O prazo de presentación finalizou o 02/05/2017

IG233 - GALICIA RURAL EMPRENDE - CREACIÓN DE EMPRESAS PARA ACTIVIDADES NON AGRÍCOLAS EN ZONAS RURAIS (2017)

Finalidade / Obxectivo

Serán subvencionables os proxectos dirixidos á creación de emprego nas zonas rurais mediante axudas á primeira implantación e desenvolvemento de novas actividades económicas non agrarias viables, que deben contribuír á diversificación económica, crecemento de emprego, sostenibilidade do medio rural e equilibrio territorial, tanto en termos económicos como sociais.

Tipos de apoio

Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia competitiva e amparadas no réxime de minimis.

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser beneficiarios:


a) Os titulares ou membros dunha unidade familiar dunha explotación agraria que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.

b) As microempresa e pequenas empresas de nova creación ou que inicien unha actividade distinta á que tiña no momento da solicitude da axuda.

c) As persoas físicas que residan nunha zona rural, ben para crear unha nova empresa ou ben para seguir traballando na preexistente como traballador por conta propia.

Para estes efectos considerarase zona rural o territorio elixible segundo o previsto no artigo 1.2. destas bases reguladoras.

2. Non poderán ser beneficiarias as agrupacións de persoas xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade que careza de personalidade xurídica propia, así como as persoas xurídicas que non teñan ánimo de lucro, aínda que realicen actividade económica.

Non se concederán axudas a empresas en crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias.

Tampouco poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.

Non poderán ser beneficiarias das axudas previstas nestas bases reguladoras as empresas que operan no sector da pesca e da acuicultura.

Non poderán ter a a condición de beneficiarios as sociedades nas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3. .da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei de subvencións.

Sectores incentivables

Con carácter xeral serán subvencionables as seguintes actividades:

a) Industrias, fábricas e locais destinados á produción de bens e materiais.
Non obstante o anterior, os investimentos relacionados coa utilización da madeira como materia prima ou fonte de enerxía limitaranse ás operacións de segunda transformación.
b) Transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, cando o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE).
c) Prestación de servizos en calquera sector económico (agricultura, silvicultura, sector industrial e de servizos,..).
d) Prestación de servizos sociais (gardarías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas-escola...).
e) Actividades de lecer, recreativas e deportivas.
f) Artesanía e actividades artesanais.
g) Actividades baseadas nas novas tecnoloxías da información e da comunicación (TICs), innovación tecnolóxica e comercio electrónico
h) Actividades nos sectores da enxeñería, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial, contabilidade, veterinaria.
i) Comercio polo miúdo de produtos non incluídos no anexo I do TFUE.
j) No sector da restauración turística, exclusivamente a creación de novos restaurantes situados en construcións patrimoniais senlleiras (pazos, muíños, patrimonio industrial, pallozas, faros…) e que vaian ofertar unha cociña baseada na gastronomía galega tradicional ou que con ese substrato propoñan técnicas innovadoras ou fusións con outras gastronomías do mundo.

Requisitos principais do proxecto

Serán subvencionables os proxectos dirixidos á creación de emprego nas zonas rurais mediante axudas á primeira implantación e desenvolvemento de novas actividades económicas non agrarias viables, que deben contribuír á diversificación económica, crecemento de emprego, sostenibilidade do medio rural e equilibrio territorial, tanto en termos económicos como sociais.

No anexo VIII inclúese a relación de parroquias non admisibles aos efectos das presentes bases.

Os proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Non ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda.
b) Os gastos e/ou investimentos incluídos no plan de negocio que deberá presentar o solicitante terán que estar localizados no centro de traballo da empresa en Galicia.

O plan de negocio que amose a viabilidade da iniciativa, axustarase aos contidos definidos no formulario electrónico de solicitude de axuda.

