Prazo aberto ata a derogación expresa da axuda

IG220 - PROGRAMA DE ADQUISICIÓN DE COMPETENCIAS PROFESIONAIS EN MATERIA DE INTERNACIONALIZACIÓN EMPRESARIAL - Prazo suspendido por Covid-19

Finalidade / Obxectivo

O obxecto destas bases é a convocatoria de 50 prazas para a capacitación de mozos profesionais en materia de internacionalización empresarial mediante formación práctica, coa finalidade de mellorar a empregabilidade e poñer á disposición das empresas galegas profesionais que lles axuden a mellorar a súa competitividade.

Tipos de apoio

O procedemento de concesión destas prazas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciais

1. Ter nacido a partir do 1 de xaneiro de 1990.

2. Posuír a nacionalidade española e nacido en Galicia, ser nacido en Galicia e estar nacionalizado nun Estado membro da Unión Europea, ou estar empadroado nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia con dous anos de antigüidade á data de publicación destas bases.

3. Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións na data en que finaliza o prazo de presentación de solicitudes:

a) Universitarias (licenciatura, diplomatura, enxeñaría ou grao): Administración e Dirección de Empresas, Ciencias do Transporte e Loxística, Ciencias Económicas e Empresariais, Ciencias Empresariais, Ciencias Políticas, Comercio, Comercio Exterior, Dereito, Dirección e Creación de Empresa, Dirección de Empresas-BBA, Dirección Financeira e Contabilidade, Economía, Enxeñaría, Estatística e Empresa, Márketing e Dirección Comercial, Márketing e Investigación de Mercados, Relacións Internacionais, ou outras con distinta denominación pero de contidos similares ás citadas.

b) Formación profesional: técnico superior en Comercio Internacional.

c) Outras titulacións universitarias non preferentes (licenciatura, diplomatura ou grao) doutras temáticas coa condición de que se dispoña ademais de título de máster en Comercio Internacional.
Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros privados españois deberán estar homologados polo Ministerio de Educación español antes de que finalice o prazo de presentación de solicitudes. Polo que se refire aos títulos de máster non se require que estean homologados.

4. Coñecementos de inglés (falado e escrito).
Esta capacidade acreditarase mediante a realización dun exame no que os aspirantes deberán demostrar como mínimo nivel B2 do marco común europeo de referencia para as linguas.
Os aspirantes que non comparezan ou non acaden o nivel mínimo B2 na proba de inglés quedarán excluídos do proceso de selección.
Opcionalmente, os candidatos, ademais de examinarse de inglés, poderán indicar na solicitude ata tres idiomas adicionais dos que queiran examinarse, de cara a ter máis puntos no baremo. Os idiomas adicionais dispoñibles son: chinés, alemán, francés e portugués.

5. Estar dado de alta como demandante de emprego (ou demandante de mellora de emprego) no servizo público de emprego antes da data de presentación da súa solicitude de axuda.

6. Cumprir os requisitos do art. 10 da Lei 9/2007 para ser considerado beneficiario de subvencións.

7. Non ter gozado con anterioridade dunha bolsa do Igape relacionada coa internacionalización empresarial. Quedarán tamén excluídos da convocatoria aqueles solicitantes que fosen adxudicatarios deste tipo de bolsas en edicións anteriores e que renunciaran a elas con posterioridade ou lles fora determinado un incumprimento total.

8. Non ter gozado dunha bolsa concedida por outros organismos distintos de Igape, relacionada coa internacionalización empresarial ou con prácticas en empresas fóra de España. Exceptúanse as bolsas de estudos desfrutadas durante os anos escolares ou universitarios.

9. Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración Pública da Comunidade Autónoma.

Requisitos principais do proxecto

1. Duración e destino.
A duración inicial da bolsa establécese nun máximo de doce meses contados desde a data de comezo que para tal efecto fixe a resolución de concesión. O Igape poderá prorrogala por un máximo de ata 12 meses adicionais en función da necesidade de finalizar ou completar unha parte da formación que xa tivese comezado ou estivese a piques de comezar.

En caso de prórroga a dotación incrementarase proporcionalmente segundo a súa duración e o destino asignado.
A formación práctica levarase a cabo no estranxeiro e/ou en Galicia (en oficinas do Igape ou Xunta, oficinas comerciais de España no exterior, cámaras de comercio españolas no estranxeiro,
organismos multilaterais, organismos intermedios galegos, centros de investigación, empresas e/ou outros organismos en Galicia ou no estranxeiro), para realizar labores de investigación de mercados, estudo de empresas e a súa planificación para internacionalización e investigación das posibilidades de cooperación internacional entre empresas galegas e estranxeiras.
Antes do inicio da bolsa e no seu transcurso o Igape resérvase a posibilidade de cambiar as datas de incorporación, os destinos dos bolseiros e a dotación correspondente, no caso de concorrer causa xustificada.
A formación en Galicia poderá implicar visitas a empresas ou organismos empresariais galegos que serán realizadas polos bolseiros a través dos seus propios medios (con reintegro dos gastos de desprazamento segundo o indicado no artigo 6.2.)

2. Desenvolvemento da bolsa.
O bolseiro deberá aterse aos horarios e á normativa interna de funcionamento das entidades de acollida na cidade de destino da bolsa. No caso de peche das entidades en períodos vacacionais (non festivos) o bolseiro debe informar ao Igape para que lle asigne tarefas alternativas que contribúan á súa formación.

