O prazo de presentación finaliza o 31/12/2019

IG269 - PRÉSTAMOS PARA FINANCIAR A OPERATIVA DA INDUSTRIA AUXILIAR NAVAL

Finalidade / Obxectivo

Apoiar financeiramente a empresas que desenvolven actividades no sector da industria auxiliar da construción naval, para permitirlles financiar a longo prazo pagamentos operativos, e así dispoñer dun fondo de manobra suficiente para afrontar posibles atrasos nos cobramentos dos seus clientes.

Tipos de apoio

Préstamos directos do IGAPE

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser beneficiarias aquelas empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Realicen unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto do proxecto de investimento, localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Cumpran as condicións establecidas especificamente para a correspondente modalidade de préstamo, conforme aos requisitos que se detallan no Anexo I.

c) Acheguen para o proxecto de investimento unha contribución financeira mínima do 25% do proxecto, exenta de calquera tipo de apoio público.

2. Poderán ser tamén beneficiarias as persoas físicas, agrupacións, sociedades civís e comunidades de bens que cumpran os requisitos do citado artigo, e que subministren bens ou servizos a empresas do sector da construción naval (CNAE 301).

3. Non poderán ter a condición de beneficiarios dos préstamos:

a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

b) As empresas en crise. A estes efectos, terase en conta a definición de empresa en crise establecida nas Directrices sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación Comisión 2014/C 249/01) ou normativa que a substitúa.

c) As entidades nas que concorrese algunha das circunstancias previstas no art. 10.2 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia.

Sectores incentivables

Sector auxiliar do naval.

Requisitos principais do proxecto

* Importe:

O importe mínimo do préstamo será de 50.000 euros e o máximo de 1.000.000 de euros, e deberá ser aplicado exclusivamente ao pagamento dos conceptos subvencionables.

O importe do préstamo non poderá superar, no momento da solicitude, un importe equivalente á suma dos saldos facturados pendentes de cobramento de clientes do sector de construción naval (CNAE 301), mais os traballos realizados ou en curso pendentes de facturar a empresas do dito sector. O Igape poderá contrastar a realidade destes dereitos de cobramento declarados pola solicitante, mediante circularización aos clientes, e reducir o importe financiable no caso de non obter conformidade expresa dos terceiros.

Os clientes do sector naval computados para estes efectos, non poderán ser empresas vinculadas á sociedade solicitante nin aos seus socios e administradores.

* Prazos de amortización e de carencia:

O prazo de devolución dos préstamos será de 5 anos, incluíndo 2 de carencia na amortización de principal.

* Tipo de xuro ordinario:

O tipo de xuro nominal anual determinarase para toda a vida do préstamo no momento da concesión, resultado de sumar:
– Tipo de referencia: será a media do Euribor a 1 ano do mes anterior á data da proposta de resolución da concesión do préstamo.
– Marxe adicional: será de 2 puntos porcentuais. Se o resultado da subvención implícita no préstamo, obtida aplicando os criterios recollido no anexo III, supera o límite de axuda de minimis, incrementarase a marxe adicional para diminuír a vantaxe financeira respecto ao mercado ata cumprir este límite.

O tipo de xuro será do 0 % cando resulte negativo.

* Axuda implícita:

Con carácter xeral, os préstamos desta modalidade incluirán unha axuda implícita determinada conforme o anexo III das bases reguladoras.

* Plan de amortización

Unha vez finalizado o período de carencia, o reintegro do préstamo realizarase en cotas trimestrais vencidas, o último día de cada trimestre natural, xunto coa cantidade destinada ao pagamento de xuros. O plan de amortización será calculado polo Igape e incorporarase á resolución de concesión. Para o cálculo do plan de amortización utilizarase o sistema de amortización francés, de forma que a carga para afrontar polo beneficiario, resultante de sumar os xuros e as amortizacións para pagar ao trimestre polo beneficiario, se manteña constante durante toda a vida do préstamo tras a carencia.

* Garantías

Con carácter xeral, para esta modalidade de préstamos non se exixirán garantías adicionais á responsabilidade universal da prestameira.

Investimentos ou gastos computables

Os conceptos que se van financiar co préstamo serán pagamentos operativos, entendendo como tales o pagamento de gastos correntes, pagamentos a provedores, acredores por subministracións e prestación de servizos, gastos de persoal e seguridade social, reparacións e conservación, e pagamento de impostos, aínda cando este pagamento non teña a consideración de gasto do exercicio (tales como liquidacións de IVA e retencións). Admitirase tamén o pagamento ou refinanciamento de débedas bancarias vencidas sempre e cando estas proveñan do desconto comercial ou anticipo de facturas, efectos e/ou contratos de clientes do sector da construción naval.
A contía financiable será calculada pola solicitante de forma razoada na memoria que deberá presentar xunto coa solicitude, con base nas necesidades financeiras estimadas para a operativa empresarial. O Igape poderá reducir o importe solicitado no caso de non considerar a dita contía suficientemente motivada, con base na análise dos estados financeiros da solicitante.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

a) Que se esgote o crédito orzamentario.
b) O 31 de decembro de 2019.

