O prazo de presentación finalizou o 31/07/2017

IG229 - AXUDAS A PROXECTOS DE FORMACIÓN INDUSTRIA 4.0 (2017)

Finalidade / Obxectivo

Co obxectivo de incentivar a formación do capital humano, favorecendo a cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias empresas, o Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido a proxectos promovidos e desenvolvidos por organismos intermedios para mellorar a capacitación do equipo humano nas empresas.

Tipos de apoio

Subvencións a fondo perdido en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser beneficiarios organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderase como tal a efectos destas axudas:

a) Entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa, colexios profesionais, consellos reguladores de denominacións de orixe, cámaras oficiais e outras corporacións de dereito público relacionadas coa actividade empresarial ou clústers empresariais apoiados no ámbito das axudas do Igape ás agrupacións (clústers) innovadoras convocadas por Resolución do 28 de xuño de 2013 (DOG núm. 127, do 5 de xullo) ou que teñan a cualificación de AEI (agrupacións empresariais innovadoras) outorgada polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo

b) Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos no rexistro establecido ao efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades que entren dentro da categoría de empresas en crise. Para estes efectos, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as grandes empresas figura no punto 2.2 das directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras e que para as empresas aparece no apartado 18 do artigo 2 do Regulamento nº651/2014 da Comisión. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei de subvencións de Galicia.

Requisitos principais do proxecto

1. Co obxectivo de incentivar a formación do capital humano, favorecendo a cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias empresas, o Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido aos seguintes tipos de proxectos promovidos e desenvolvidos por organismos intermedios para mellorar a capacitación do equipo humano nas empresas:

a) Proxectos de capacitación nestas tecnoloxías, metodoloxías ou técnicas relacionadas coa Industria 4.0:
- Robotización e robotización colaborativa
- Fabricación aditiva
- Sensórica e actuadores mecatrónicos
- Sistemas ciber-físicos
- Automatización total ou estendida
- Intercomunicación máquina – máquina
- Conectividade total ou estendida
- Vehículos autónomos (optimización de fluxos e redución de custos)
- Personalización de produtos
- Internet das cousas, internet dos equipos e máquinas
- Dixitalización
- Big Data, cloud computing e ciberseguridade
- Loxística 4.0 para a integración total da cadea de subministros coa interconexión de sistemas e máxima coordinación dos procesos loxísticos.
- Modelado e simulación de procesos industriais, operativos e loxísticos.

b) Proxectos de capacitación en xestión e organización empresarial, dirixidos preferentemente á capacitación de mandos intermedios, nestas temáticas: organización industrial, xestión avanzada de compras, liderado de proxectos, protocolos de cooperación interempresarial, utilización de ferramentas de bussines intelligence e de vixilancia tecnolóxica, co-creación de produtos, novos modelos de negocio e eficiencia enerxética. Aos efectos desta axuda, entenderase por mando intermedio o empregado que teña ao seu cargo persoal e competencias para a organización do traballo baixo as instrucións da dirección da empresa.

2. Os proxectos de capacitación deberán incluír formación presencial in company nunha porcentaxe non inferior ao 20% do total das horas. Enténdese como formación presencial in company a que ten como finalidade facer prácticas reais e se imparte na planta produtiva dunha empresa ou nas instalacións dun centro ou institución tecnolóxica de Galicia.

3. Non se concederán axudas para formación que as empresas teñan que impartir obrigatoriamente para cumprir normas nacionais en materia de formación.

4. En todos os proxectos deben participar un mínimo de 5 traballadores en activo de empresas con centro de traballo ou domicilio social en Galicia. Os proxectos formativos terán unha duración presencial mínima de 30 horas, que deberá levarse a cabo en Galicia. Poderanse realizar varias edicións dos proxectos formativos con distintos asistentes. No caso de proxectos co mínimo de 5 traballadores asistentes, ese número debe manterse durante toda a duración do proxecto de capacitación. A execución do proxecto con menos de 5 traballadores en activo en empresas galegas será causa de incumprimento total. Considerarase que o alumno finalizou a formación cando asistise polo menos ao 75% do total de horas (presenciais e in company) da acción formativa.

5. Aos efectos do disposto no apartado anterior, consideraranse traballadores en activo ás persoas vinculadas profesionalmente cunha peme galega de algunha destas formas:
a) Relación laboral (contrato de traballo por conta allea, común ou especial).
b) Autónomos dependentes (contratos trade).
c) Socios ou administradores da empresa (cotizantes á Seguridade Social nalgún réxime).
d) Titulares da empresa ou actividade (empresarios autónomos).

Os proxectos obxecto de axuda deberán dar unha adecuada difusión á actividade formativa, e permitir a calquera traballador en activo de pemes galegas a asistencia á mesma. O solicitante deberá indicar no cuestionario de solicitude os criterios que utilizará para seleccionar os asistentes no caso de que a demanda supere o número de prazas dispoñible. Esta selección deberá realizarse mediante criterios obxectivos, nos que a relación entre o posto de traballo e a temática do curso, a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, e o acceso preferente a discapacitados pese ao menos un 70% nos mesmos, e un mínimo dun 20% individualmente.

