O prazo de presentación finalizou o 19/09/2016

IG193 - AXUDAS ÁS AGRUPACIÓNS EMPRESARIAIS (CLUSTER) INNOVADORAS EN GALICIA (2016)

Finalidade / Obxectivo

As presentes bases teñen por finalidade o fomento da competitividade, a innovación e a cooperación empresarial en distintos sectores da actividade económica en Galicia mediante a concesión de axudas ás entidades xurídicas xestoras de agrupacións empresariais (clúster) innovadoras galegas consolidadas para a realización de actividades neses eidos.

Tipos de apoio

Subvención en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciais

1. As axudas contempladas nestas bases destínanse ás agrupacións empresariais (cluster) innovadoras segundo a definición do Regulamento (UE) 651/2014 que cumpran todas estas condicións:

a) que colaboren e desenvolvan proxectos en cooperación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, e que un mínimo dun 50% dos seus asociados empresariais dispoñan dun centro de traballo en Galicia.

b) que teñan creada unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro que xestione a agrupación clúster con unha antigüidade mínima de tres anos.

c) que cumpran os requisitos establecidos no artigo 54 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial.

d) que teñan en vigor á data da solicitude o recoñecemento como AEI (Agrupación Empresarial Innovadora) dentro do programa de excelencia do Ministerio de Industria, Energía y Turismo ou ben que posúan a etiqueta Gold de excelencia na xestión de clúster expedida pola ESCA (European Secretariat for Cluster Analysis) en vigor á data da solicitude.

2. Tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións empresariais (clúster) innovadoras que cumpran coas condicións a), b) e c) do apartado anterior e, ademais, as seguintes:

a) Ámbitos de actividade. O clúster deberá cumprir cando menos unha das dúas seguintes condicións:

i) Representar a un ámbito de actividade cuxa facturación conxunta en Galicia supere o valo do 1% no PIB da Comunidade Autónoma no ano 2015
ii) Representar a un ámbito de actividade/sector definido como prioritario segundo a orientación sectorial do documento Axenda da Competitividade Industrial Galicia: Industria 4.0 aprobado polo Consello da Xunta o 13 de maio de 2015.

b) Representatividade. A entidade xestora do clúster deberá ter como socios directos un número de empresas que cumpra cando menos con dous dos tres seguintes requisitos:

i) 30% da facturación do ámbito de actividade englobado
ii) 10% das empresas do ámbito de actividade
iii) 20% do emprego do ámbito de actividade

c) Capacidade tecnolóxica e de innovación. O clúster deberá contar con centros tecnolóxicos propios ou postos á súa disposición mediante colaboración con outras entidades. Neste último caso, só se considerarán válidos a estes efectos os acordos de colaboración con contidos específicos respecto da innovación e a tecnoloxía, rexeitándose os acordos con contidos de carácter xeral, de xestión ou administrativos aínda que estean asinados con centros ou institucións tecnolóxicas.

d) Proxección internacional. O ámbito de actividade do clúster deberá ter vocación e proxección cara a mercados internacionais pola súa propia natureza e non representar un negocio de proximidade ou local.

e) Capacidade de execución de proxectos implicando aos seus asociados. O clúster deberá acreditar esta capacidade mediante memoria de actividades realizadas nos últimos 3 anos, enumerando e describindo brevemente os proxectos desenvolvidos xunto cos seus asociados ou promovendo a súa participación, tiveran ou non financiamento público. Considerarase que ten esta capacidade se acredita a execución de polo menos dous proxectos por ano.

3. Non poderán ser entidades beneficiarias as que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais ou incompatibles co mercado común, nin as empresas en crise.

4.Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei de subvencións de Galicia.

Requisitos principais do proxecto

1. Serán subvencionables as seguintes actuacións:

a) a actividade da agrupación para facilitar a colaboración, o intercambio de información e a prestación ou canalización de servizos especializados e personalizados de apoio ás empresas.

b) a comercialización da agrupación para aumentar a participación de novas empresas ou organizacións e reforzar a visibilidade.

c) a organización de programas de formación, talleres e conferencias para fomentar o intercambio de coñecementos e o traballo en redes, así como a cooperación transnacional.

