O prazo de presentación finalizou o 04/05/2018

IG231 - CONCURSO EDUEMPRENDE IDEA 2018

Finalidade / Obxectivo

Convocar o concurso Eduemprende Idea 2018, co fin de potenciar a realización de proxectos empresariais polo alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos.

Tipos de apoio

Premios en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciais

Poderá participar nesta convocatoria o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar matriculado no curso 2017-2018 nas ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia, sostidas con fondos públicos.

b) A participación terá que ser en grupo, formado por un mínimo de dous/dúas alumnos/as e un máximo de catro, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberán nomear un representante ou apoderado único co poder suficiente para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

c) As persoas participantes deben cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiarios/as de acordo co artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Requisitos principais do proxecto

Os materiais e recursos dixitais que acompañen a solicitude deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Requisitos de forma.

1º Os traballos serán orixinais e inéditos.

2º Os materiais non incluirán publicidade de empresas, produtos nin servizos comerciais.

b) Requisitos técnicos.

1º Os materiais e recursos dixitais terán que visualizarse correctamente nas últimas versións dos navegadores máis comúns. Deben funcionar sen necesidade de instalar ningún plugin específico nun navegador, salvo os de Flash, Java, Descartes e Malted.

2º Os materiais estarán realizados con tecnoloxía que permita a súa visualización cun navegador estándar sobre distintos sistemas operativos, libres e propietarios, e poderán ser executados en local.

Cualificación requerida do proxecto

Teranse en conta os seguintes criterios á hora de avaliar os proxectos presentados en cada unha das dúas modalidades:


a) A súa viabilidade técnica e legal. (máximo 10 puntos)
Avaliarase respecto da actividade proposta o acceso aos recursos (materiais, humanos e tecnolóxicos), o coñecemento e dominio do proceso produtivo e o coñecemento e acreditación do cumprimento da normativa.

b) A súa viabilidade comercial. (máximo 15 puntos)
Avaliarase respecto da actividade proposta o coñecemento e posibilidade de acceso ao mercado obxectivo.

c) A súa viabilidade financeira. (máximo 15 puntos)
Avaliarase respecto da actividade proposta a capacidade para acadar e xerar os recursos financeiros precisos para a súa posta en marcha e funcionamento sustentable posterior.

d) A coherencia e carácter innovador do plan de negocio. (máximo 15 puntos)
Avaliarase o grao de innovación da iniciativa, o equilibrio no desenvolvemento dos contidos e a congruencia entre os diferentes puntos do plan de negocio.

e) Creación de emprego. (máximo 15 puntos)
Avaliarase en función do volume de emprego a crear, incluídos os promotores do proxecto, a razón de 3 puntos por cada emprego a crear.

f) A capacidade do equipo promotor para levalo adiante. (máximo 15 puntos)
Avaliarase en función dos perfís do equipo promotor (formación, experiencia profesional e empresarial grao de implicación no proxecto) e a súa complementariedade.

g) A eficiencia na presentación dos contidos e a súa exposición oral sintética presentada (“elevator pitch”). (máximo 15 puntos)
Avaliarase a capacidade para comunicar a idea de negocio, a claridade expositiva, o atractivo do soporte e a capacidade de xerar interese.

No caso de empate nas puntuacións, para desempatar terase en conta a maior puntuación obtida nos criterios «a», «b», «c», «d», «e», «f» e «g», por esa orde. No caso de persistir o empate, terase en conta o número de expediente, que se outorgará segundo a data de presentación da solicitude.

Declararase deserto o premio naquelas categorías en que ningún dos proxectos pre¬sentados acade unha puntuación mínima de 40 puntos.

Contía das axudas

Premiaranse os tres mellores proxectos de empresa de cada modalidade.

1. Modalidade A: ciclos de grao superior

- Incorporación a un viveiro de empresa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
- Asesoramento técnico do Igape.
- Dotación económica:
1º premio: 3.000 euros.
2º premio: 2.000 euros.
3º premio: 1.000 euros.

2. Modalidade B: ciclos de grao medio.

- Incorporación a un viveiro de empresa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
- Asesoramento técnico do IGAPE.
- Dotación económica:
1º premio: 3.000 euros.
2º premio: 2.000 euros.
3º premio: 1.000 euros.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de un mes contado a partir do día seguinte da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Incompatibilidades

Estes premios serán compatibles con outras axudas, procedentes de calquera outra administración ou de entes públicos ou privados, galegos, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sen prexuízo da obriga de comunicar a súa obtención ao órgano que concede estes premios.

Referencia lexislativa

Resolución do 19 de marzo de 2018 (DOG Nº65 do 04/04/2018) - Bases reguladoras e convocatoria 2018

Información e tramitación en

Para presentar unha solicitude de axuda o interesado deberá cubrir previamente un formulario descritivo a través da aplicación http://www.tramita.igape.es

Co fin de prestar asistencia na formalización do formulario, o Igape pon a disposición do interesado o seu Servizo de Asistencia Técnica no teléfono 900 815 151

Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizada co IDE (anexo I), para iso o asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Ficha de persoas participantes segundo o anexo II.
b) Proxecto de empresa.
c) Resumo executivo do proxecto.
d) Vídeo de presentación do proxecto.

Observacións

Se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases, requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Os requirimentos publicaranse no enderezo www.tramita.igape.es

Unha vez avaliados os proxectos de empresa pola Comisión avaliadora, a Área de Competitividade do Igape elevará a proposta de resolución de adxudicación dos premios ao director xeral do Igape. A resolución será publicada no DOG e en www.tramita.igape.es