6 Os alumnos participantes deben obter unha capacitación ou cualificación ao rematar a acción formativa. Deberá entregarse a cada participante un certificado de aproveitamento ou diploma que cumpra cos requirimentos de publicidade do FSE, no que como mínimo farase constar a denominación da acción formativa, os contidos formativos, duración en horas e período de impartición.

7. Cada solicitude de axuda debe ser relativa a un único proxecto formativo, podendo cada solicitude comprender unha ou varias edicións sempre que sexa para distintos participantes (na mesma ou distintas localizacións). Cada organismo intermedio poderá presentar varias solicitudes (unha por cada proxecto distinto para o que solicite axuda). O número de proxectos aprobados nunha convocatoria a una entidade será, como máximo, de cinco.

8. As accións formativas deberán realizarse dentro do prazo de execución establecido na resolución de concesión. O dito prazo iniciarase coa presentación da solicitude de axuda e finalizará na data establecida na resolución de concesión.

9. Tódalas accións formativas deberán ter comezado no ano no que se publica a convocatoria, e rematar antes do prazo de execución de proxectos establecido nesta.

Investimentos ou gastos computables

Poderanse subvencionar os seguintes tipos de gasto, de acordo co establecido na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro:

a) Retribucións dos formadores
b) Gastos de medios didácticos e/ou adquisición de materiais didácticos, así como os gastos en bens consumibles utilizados na realización das accións formativas.
C) Gastos de aluguer das aulas, talleres e demais superficies utilizadas no desenvolvemento da formación.
d) Seguro de accidentes dos participantes.
e) Publicidade para a organización e difusión das accións formativas.
Os gastos das letras b), c), d) e e) terán que ser contratados externamente para seren considerados gastos subvencionables.

Os gastos de retribución dos formadores poderán ser contratados externamente ou poderán ser gastos de persoal propio da entidade beneficiaria se conta con recursos humanos suficientes e cualificados para impartir a formación. Neste caso, consideraranse custos de persoal subvencionable o salario bruto e a Seguridade Social a cargo do empregador das persoas que impartan a formación e exclusivamente polas horas dedicadas á impartición

As entidades beneficiarias poderán contratar todos os gastos subvencionables cun único colaborador externo.

Os colaboradores externos non poderán estar vinculados co beneficiario da axuda nin cos seus órganos directivos ou xestores.

As colaboracións externas subvencionables non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais da empresa como son os servizos rutinarios de asesoría fiscal ou os servizos xurídicos periódicos.

Os gastos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo á esta presentación; de seres así, o proxecto sería non subvencionable.

O período de execución dos gastos e investimentos subvencionados denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria.

O custo subvencionable total de cada proxecto formativo limitarase a:
Un máximo de 50.000 € por proxecto formativo.
Un máximo de 26 €/hora por alumno que acade certificado de aproveitamento.

Contía das axudas

A subvención será, con carácter xeral, do 50% do custo subvencionable da acción formativa, podendo incrementarse en 10 puntos adicionais no caso de que a entidade beneficiaria cumpra coas condicións de mediana empresa e en 20 puntos adicionais no caso de que cumpra coas de pequena empresa.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses e comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Incompatibilidades

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere as porcentaxes máximas establecidas no artigo 5.2 destas mesmas bases reguladoras. Non obstante, e de acordo co establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) 1303/2013, o proxecto poderá recibir axuda doutros fondos EIE, dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, a condición de que a partida de gasto incluída nunha solicitude de pago para o reembolso por un dos fondos EIE non estea subvencionada por outro fondo ou instrumento da Unión, nin polo mesmo fondo conforme a un programa distinto.

2. A solicitude e obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Referencia lexislativa

Resolución do 18 de maio de 2017 (DOG Nº 102 do 31 de maio de 2017) - Bases reguladoras e convocatoria 2017
Corrección de erros (DOG Nº118 do 22/06/2017)
Resolución do 21 de setembro de 2017 (DOG Nº187 do 02/10/2017) - Requirimentos de emenda
Resolución do 4 de abril de 2018 (DOG Nº71 do 12/04/2018) - Ampliación prazo execución e solicitude de cobro


Información e tramitación en

INFORMACIÓN:

- No teléfono: 900 815 151
- Nas oficinas territoriais do Igape
- Por correo: informa@igape.es

Para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

As solicitudes de axuda presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática.

As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acreditación da representación con que se actúa.
b) Documentación acreditativa da súa constitución: acta e estatutos de constitución, con acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente e modificacións posteriores destes.
c) Ademais disto e, se é o caso, para os efectos sinalados no artigo 6.2 destas bases, achegarase o Plan estratéxico.
d) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3º da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, de acordo co establecido nos artigos 5.1 destas bases reguladoras.
e) Memoria descritiva do proxecto que deberá conter mención explícita aos criterios sinalados no artigo 6 destas bases, que se deberá xuntar como documento ao formulario electrónico de solicitude.
f) Declaración responsable do representante legal de ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se concede a axuda, que se cubre no cadro de Declaracións do Anexo I.

Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Observacións

O prazo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 31 de outubro de 2018.

O prazo para presentar a solicitude de cobramento rematará o 30 de novembro de 2018 para os proxectos que rematen antes ou o mesmo día 31 de outubro de 2018

O prazo para solicitar os anticipos rematará o 31 de outubro de 2017 para a anualidade de 2017 e o 31 de marzo de 2018 para a anualidade de 2018.