A tal efecto, as entidades solicitantes deberán detallar no formulario de solicitude de axuda unha previsión a tres anos (o da solicitude e os dous seguintes) da planificación de proxectos a realizar que se aliñen cos plans de impulso da Axenda, especificando os custos necesarios para a súa execución. No caso de que a axuda resulte concedida, esta previsión incorporarase á resolución de concesión como condición particular.

Investimentos ou gastos computables

1. Poderán ser subvencionables os custos de persoal do clúster, actual ou de nova contratación, dedicado ás actuacións subvencionables. O gasto deberá estar realizado e pagado dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión. O dito prazo iniciarase coa presentación da solicitude de axuda e finalizará na data establecida na resolución de concesión en atención ás características do proxecto para os efectos de cumprimento de todas as condicións da subvención.

Tamén se considerarán como gasto realizado en prazo os ingresos a conta do IRPF ou cotas da Seguridade Social liquidables con posterioridade á data de execución.

Aos efectos desta axuda considéranse custos de persoal:

a) Salario bruto: retribucións do persoal que teñan a consideración de concepto retributivo. Non terán esa consideración os finiquitos e indemnizacións por finalización de contrato por calquera causa, as dietas nin as compensacións de transporte ou comida. O período no que o traballador estea de baixa por incapacidade laboral non computará aos efectos de xustificar o gasto.

Establécese en 60.000 euros/ano o salario bruto máximo subvencionable por traballador.

b) Seguridade Social a cargo do empregador beneficiario da axuda.

Só se considerará o persoal que desenvolva funcións de xestión do clúster. Non se terá en conta ao persoal que desenvolva traballo de especialización técnica e/ou de investigación.

A contía total dos custos de persoal subvencionables non poderá superar o custo dos proxectos a desenvolver nos tres anos. No caso de proxectos a desenvolver conxuntamente con outras entidades, terase en conta como custo do proxecto o correspondente ao custo para a entidade clúster e/ou as empresas ou entidades e asociadas participantes.

2. Tamén poderán ser subvencionables os custos de auditoría da conta xustificativa aos que se refire o artigo 14.7 destas bases reguladoras

Contía das axudas

1. A subvención será do 50% dos custos de persoal dedicado ás actuacións subvencionables.

2. A subvención aos custos de auditoría do apartado 3 do artigo anterior será do 50% ata un máximo de 2.000 euros por cada liquidación parcial.

3. A subvención máxima por beneficiario en ningún caso superará a contía de 3.000.000 euros.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de un mes, que comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o día final do prazo fose hábil no municipio ou Comunidade Autónoma na que resida o solicitante e inhábil en Santiago de Compostela, ou á inversa, considerarase inhábil en todo caso.

Incompatibilidades

1. As axudas outorgadas conforme ás presentes bases non poderán acumularse con outras axudas para os mesmos custos de persoal.

2. A obtención doutras axudas ou subvencións ao mesmo proxecto deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado.

Referencia lexislativa

Resolución do 5 de agosto de 2016 (DOG Nº155 do 18/08/2016) - Bases reguladoras e convocatoria 2016
Resolución do 29 de novembro de 2016 (DOG Nº234 do 09/12/2016)- Resolución de concesión de axudas

Información e tramitación en

Os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo de internet http://www.tramita.igape.es
Xunto coa instancia de solicitude, presentarase a seguinte documentación:

a) DNI da persoa representante, só no caso de non autorizar a súa consulta.
b) NIF da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.
c) Certificado da AEAT de alta no Imposto de Actividades Económicas (IAE), só no caso de denegar expresamente a súa consulta.
d) Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes.
e) Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.
f) Informe de vida laboral da/s conta/s de cotización da entidade solicitante.
g) Memoria de actividades nos últimos tres anos para o caso das agrupacións do artigo 1.2.
h) Memoria que conteña toda a información necesaria para a valoración da solicitude segundo os apartados do artigo 6.
i) Descrición da cadea de valor do clúster segundo o anexo III.
j) A certificación e/ou declaración dos custos de persoal á que se refire o artigo 5.2.a).
k) No seu caso, a etiqueta Bronze ou Gold en vigor emitida pola ESCA.

Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado co IDE (anexo I). O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude, tamén se poderá presentar en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando o formulario de solicitude normalizada (anexo I) co IDE, acompañado das copias simples dos documentos relacionados no artigo 8.4.