Cualificación requerida do proxecto

Poderán ser beneficiarios da axuda os proxectos que acaden un mínimo de 30 puntos de acordo co seguinte baremo xeral:

a) O sector de actividade a que se dirixe o proxecto (máx. 20 puntos). Aos proxectos dos sectores relacionados no anexo III destas bases asignaránselle 20 puntos; resto de actividades 0.

b) O valor engadido medio xerado pola actividade económica en que se vai encadrar o proxecto (en función da ratio asignable a cada sector de actividade a 2 díxitos), segundo as táboas indicadas no anexo IV destas bases (máx. 20 puntos).
A puntuación vén dada por aplicación da seguinte fórmula: (valor engadido medio do sector x 20) / 98,34, sendo 98,34 o valor máis alto do Valor Engadido Bruto medio por sectores de actividade.

c) Compromiso de creación de emprego (máx. 25 puntos). Outorgaranse 5 puntos pola creación de cada novo emprego – en termos UTA - por conta propia ou indefinido por conta allea.

d) Achega económica prevista por parte dos promotores ao proxecto en relación ás necesidades financeiras globais (máx. 25 puntos).
A puntuación será a resultante de aplicar a seguinte fórmula:
Puntos= X/70 * 25 puntos, onde “X” é a porcentaxe de fondos propios en relación ao custo total do proxecto.

e) Potenciación da exportación que poida supor a actividade (máx. 10 puntos). Os proxectos que contemplen no plan de negocio inicio de exportación de produtos/servizos ou incrementos dos mesmos obterán 10 puntos.

Investimentos ou gastos computables

1. Para os efectos de cálculo da subvención a fondo perdido consideraranse integrados na base subvencionable todos os gastos e/ou investimentos precisos para a posta en marcha do proxecto nos que se incorra dentro do período de execución, coas seguintes consideracións respecto das seguintes partidas:

a) Compra de terreos. Máximo un 10% do total de custos subvencionables.

b) Construción, adquisición e mellora de inmobles, que só poderán ser utilizados en relación cos obxectivos do proxecto. No caso de adquisición de inmobles o importe subvencionable non superará o 50% dos gastos subvencionables.

c) Obra civil para construción, reforma ou habilitación de instalacións, suxeitos aos módulos máximos de custo subvencionable que se achegan como anexo V.

d) Bens de equipamento: maquinaria de proceso, equipamentos informáticos, mobiliario, instalacións específicas para a actividade subvencionable, elementos de transporte interior, e equipos de protección do ambiente.

e) Activos inmateriais, tales como adquisición de dereitos de patentes, licencias, Know how e coñecementos técnicos non patentados, aplicacións informáticas (excluídas as licenzas en sistemas operativos e aplicacións de ofimática).

f) Custos de funcionamento: se terán en consideración as seguintes tipoloxías de custo: custos de explotación, custos de persoal, custos de formación, custos de relacións públicas, custos financeiros, custos de rede.

g) As contribucións en especie en forma de provisións de bens, servizos, terreos, bens inmobles polos que non se tivera efectuado ningún pago en efectivo documentado con facturas ou documentos de valor probatorio equivalente poderán ser subvencionables sempre que cumpran o disposto no artigo 69 do Regulamento (UE) 1303/2013.”

h) Con respecto aos gastos xerais do proxecto (honorarios de arquitectos, enxeñeiros e asesores, honorarios relativos ao asesoramento, sobre a sostibilidade económica e ambiental, incluídos os estudos de viabilidade) considérase subvencionable un máximo do 10% do total de custos subvencionables.

i) Considéranse subvencionables os custos notariais derivados da certificación do non inicio da actividade, no caso de proxectos que contemplen investimentos (obra civil).

2 Os solicitantes deberán presentar un plan de negocio ou plan empresarial que amose a viabilidade da iniciativa. O plan poderá comezar a aplicarse desde o día da solicitude de axuda e como máximo dentro dos nove meses seguintes á data en que se adopte a decisión pola que se concede a axuda. Deben ser proxectos viables financeiramente e axustarse á normativa sectorial correspondente e o promotor non debe estar suxeito a situación ou procedemento xurídico e/ou administrativo que o inhabilite para pode optar á subvención.

3 Dependendo da natureza e da magnitude da actuación proxectada, e con maior extensión e concreción en función destes principios, deberá incluírse un capítulo específico sobre problemas relacionados co cambio climático, cntrado nas medidas de mitigación e adaptación que se adoptarán.

