de axuda debe ser relativa a só un dos tipos de proxectos de capacitación admisibles do artigo 1.1, podendo cada solicitude comprender unha ou varias edicións sempre que sexa para distintos participantes (na mesma ou distintas localizacións). Cada organismo intermedio poderá presentar varias solicitudes (unha por cada proxecto distinto para o que solicite axuda).

7. As accións formativas deberán realizarse dentro do prazo de vixencia establecido na resolución de concesión. O dito prazo iniciarase coa presentación da solicitude de axuda e finalizará na data establecida na resolución de concesión.

8. Tódalas accións formativas deberán ter comezado no ano no que se publica a convocatoria, e rematar antes do prazo de execución de proxectos establecido nesta.

Contía das axudas

1. O custo subvencionable de cada programa formativo calcularase segundo un módulo fixo de 13 euros por hora e alumno. A subvención será do 50% do custo calculado segundo o dito módulo.

2. Segundo a citada Orde TAS/718/2008, os custos que se tiveron en conta para a determinación do importe do módulo son os seguintes:

a) Custos directos da actividade formativa:

1º As retribucións dos formadores.
2º Os gastos de amortización de equipos didácticos e plataformas tecnolóxicas.
3º Gastos de medios didácticos e/ou adquisición de materiais didácticos, así como os gastos en bens consumibles utilizados na realización das accións formativas.
4º Os gastos de aluguer, arrendamento financeiro, excluído os seus intereses, ou amortización das aulas, talleres e demais superficies utilizadas no desenvolvemento da formación.
5º Gastos de seguro de accidentes dos participantes.
6º Gastos de transporte e manutención para os traballadores ocupados que participen nas accións formativas.
7º Os gastos de publicidade para a organización e difusión das accións formativas.

b) Custos asociados da actividade formativa:

1º Os custos de persoal de apoio.
2º Os gastos financeiros directamente relacionados coa actividade subvencionada e que resulten indispensables para a axeitada preparación ou execución desta.
3º Outros custos: Luz, auga, calefacción, mensaxería, correo, limpeza, vixilancia e outros custos asociados á execución da actividade formativa.

c) Outros custos subvencionables:

Os custos de avaliación e control da calidade da formación.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de un mes desde o día seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Incompatibilidades

1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra subvención pública para o mesmo proxecto.

2. A solicitude e obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado.

Referencia lexislativa

Resolución do 26 de xullo de 2016 (DOG Nº156 do 19/08/2016) - Bases reguladoras e convocatoria 2016
Resolución do 26 de xullo de 2016 (DOG Nº171 do 08/09/2016) - Corrección de erros
Resolución do 5 de outubro de 2016 (DOG Nº197 do 17/10/2016) - Requirimentos de emenda
Resolución do 28 de novembro de 2016 (DOG Nº234 do 09/12/2016)- Resolución de concesión de axudas

Información e tramitación en

INFORMACIÓN:

- No teléfono: 900 815 151
- Nas oficinas territoriais do Igape
- Por correo: informa@igape.es

Para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

As solicitudes de axuda presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática.

O formulario de solicitude deberá vir acompañado da seguinte documentación:

a) DNI do representante legal, só no caso de non autorizar a súa consulta.
b) NIF do organismo solicitante, só non caso de denegar expresamente a súa consulta.
c) Acreditación da representación con que se actúa.
d) Documentación acreditativa da súa constitución: acta e estatutos de constitución, con acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente e modificacións posteriores destes.
e) Ademais disto e, se é o caso, para os efectos sinalados no artigo 6.2 destas bases, achegarase o Plan estratéxico, que se deberá xuntar como documento PDF ao formulario de solicitude.
f) Declaración responsable do representante legal da entidade solicitante de ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se concede a axuda.

Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizada co IDE (anexo I), para iso erá necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da entidade solicitante e deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude, tamén se poderá presentar en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992, utilizando o formulario de solicitude normalizado (anexo I) co IDE, acompañado das copias simples dos documentos relacionados no artigo 8.4.

Observacións

O prazo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 30 de xuño de 2017.

O prazo para presentar a solicitude de cobramento rematará o 30 de novembro para os proxectos que rematen antes do 31 de outubro de 2016, e o 30 de xullo de 2017 para o resto de proxectos.

O prazo para solicitar os anticipos rematará o 30 de novembro de 2016 para a anualidade de 2016 e o 31 de marzo de 2017 para a anualidade de 2017. A xustificación da realización da actividade correspondente ao anticipo terá que presentarse ata o 15 de decembro de 2016 para os anticipos solicitados en 2016 e ata o 30 de xullo de 2017 para os anticipos solicitados en 2017.