3. Programa de formación.

A formación que recibirán os bolseiros abrangue:
a) Estudo dos sectores económicos máis importantes dos mercados estranxeiros.
b) Análise dos puntos fortes, debilidades, ameazas e oportunidades dos diferentes sectores estratéxicos de Galicia en relación á súa internacionalización.
c) Estudo das distintas formas de introdución nos mercados estranxeiros.
d) Para completar a dita formación, o bolseiro contará co apoio do seu titor no organismo de destino e dunha persoa no Igape a quen lles poderá dirixir as súas dúbidas e preguntas.

Contía das axudas

1. Para a dotación (tanto para a dotación inicial como para a prórroga) terase en consideración os índices do custo de vida das distintas cidades de destino das bolsas, segundo criterios establecidos pola Entidade Pública Empresarial ICEX España Exportación e Inversiones (ICEX), dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

2. O importe máximo de subvención por bolseiro é de 48.000 euros por un período de 12 meses ou a súa parte proporcional en función do período da bolsa. As dotacións variarán segundo o destino e o número de meses de estancia en Galicia e no estranxeiro. Desta subvención detraeranse a correspondente retención fiscal e a cota por cotización á Seguridade Social aplicables segundo a lexislación vixente.
Considéranse incluídos dentro do importe da dotación da bolsa -e dentro do límite máximo dos 48.000euros- todos os gastos en que teña que incorrer o bolseiro para o seu desenvolvemento:

a) Gastos de desprazamento: unha contía semestral máxima de 1.000 euros por bolseiro en concepto de gastos de taxas de visado e gastos de desprazamento a eventos, empresas ou entidades distintas do destino asignado, relacionados co obxecto da bolsa (avión, tren, autobús, hotel, taxi, aparcadoiro, autopista, compensación por quilometraxe), así como cursos de idiomas no país de destino previa autorización do Igape.

b) Gastos de viaxe de ida para incorporación a destino e retorno a Galicia unha vez rematada a bolsa en destino, no período inicial ou no período de prórroga -o Igape aboará ao bolseiro os gastos de desprazamento mediante avión, tren ou autobús e gastos de hotel, previa presentación dos correspondentes xustificantes de gastos (mediante facturas, billetes e/ou tarxetas de embarque) ata un máximo de 1.000 euros se é o mesmo continente e 1.500 euros se se traslada a outro continente.

c) Gastos de seguro de accidentes e enfermidades ata un máximo de 2.000 euros. Esta dotación só se aboará no caso de bolsas con destino fóra da Unión Europea. Para as bolsas con destino Galicia e na Unión Europea o bolseiro deberá xustificar que posúe a tarxeta sanitaria europea, non procedendo dotación por este concepto.

Unha vez incorporados aos destinos indicados na resolución, no caso de cambio de destino -mediante nova resolución que implique máis dunha viaxe de ida e retorno previstos na dotación da bolsa, no período inicial ou no período de prórroga- o Igape aboará ao bolseiro os gastos de desprazamento mediante avión, tren ou autobús e gastos de hotel, previa presentación dos correspondentes xustificantes de gastos (mediante facturas, billetes e/ou tarxetas de embarque) ata un máximo de 1.000 euros se é o mesmo continente e 1.500 euros se se traslada a outro continente. Estes importes -ao ser circunstancias excepcionais- non están incluídos dentro do límite máximo da bolsa.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dous meses a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia - Prazo suspendido por Covid-19.

Incompatibilidades

As bolsas outorgadas son incompatibles con calquera outra bolsa ou axuda de similares características, así como con calquera relación laboral ou de prestación de servizos remunerada do bolseiro. Así mesmo, son incompatibles coa percepción de prestación ou subsidio por desemprego.

Referencia lexislativa

Resolución do 19 de febreiro de 2020 (DOG Nº42 do 03/03/2020) - Bases reguladoras e convocatoria 2020

Información e tramitación en

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

* Tramitación:

1. Para presentar a solicitude, os interesados deberán cubrir previamente un formulario electrónico a través de http://www.tramita.igape.es

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.


Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.


A solicitude deberá presentarse xunto coa seguinte documentación complementaria (no caso de que estea redactada nunha lingua non oficial en Galicia, deberase presentar acompañada de tradución realizada por intérprete xurado):

a) Acreditación dos requisitos mínimos segundo o expresado no artigo 4 destas bases.

1º Currículo vitae.

2º Copia do pasaporte no caso de que o solicitante sexa estranxeiro e non teña o número de identificación de estranxeiría (NIE).

3º Resgardo de ter pagadas as taxas para a obtención do título de estudos universitarios acadado segundo o expresado no artigo 4.3, en defecto do título.
No caso de títulos expedidos por centros estranxeiros ou privados será preciso que os acrediten cunha copia da homologación concedida polo Ministerio de Educación español (isto non se require para os títulos de máster).

A formación deberá estar finalizada antes da data de presentación da solicitude.

b) Acreditación dos requisitos baremables segundo o expresado no artigo 10.2 destas bases:

1º Acreditación, se é o caso, da formación específica de posgrao en comercio exterior segundo o expresado no artigo 10.2.e): copia do certificado de realización dun curso completo no que conste o número de horas ou créditos do curso. O curso deberá estar finalizado antes da data de presentación da solicitude.

2º Acreditación, se é o caso, doutra formación de posgrao segundo o expresado no artigo 10.2.f): copia do certificado de realización dun curso completo no que conste o número de horas ou créditos do curso. O curso deberá estar finalizado antes da data de presentación da solicitude.

Observacións

O prazo de execución das bolsas rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 30 de decembro 2022.