4 As operacións non deben estar iniciadas na data de presentanción da solicitude e deben desenvolverse no ámbito xeográfico das zonas definidas como rurais de Galicia. Ademais deben ser finalistas e cumprir os obxectivos para os que foron aprobados no momento da certificación final, no admitíndose fases de proxectos.

Contía das axudas

A axuda consistirá nunha prima cuxa contía básica establécese en 20.000 euros, e que poderá incrementarse ata un máximo de 70.000 euros nas seguintes situacións:

a) De acordo ao seguinte rango de gasto e investimento admisible:

1º De 20.000 a 30.000 euros: incremento sobre a prima básica de 12.500 euros.
2º De 30.001 a 40.000 euros: incremento sobre a prima básica de 17.500 euros.
3º De 40.001 a 60.000 euros: incremento sobre a prima básica de 25.000 euros
4º De 60.001 a 80.000 euros: incremento sobre a prima básica de 31.500 euros
5º De 80.001 a 100.000 euros: incremento sobre a prima básica de 40.500 euros
6º Maior de 100.000 euros: incremento sobre a prima básica de 45.000 euros.

b) Creación de emprego adicional, ademais da man de obra correspondente aos socios do proxecto: 20.000 euros.

c) Ubicación nunha zona con limitacións naturais ou outras limitacións específicas contempladas no artigo 32 do Regulamento (UE) 1305/2013, e relacionadas no anexo VII das bases reguladoras: 5.000 euros.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 2 de marzo de 2017 e rematará o 2 de maio de 2017.

Incompatibilidades

1. As subvencións reguladas nestas bases están financiadas con fondos Feader e, polo tanto, serán incompatibles con calquera outra axuda que, para o mesmo proxecto ou finalidade leve cofinanciamento comunitario, independentemente do fondo de procedencia e a súa tipoloxía (subvención directa, bonificación de xuros, ...).

Coa excepción anterior, as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, tanto de orixe pública coma privada, sempre que a intensidade máxima das axudas con fondos públicos non exceda o 100 % do importe elixible do proxecto.

2. As empresas beneficiarias deberán presentar unha declaración responsable na que manifesten que se comprometen a axustarse ao limiar máximo de 200.000 euros de importe máximo de axuda minimis que poden recibir nun período de tres anos.

3. A obtención doutras axudas ou subvencións ao mesmo proxecto deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado.

4. Para aqueles beneficiarios que reciban axudas e realicen previamente ou simultaneamente actividades non incluídas no paraugas do Regulamento (UE) 1407/2014, da Comisión, do 18 de febreiro de 2013, (actividades de carácter agrícola ou de transporte por estrada ....), deberá atenderse á necesaria distinción entre as axudas minimis outorgadas para cada tipo de actividade e os seus correspondentes limiares (15.000 e 100.000 euros respectivamente).

5. O órgano xestor deberá atender a necesaria garantía da distinción das actividades obxecto de financiamento ou separación de sectores de actividade a nivel de custo.

Referencia lexislativa

Resolución do 16 de febreiro de 2017 (DOG Nº 42 do 01/03/2017 ) - Bases reguladoras e convocatoria 2017
Corrección de erros (DOG Nº70 do 10/04/2017)
Resolución do 31 de maio de 2017 (DOG Nº 108 do 08/06/2017) - Ampliación de prazo máximo para resolver e notificar a resolución.

Información e tramitación en

INFORMACIÓN:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

TRAMITACIÓN:

Para presentar unha solicitude de axuda o interesado deberá cumprimentar previamente un formulario descritivo do proxecto a través da aplicación establecida no enderezo de Internet http://www.tramita.igape.es. O plan de negocio estará integrado no formulario de solicitude de axuda.

No suposto de que o solicitante sexa unha persoa física e non teña capacidade técnica ou económica, ou que por outros motivos non teña garantido o acceso e a dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, poderá dirixirse ás oficinas centrais do Igape en Santiago de Compostela ou a calquera das súas oficinas territoriais, para que lle prestén asistencia e medios para cubrir o formulario electrónico, ou a través do número de teléfono 900 815 151. Deste xeito obterase o formulario de solicitude. Unha vez cuberto o formulario obterase o formulario normalizado de solicitude que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo.

No caso de persoa xurídica, deberá presentar a solicitude por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizada (anexo I) accesible desde a sede electrónica da xunta de Galicia, http://sede.xunta.gal. Así mesmo deberán achegar xunto coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 8.3.

