O prazo de presentación finalizou o 28/03/2018

IG251 - APOIO AO CIRCULANTE - ADECUACIÓN DO FINANCIAMENTO DAS EXPLOTACIÓNS AGRARIAS AFECTADAS POLA SECA DO ANO 2017

Finalidade / Obxectivo

Estas bases regulan o contido e procedemento de tramitación de dúas liñas de financiamento bonificado dirixido ás explotacións agrarias de toda a Comunidade Autónoma de Galicia afectadas pola seca do ano 2017, co obxecto de adecuar e reforzar a súa estrutura financeira.

Tipos de apoio

Axudas en réxime de concorrencia non competitiva.

Beneficiarios potenciais

1. As pequenas e medianas empresas, incluídos os autónomos, que desenvolvan unha actividade económica agraria.
Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as comunidades de bens, sociedades civís ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se encontren na situación que motiva a concesión da axuda. En calquera caso, deberase nomear un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiaria lle correspondan á agrupación.

Neste caso, o préstamo deberá estar formalizado a nome da entidade e deberá ser asinado por cada un dos seus membros. No caso das cooperativas, o préstamo poderá estar asinado por un representante da entidade, logo de autorización dela, ou polos cooperativistas, que asumirán a débeda en proporción á súa porcentaxe de participación.

2. Ademais do establecido no punto anterior, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro Xeral de Explotacións Agrarias de Galicia (en diante, Reaga), con anterioridade á data da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

b) Ter localizada a explotación principal nunha zona declarada de alerta ou prealerta pola seca no ano 2017 nas demarcacións hidrográficas de Galicia Costa, Miño-Sil, Cantábrico Occidental e do Douro no momento da publicación desta convocatoria, o que se corresponde con todo o territorio de Galicia.

Ademais, deberán cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiario establecidos nos artigos 10 e 11 da Lei de subvencións de Galicia, e non seren consideradas empresas en crise.

Sectores incentivables

Agricultura.

Requisitos principais do proxecto

Poderanse acoller a este programa de apoio aquelas explotacións que formalicen un préstamo que se destine ao financiamento do seu activo corrente, entendendo como tal o pagamento de nóminas dos traballadores, tributos, Seguridade Social, alugamento, provedores, acredores por prestación de servizos e cotas de débedas bancarias a longo prazo e cotas de leasing que venzan durante o período de disposición do préstamo formalizado ao abeiro desta liña. En ningún caso se poderán aplicar a financiar investimentos en inmobilizado ou activos financeiros, nin á cancelación anticipada de pasivos bancarios.

Investimentos ou gastos computables

1. Características das operacións de préstamo.

a) Modalidade: Préstamos.

b) Importe: O importe mínimo atendible será de 3.000 euros. O préstamo con dereito a subsidiación constituirao, como máximo, a suma das débedas de circulante existentes na data da solicitude da axuda e daquelas que se xeren ata a data límite de disposición do préstamo segundo o establecido no artigo 13.

c) Prazo: Serán atendibles, os préstamos formalizados a un prazo igual ou superior a 3 anos e un máximo de 7 anos, incluída unha carencia dun máximo de 2 anos.

2. O tipo de xuro nominal anual para as operacións de préstamo acollidas a estas bases poderá ser fixo ou variable.

No caso de tipo de xuro fixo, este será o que libremente pacten as partes, sen que en ningún caso poida exceder o 4 %. No caso de contar con aval dunha SGR, non poderá superar o 3 %.

No caso de tipo de xuro variable, o tipo de xuro nominal anual dos préstamos será, para cada semestre natural, o resultante de engadir ao tipo de referencia o tipo adicional que pacten as partes:

Tipo de referencia: euríbor ao prazo de 6 meses.

Tipo adicional: será o que libremente pacten as partes, sen que en ningún caso poida exceder 3 puntos porcentuais sen aval de SGR e 2 puntos porcentuais, no caso de contar co aval da SGR.

