O prazo de presentación finalizou o 28/03/2018

IG228 - PROXECTOS DE INVESTIMENTO XERADORES DE EMPREGO (2017)

Finalidade / Obxectivo

Proxectos dirixidos a investimentos en obra civil e maquinaria e outros bens de equipamento para a creación dun novo establecemento ou ampliación dun xa existente que presentan un potencial de creación de emprego directo e indirecto.

Tipos de apoio

Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia non competitiva.

Beneficiarios potenciais

1.- Pequenas e medianas empresas (pemes) segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Anexo I do Regulamento (UE) nº651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado UE, calquera que sexa a súa forma xurídica. Polo que tamén poderán acceder á condición de beneficiario as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención.

a) Que proxecten levar a cabo un investimento nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Que desenvolvan no centro obxecto do proxecto algunha das actividades subvencionables que se sinalan nestas bases para cada tipo de proxecto subvencionable estando excluidas as seguintes:

i. As contempladas no ámbito de aplicación do Regulamento (UE) Nº 1388/2014, da Comisión, de 16 de decembro de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas a empresas dedicadas á produción, transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura compatibles con o mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea.
ii. As axudas concedidas na produción, transformación e comercialización dos produtos agrícolas, enumerados no anexo I do Tratado de Funcionamento da Unión Europea.
iii. As actividades do sector do aceiro, do sector do carbón, do sector das fibras sintéticas, así como a infraestrutura conexa, a produción e distribución de enerxía e as infraestruturas enerxéticas.
iv. O sector da construción naval na liña de investimentos xeradores de emprego.
v. O sector dos transportes na liña de investimentos xeradores de emprego.

c) Que acheguen para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 25% dos custos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarios as pequenas e medianas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en crise segundo a definición establecida no apartado 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014

4. Non poderán ter a condición de beneficiarios as sociedades mercantís en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei de subvencións de Galicia ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

Sectores incentivables

Actividades relacionadas co Anexo II das bases.

Para as actividades vinculadas ao turismo, os proxectos subvencionables limitaranse aos de ampliación dun establecemento existente, salvo que se trate de proxectos de creación dun novo establecemento para actividades de turismo activo, balnearios ou talasos. En todos os casos, será preceptivo o informe da Axencia Galega de Turismo respecto da catalogación dos proxectos.

Requisitos principais do proxecto

Serán subvencionables os proxectos de realización de investimentos xeradores de emprego realizados por pequenas e medianas empresas, para a creación dun novo establecemento ou a ampliación de capacidade, que cumpran os seguintes requisitos:

a) O proxecto deberá cumprir algún destes requisitos:

1º O investimento subvencionable deberá ser igual ou superior a 150.000 euros e inferior a 900.000 euros, excluíndo impostos, taxas e arbitrios, co compromiso de mantemento do emprego e no caso de creación dun novo establecemento, co compromiso de creación directa de emprego.

2º O investimento subvencionable deberá ser igual ou superior a 50.000 euros e inferior a 150.000 euros, sempre e cando supoña unha creación neta de emprego directo ligado ao investimento, cuxo custo salarial para o período dun ano, dos postos de traballo a crear, alcance un importe comprendido entre 150.000 euros e 900.000 euros, excluíndo impostos, taxas e arbitrios.

3º O investimento subvencionable deberá ser igual ou superior a 900.000 euros, excluíndo impostos, taxas e arbitrios e inferior a 2.000.000 euros, sempre e cando se corresponda con actividades que non se consideren atendibles pola Lei 50/1985, do 27 de decembro, de incentivos rexionais para a corrección de desequilibrios económicos interterritoriais e o seu regulamento, e supoñan á creación directa de emprego fixo. Se o custo subvencionable resultase superior a 2.000.000 euros, o Igape reduciría a base subvencionada a esta cantidade.

b) Deberá tratarse de investimento para o desenvolvemento das actividades relacionadas no Anexo II.

c) Nos proxectos xeradores de emprego definidos nos puntos 2º. e 3º. do apartado a), e no caso do primeiro establecemento, dos definidos no punto 1º, o solicitante deberá comprometerse á creación de emprego con carácter indefinido. Así mesmo, para os proxectos definidos no punto 3º., o Igape esixirá nas resolucións de concesión un determinado nivel de fondos propios que deberá acreditar o beneficiario.

