O prazo de presentación finaliza o 31/10/2017

IG179 - RE-SOLVE 2017: APOIO AO ACCESO AO FINANCIAMENTO OPERATIVO (ACTIVO CORRENTE)

Finalidade / Obxectivo

Programa de apoio dirixido a facilitar o acceso ao financiamento por parte das pemes do seu activo corrente.

Tipos de apoio

Préstamos en réxime de concorrencia non competitiva.

Beneficiarios potenciais

Pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea.

Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención.

En calquera caso, deberán ter radicado o seu domicilio fiscal en Galicia.

Deberán cumprir os requisitos dos artigo 10 e 11 da Lei de subvencións de Galicia, e non ser considerados empresas en crise.

Sectores incentivables

Todas as actividades económicas, agás as excluídas nas letras c), d) e e) do artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1407/2013, e para as empresas do sector pesqueiro no artigo 1 do Regulamento (CE) nº 717/2014, e para as empresas do sector agrícola no artigo 1 do Regulamento 1408/2013

Requisitos principais do proxecto

Poderán acollerse a este programa de apoio aquelas pequenas e medianas empresas que formalicen un préstamo que se destine ao financiamento do seu activo corrente. En ningún caso poderán aplicarse a financiar investimentos en inmobilizado ou activos financeiros.

O período máximo de disposición do préstamo subsidiable será ata a primeira cota de amortización ou, como máximo, un ano dende a formalización.

1. Modalidade: Préstamo.

2. Importe: O importe máximo do préstamo subsidiable será de 150.000 euros. O importe mínimo será de 3.000 euros.

3. Prazo: O prazo de vixencia poderá ser de ata 7 anos, incluída unha carencia dun máximo de dous anos.

4. Tipo de xuro: Euribor a 6 meses + tipo adicional pactado entre as partes (sen que en ningún caso poida exceder de 3,5 puntos porcentuais). As revisións faranse semestralmente.

5. Comisións: As comisións máximas que a entidade financeira poderá repercutir en conceptos de apertura e estudo será do 0,60%. Para as comisións de estudo e apertura, conxuntamente, a entidade financeira poderá estipular un mínimo de ata 30 euros. Para estes efectos, non se considerará comisión o cobramento da tarifa de reclamación de posicións debedoras.

As SGR poderán cobrar ao cliente ata o 0,5% en concepto de comisión de estudo, ata o 1% en concepto de comisión de aval, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado e ata o 4% do importe do financiamento avalado en concepto de cota social mutualista, que se aboará ao inicio da operación. Este importe será reembolsado ao cliente unha vez remate a súa relación coa SGR.

6. Garantías:

A garantía a favor das entidades financeiras será o aval da sociedade de garantía recíproca polo 100% do risco.

As garantías a favor da SGR serán o reaval do Igape en cobertura do 25% do risco, e como garantía adicional poderán requirir garantías persoais, pero en ningún caso depósitos de activos líquidos ou financeiros que poidan detraer liquidez da empresa. As SGR tamén poderán contar con reavais e achegas de organismos públicos ou dependentes da Administración.

Investimentos ou gastos computables

Financiamento do activo corrente, entendendo como tal o pagamento de nóminas dos traballadores, tributos, seguridade social, aluguer, leasing, provedores, acredores por prestación de servizos, reparacións, cotas de débedas bancarias a longo prazo no momento do seu vencemento e cotas de leasing, así coma a cancelación anticipada de pólizas de crédito ou préstamos destinados á mesma finalidade, que venzan durante o período de disposición.

Contía das axudas

Axuda en forma de garantía.

Consistirá no reaval do Igape durante a vixencia da operación de préstamo, en garantía do 25% do risco asumido pola SGR.

Considérase coma axuda indirecta a equivalente ao importe da prima non cobrada ao beneficiario.

Dentro do límite do 25%, a cobertura do reaval do Igape outorgarase por unha porcentaxe que, sumado aos reavais doutros organismos, non supere o 80% do risco asumido pola SGR.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes por parte dos interesados, nas entidades financeiras, iniciarase o 2 de xaneiro de 2017 e finalizará o 31 de outubro de 2017.

Incompatibilidades

A concesión das axudas destas bases queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, a da Unión Europea. Neses termos, serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada pero en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea.

As axudas financeiras que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis.

Referencia lexislativa

Resolución do 29 de decembro de 2016 (DOG Nº 249 do Venres, 30 de decembro de 2016) - Bases reguladoras e convocatoria 2017
Corrección de erros (DOG Nº 9 do venres, 13 de xaneiro de 2017).
Resolución do 7 de febreiro de 2017 (DOG Nª32 do mércores 15 de febreiro de 2017) Adhesión Entidade Financieira
Resolución do 18 de abril de 2017 (DOG Nº84 do mércores 18 de abril de 2017) Adhesión Entidade Financieira

Información e tramitación en

Para presentar unha solicitude de axuda o interesado deberá cubrir previamente un formulario descritivo a través da aplicación http://www.tramita.igape.es

Unha vez cuberto o formulario, este pasará a disposición da SGR e da entidade financeira, na Extranet de entidades colaboradoras e xerará unha solicitude de tramitación do expediente en formato papel que se presentará na entidade financeira, asinada polo solicitante (Anexo I).

As entidades de crédito centralizarán as solicitudes de axuda recibidas nas distintas sucursais e, no caso de aprobación da operación financieira, solicitarán en nome do interesado a axuda financeira no Igape no prazo máximo dun mes a contar dende a entrada do cuestionario na Extranet das Entidades Colaboradoras.