3. As comisións máximas que a entidade financeira poderá repercutir en conceptos de apertura e estudo será do 0,60 %. Para as comisións de estudo e apertura, conxuntamente, a entidade financeira poderá estipular un mínimo de ata 30 euros. Para estes efectos, non se considerará comisión o cobramento da tarifa de reclamación de posicións debedoras.

4. No caso de operacións avaladas por unha SGR, estas poderanlle cobrar ao cliente ata o 0,50 % en concepto de comisión de estudo, ata o 1 % en concepto de comisión de aval, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado, e ata o 4 % do importe do financiamento avalado en concepto de cota social mutualista, que se aboará ao inicio da operación. Este importe será reembolsado ao cliente unha vez que remate a súa relación coa SGR.

5. A garantía a favor das entidades financeiras será a achegada pola prestameira ou, se é o caso, o aval da SGR adherida ao convenio, polo 100 % do risco.

Contía das axudas

A axuda financeira do Igape poderá consistir nos seguintes apoios:

a) Bonificación do tipo de xuro nominal das operacións de préstamo acollidas a estas bases, de tal xeito que o tipo de xuro sexa cero para o beneficiario. No caso de préstamos a tipo de xuro fixo, a bonificación corresponderase co tipo de xuro establecido para toda a vida do préstamo. No caso de préstamos a tipo de xuro variable, a bonificación corresponderase co tipo de xuro establecido para o primeiro período semestral.

b) Axudas en forma de garantía: no caso de contar co aval dunha SGR, o Igape compensará o custo da comisión do aval financeiro prestado pola SGR.

2. A axuda financeira que se conceda, tanto a bonificación ao tipo de xuro como, se é o caso, a compensación da comisión de aval da SGR, calcularase do seguinte xeito:

a) Calcularanse os valores absolutos das bonificacións que se percibirán durante o período teórico de vixencia do préstamo, incluído, se é o caso, o período de carencia. Tomarase como base para o cálculo o 100 % da operación formalizada e como base da liquidación o ano comercial (360 días).

b) Actualizaranse os valores absolutos obtidos anteriormente, utilizando como taxa de actualización o tipo de xuro legal do diñeiro correspondente ao ano da formalización da operación financeira.

c) No caso de que a operación fose formalizada a un prazo superior a 7 anos, a bonificación e compensación da comisión de aval da SGR calcularase de xeito teórico, como se fose a 7 anos, incluída a carencia.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes por parte do interesado no Igape comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 28 de marzo de 2018. As entidades financeiras deberán comunicar ao Igape a súa decisión sobre a concesión da operación financeira ata o 25 de abril de 2018.

Incompatibilidades

A concesión das axudas destas bases queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, a da Unión Europea. Neses termos, serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada pero, en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea.

Referencia lexislativa

Resolución do 21 de decembro de 2017 (DOG Nº25 do 05/02/2018) - Bases reguladoras e convocatoria 2018
Resolución do 15 de novembro de 2018 (DOG nº224 do 23/11/2018) - Adaptación prazos de disposición e solicitude de cobro

Información e tramitación en

Para presentar unha solicitude de axuda o interesado deberá cubrir previamente un formulario descritivo dos requisitos para ser beneficiario, dos danos causados polas secas e da súa cuantificación, así como da operación financeira a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

Unha vez xerada a solicitude, deberase presentar obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado co IDE (anexo I).

As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:
a) Acreditación da representación con que se actúa.
b) No caso de persoas xurídicas, escritura ou documento xuridicamente válido de constitución e estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes.

Observacións

O prazo máximo de disposición dos fondos son dous meses desde a notificación da resolución de concesión e nunca posteriormente á primeira amortización da operación financiada.

O prazo máximo de presentación da solicitude de cobramento será 15 días desde a disposición total do préstamo ou da notificación da resolución se fose posterior.