Incompatibilidades

Os préstamos contemplados nestas Bases Reguladoras serán compatibles con calquera outra axuda.

Para os casos nos que se contemple axuda implícita, serán compatibles con outras a condición de que o importe conxunto non supere os límites máximos de intensidade da axuda resultante da normativa de aplicación.

Referencia lexislativa

Resolución do 2 de xullo de 2019 (DOG Nº134 do 16/07/2019) - Bases reguladoras e convocatoria
Extracto Bases reguladoras e convocatoria (DOG Nº134 do 16/07/2019)
Resolución do 14 de novembro de 2019 (DOG Nº219 do 18/11/2019) - Modificación das bases reguladoras

Información e tramitación en

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

* Tramitación

1. O interesado deberá cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto a través de http://www.igape.es/gl/oficina-virtual

Unha vez xerada a solicitude deberase presentar obrigatoriamente por vía electrónica.
Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de maneira que coa súa firma baste para acreditar a vontade do solicitante. O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido.

2. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

1º. Declaración responsable con relación nominal de clientes empresas do sector da construción naval non vinculadas, nas cales se indique, para cada cliente e referido á data de solicitude do préstamo:
– Cadro resumo das facturas emitidas pendentes de cobramento, achegando a súa copia.
– Cadro resumo de facturas pendentes de emitir, por traballos realizados ou en curso, xuntando copia de contratos no seu caso.

2º. Memoria do proxecto, que desenvolverá o seguinte contido:
i) Antecedentes da empresa e dos seus promotores: historial, principais fitos na evolución da empresa, capacidades básicas (estratéxicas, capacitación da xerencia, organizativas e de control), capacidade técnica da entidade (recursos humanos, técnicos, materiais, colaboracións, cooperacións, certificacións de calidade e ambientais), capacidade tecnolóxica da entidade (recursos humanos, técnicos e económicos, patentes I+D+i), capacidade económica da entidade (análise dos estados financeiros, solvencia dos promotores, política de financiamento e rendibilidade).
ii) Descrición dos aprovisionamentos, do proceso produtivo e do comercial. Orixe dos aprovisionamentos, principais provedores, mercado actual (tamaño, características, competencia etc.) e potencial. Análise comercial do produto. Describir expresamente os bens e servizos subministrados a empresas do sector da construción naval, traxectoria neste sector, historial de quebrantos causados procesos concursais de clientes deste sector.
iii) Cuantificación das necesidades financeiras para a operativa empresarial. Causas xustificadas da necesidade de financiar a operativa da empresa.
iv) Cadro de persoal, traballadores nos centros de traballo en Galicia, describindo funcións. Expectativas de mantemento de emprego. Relación de expedientes de regulación de emprego en vigor e presentados nos últimos 12 meses, describindo o seu contido e o número de traballadores afectados.

3º. Informe detallado da Central de Información de Riscos do Banco de España (CIR) correspondente ao último período dispoñible.

4º. En caso de persoas xurídicas:
- Escritura/acta de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e as súas modificacións posteriores, e poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, no seu caso, no rexistro competente.
- Contas anuais, auditadas no seu caso, correspondentes ao último exercicio pechado.
- Balance e conta de resultados recentes, asinados polos administradores.

5º. No caso de persoas físicas ou comunidades de bens: copias das declaracións de IVE: resumo anual do exercicio anterior e liquidacións periódicas do exercicio corrente.

6º Copia da declaración de solicitude de impacto ambiental, ou declaración responsable de non ter que realizala, se é o caso.

7º. En caso de actividades situadas en zonas naturais protexidas, descrición completa das actividades afectadas, ou declaración responsable de non estar as actividades situadas en zonas naturais protexidas.

8º. No seu caso, proxecto técnico elaborado para a obtención da correspondente licenza urbanística no caso de proxectos que inclúan gastos de obra civil e cando sexa preceptiva dita licenza (construción ou reforma de nave, oficinas, locais comerciais, etc.). Exceptúase da necesidade de presentación de proxecto técnico a execución de obras ou instalacións menores.

9º. Relación detallada dos investimentos a realizar, distinguindo entre bens novos e usados.

10º. Copia do contrato de aluguer/concesión/superficie do inmoble obxecto do proxecto de investimento, no seu caso.

11º. Complementariamente o Igape poderá solicitar a achega, con carácter facultativo, daqueloutra documentación xustificativa para os efectos de valoración do risco.