No caso de presentación de solicitude de xeito presencial, o Igape requerirá ao solicitante para que a subsane a través da súa presentación electrónica. A estos efectos considerarase como data de presentación da solicitude, a da presentación da subsanación.

No caso de que o solicitante sexa una persoa física, alternativamente, unha vez xerada a solicitude, tamén se poderá presentar en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, acompañado das copias simples dos documentos relacionados no artigo 8.3.

A fin de prestar asistencia na cumprimentación do cuestionario, o Igape dispón dun Servizo de Atención Telemática a través dos teléfonos 900 81 51 51 ou 981 541 147

Xunto co formulario de solicitude, presentarase a seguinte documentación:

a) Para todas as solicitudes:
1º Se é o caso, proxecto técnico visado elaborado para a obtención da correspondente licenza urbanística no caso de proxectos que contemplen gastos de obra civil e sexa preceptiva a dita licenza (construción ou reforma de nave, oficinas, locais comerciais, etc.) Exceptúanse da necesidade de presentación de proxecto técnico a execución de obras ou instalacións menores.
2º Para poder atender a axuda Feader, as operacións de investimento irán precedidas dunha avaliación do impacto medioambiental previsto de conformidade coa normativa específica aplicable a este tipo de investimentos cando poida ter efectos nocivos para o medio ambiente.

b) Para sociedades xa constituídas:

1º DNI da persoa representante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.
2º Declaración responsable da persoa representante legal da empresa de ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se conceda a axuda, que se deberá cubrir no formulario de solicitude.
3º NIF da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.
4º Imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta. Acreditarase por medio da declaración de alta censual, xustificación do pagamento do recibo do último exercicio ou ben a xustificación da exención.
5º Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente.
6º Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.
7º Informe de vida laboral da/s conta/s de cotización da empresa e/ou dos traballadores autónomos, correspondente aos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude da axuda.
8º Informe do cadro de persoal medio de traballadores en situación de alta na empresa, correspondente aos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude da axuda, expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
9º Últimas contas depositadas no rexistro correspondente, relativas ao exercicio 2015 ou, de ser o caso, ao exercicio 2014, e última memoria anual de actividades aprobada pola entidade, en que figure o número de empregados do último exercicio pechado, o volume de negocio e o balance xeral.

c) Para sociedades en constitución:
1º Certificado do Rexistro Xeral de Sociedades Mercantís da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado do Ministerio de Xustiza, ou do rexistro competente, de non figurar inscrita a futura denominación social da entidade que se vai constituír.
2º Proxecto de estatutos da sociedade, o cal se debe xuntar como documento ao formulario de solicitude.
Nestes casos deberá acreditarse a válida constitución da sociedade con anterioridade a ditarse a proposta de resolución. A tal fin, a documentación establecida no artigo 8.4.b) anterior terá que ser presentada no Igape no prazo máximo dun mes trala presentación da solicitude de axuda. Transcorrido o ditro prazo e sen tela presentada ou se a documentación presentada fose incorrecta, e previo requirimento para a súa emenda no prazo de 10 días, o Igape arquivará o expediente.

d) Para membros de unidades familiares dunha explotación agrícola:
1º Acreditación da inscrición da explotación no Rexistro de Explotacións Agraria de Galicia.
2º Acreditación da cualificación de Explotación Agraria Prioritaria.
3º Acreditación do grao de parentesco co titular da explotación, e certificado de empadroamento do solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

e) Para persoas físicas que residan nunha zona rural:
1º Certificado de empadroamento, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

Observacións

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o 29 e xullo de 2017 inclusive, transcorrido o cal poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

O prazo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 30 de novembro de 2018.

Para aqueles proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 15 de setembro de 2017, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 29 de setembro de 2017.

Para aqueles proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 30 de novembro de 2018, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 10 de decembro de 2018.

Para aqueles proxectos que prevexan anticipo do 60% do importe da axuda, o beneficiario deberá presentar a solicitude de anticipo como máximo o 31 de agosto de 2017 para o exercicio 2017 e como máximo o 31 de marzo de 2018 para o exercicio 2018.