Investimentos ou gastos computables

i) Obra civil: acondicionamento dos terreos, oficinas, laboratorios, servizos sociais e sanitarios do persoal, almacenamento de materias primas, edificios de produción, edificios de servizos industriais, almacenamento de produtos terminados e outras obras vinculadas ao proxecto, suxeitos aos módulos máximos de custo subvencionable que se achegan no anexo III.

ii) Adquisición de edificacións ou construcións novas, por un importe que non exceda do 10% do gasto total subvencionable.

iii) Bens de equipo: maquinaria de proceso, instalacións específicas para a actividade subvencionable, equipos e medios de transporte interior, vehículos especiais de transporte exterior, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento ligados ao proxecto. No sector de transporte non son subvencionables os medios e equipamento de transporte exterior.

iv) Outros investimentos en activos fixos materiais incluíndo mobiliario.

v) Activos inmateriais, en contía non superior ao 50% do investimento subvencionable.

vi) Os custos de reforma de instalación en bens inmobles arrendados, suxeitos aos módulos máximos de custo subvencionable que se achegan no anexo III

Nos proxectos relacionados no apartado 2º da letra a) anterior será subvencionable o custo salarial para o período dun ano. Enténdese por custo salarial o o importe composto polo salario bruto, é dicir, antes de impostos, e as cotizacións obrigatorias, como a seguridade social.

O prazo de execución do proxecto será o proposto polo solicitante no plan de investimentos e non poderá ser superior a 12 meses, computado desde a notificación da resolución de concesión. No caso dos proxectos relacionados no apartado 2º da letra a) anterior, a base subvencionable será exclusivamente os salarios do período de 12 meses, e computarase desde a data establecida para o remate dos investimentos.

A axuda solicitada debe supoñer un efecto incentivador para o proxecto presentado. Para tal efecto, antes de iniciar o proxecto o solicitante deberá ter presentado a solicitude da axuda. Ningún dos custos alegados, sobre os que se solicita subvención, poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude; de ser así, a totalidade do proxecto non será subvencionable. Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución de obras ou pedido de calquera outro investimento, entendéndose por proxecto os investimentos comprendidos na solicitude da axuda. A compra dos terreos e os traballos preparatorios como a obtención de permisos e a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

Os investimentos subvencionables serán os realizados e pagados dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión para os efectos de cumprir todas as condicións nela establecidas. Este prazo iniciarase na data de presentación da solicitude de axuda e rematará na data que, á vista das características do proxecto, sexa establecida na resolución de concesión,
que nunca poderá exceder o prazo máximo de execución establecido na resolución de convocatoria.

Os investimentos deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros polo beneficiario da axuda, contratados e pagados directamente entre o beneficiario e o provedor final. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante.

Os investimentos deberán realizarse en bens novos.

Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros polo beneficiario. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena do beneficiario antes do remate do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades.

No caso dos activos intanxibles, para ser considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas estas condicións:
1) empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda;
2) consideraranse activos amortizables;
3) adquiriranse a terceiros non relacionados co comprador en condicións de mercado,
4) figurarán no activo da empresa e permanecerán no establecemento beneficiario da axuda durante un período mínimo de 3 anos.

Cando o importe do investimento subvencionable supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben.

En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Os proxectos de investimento vinculados a un contrato de xestión de servizos públicos non serán subvencionables, excepto os correspondentes as actividades que tradicionalmente se viñan prestando por empresas privadas, a risco e ventura destas e cuxos clientes son tamén empresas privadas.

Contía das axudas

A subvención poderá chegar ata o 35% dos investimentos subvencionables no caso de pequenas empresas, e ata o 25% no caso de medianas empresas.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o 2 de xuño de 2017 e rematará o 28 de marzo de 2018.

Incompatibilidades

Estas axudas serán incompatibles entre sí, aínda que poderán ser compatibles cos programas de axuda financeira do Instituto como poden ser, entre outros, os préstamos ou a subsidiación do tipo de xuro, ata o límite máximo de intensidade de axuda indicado no artigo 6.

Non obstante, dito límite poderá ser inferior, de acordo coa análise da normativa reguladora das axudas concorrentes.

A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza.

Referencia lexislativa

Resolución do 19 de maio de 2017 (DOG Nº 103 do 01/06/2017) - Bases reguladoras e convocatoria 2017.
Resolución do 28 de decembro (DOG Nº246 do 29/12/2017) - Ampliación prazo presentación

Información e tramitación en

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

* Tramitación:

As solicitudes de axuda presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación www.tramita.igape.es e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo.

Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse obligatoriamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es. Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF (máx. 4 MB). O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido e será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante.

Xunto co formulario de solicitude, presentarase a documentación a que se fai referencia no artigo 7.2 das bases.

Observacións

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de 5 meses dende a presentación de solicitude de axuda.

O prazo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 30 de xuño de 2019.

Para aqueles proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 30 de outubro de 2017, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 9 de novembro de 2017.
Para aqueles proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 30 de outubro de 2018, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 9 de novmembro de 2018
Para aqueles cuxo prazo máximo de execución sexa o 30 de xuño de 2019, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 11 de xullo de 2019.