O prazo de presentación finaliza o 30/12/2020

IG254 - NOVACIÓNS PARA O REFINANCIAMENTO DE DÉBEDAS CO IGAPE

Tipos de apoio

En función da situación da débeda que se vaia novar, as operacións revestirán as seguintes modalidades:

1. Novación modificativa e, se for o caso, extintiva, de préstamos en vigor, para axustar o calendario de reintegro á capacidade de reembolso do titular. En todo o non modificado na novación mantense vixente o establecido no contrato inicial de préstamo.

2. Novación extintiva de préstamos vencidos, ou das cotas ou cantidades impagadas de préstamos en vigor. Poderán formalizarse tanto cos titulares iniciais como cos garantes ou fiadores, ou cos titulares de bens que garantan a débeda. En todos os casos suporá a formalización dun nova operación.

As solicitudes serán resoltas por orde de entrada de solicitudes completas no Igape, ata a total utilización do orzamento de convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva.

Beneficiarios potenciais

Poderán ser titulares das operacións de novación reguladas nestas bases as persoas físicas e/ou xurídicas que cumpran algún dos seguintes requisitos:

a) Que sexan titulares de débedas vivas co Igape con saldos vencidos e presenten dificultades de liquidez que non lles permiten afrontar as obrigas de pagamento co calendario actual do préstamo.

b) Que sexan titulares de débedas co Igape derivadas da falta de pagamento de préstamos xa vencidos.

c) Que sexan fiadores de préstamos do Igape con débedas vencidas.

d) Que sexan titulares de bens que garantan débedas vencidas co Igape, derivadas da falta de pagamento de préstamos, e pretendan facer fronte ao reembolso das débedas para evitar a perda do ben.

Non poderán ter a condición de beneficiarios as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para os titulares sinalados nas letras a) e b) anteriores exceptúanse as circunstancias previstas nas letras b), e) e g) do citado artigo 10.2, en atención á natureza das novacións reguladas nestas bases cuxa finalidade é o reintegro de débedas preexistentes.

Requisitos principais do proxecto

Condicións xerais das operacións

1. Prazo e amortización.

1.1. No caso de novacións modificativas de préstamos en vigor, poderá ampliarse a vixencia dos préstamos ata o máximo de 25 anos establecido no Decreto 133/2002 e poderán establecerse periodicidades de amortización e de liquidación de xuros diferentes ás establecidas inicialmente, así como incluír períodos de carencia intermedios e/ou adicionais.

No caso de novacións extintivas, dentro do prazo máximo de 25 anos fixado no Decreto 133/2012, axustaranse os prazos e cadros de amortización á capacidade financeira e de reembolso dos titulares, de forma que se facilite o reintegro e a recuperación dos importes debidos ao erario público autonómico, conforme un plan económico financeiro que deberá achegar a solicitante.

1.2. A prestameira terá a facultade de proceder ao reembolso total ou parcial anticipado do préstamo mediante notificación dirixida ao Igape cun aviso previo mínimo de 15 días hábiles.

1.3. As novacións concedidas poderán incluír cláusulas de amortización anticipada obrigatoria en función de determinadas circunstancias que melloren a liquidez da prestameira, como a obtención de EBITDA en exercicios futuros superiores a determinados limiares ou o cobramento de axudas públicas, entre outros, así como de limitacións na repartición de dividendos da sociedade titular e na devolución de préstamos a socios ou a outras persoas vinculadas. A inclusión destas cláusulas e a súa cuantificación estará fundamentada no plan financeiro achegado pola solicitante.

2. Contías financiables.

Poderá novarse o importe total das cantidades debidas, que poderá incluír os xuros e demais conceptos devindicados ata a data da formalización, momento en que quedará fixado o importe da operación e o cadro de amortización definitivo.

3. Garantías.

As novacións que se aproben ao abeiro destas bases contarán con garantías adecuadas en función das características da operación. A cuantificación da garantía será realizada polo Igape mediante o procedemento descrito no anexo III.

4. Xuros.

O tipo de xuro determinarase do xeito seguinte:

a) Xuros ordinarios. As novacións que o Igape conceda ao amparo destas bases devindicarán un tipo de xuro que permita excluír a presenza de axuda de Estado, conforme o establecido na Comunicación da Comisión Europea de revisión do método de fixación de tipos de referencia e actualización 2008/ C 14/02 (DOCE do 19 de xaneiro).

Para iso, o Igape percibirá xuros adaptados á cualificación do risco e das garantías tomadas. Naquelas solicitudes que cumpran as condicións necesarias, o Igape realizará un estudo da cualificación de risco da solicitante seguindo a metodoloxía descrita no anexo II, do cal resultará encadrada nunha das seguintes categorías: «excelente (AAA-A)», «boa (BBB)», «satisfactoria (BB)», «deficiente (B)», ou «mala/dificultades (CC)». Conforme os criterios descritos no anexo III, cualificaranse as garantías para constituír a favor do Igape en tres niveis de colateralización: «alta», «normal» e «baixa».

O tipo de xuro ordinario será a suma do tipo base máis a marxe, que serán determinados conforme os métodos indicados no artigo 3 das bases.

b) Xuros de mora. En caso de atraso no pagamento dalgunha das sumas debidas en virtude dos contratos de préstamo que se formalicen, a prestameira incorrerá de pleno dereito en mora sen necesidade de requirimento previo e estará obrigada a pagar sobre a suma vencida o tipo de xuro ordinario do período máis 6 puntos porcentuais anuais. Os devanditos xuros liquidaranse coincidindo co seguinte vencemento trimestral de xuros.

Os xuros percibiranse por días naturais sobre a base dun ano de 360 días.

5. Os contratos mediante os cales se formalicen as novacións someteranse ao dereito privado, aínda que a débeda a favor do Igape por razón destas operacións terá a cualificación de crédito de dereito público.

Cualificación requerida do proxecto

O Igape concederá as operacións previstas nestas bases aos solicitantes que cumpran as condicións establecidas, salvo que se aprecie algún dos seguintes motivos de denegación:

a) Falta de capacidade de reembolso da solicitante para a operación regulada nestas bases.

b) Non se supera a puntuación mínima na cualificación do risco de crédito realizada polo Igape conforme a metodoloxía descrita no anexo II.

c) Falta de coherencia do calendario proposto co plan financeiro da solicitante.

d) Vontade inxustificada de subordinación do reembolso da débeda co Igape fronte ao pagamento a outros acredores ou outras aplicacións dos recursos financeiros dispoñibles.

e) Falta de asunción de compromisos que poidan ser razoablemente exixibles, tales como o mantemento de actividades, emprego, etc.

f) O menoscabo da solvencia da parte debedora ou avalista.

g) Cando, da análise do risco e do plan económico financeiro presentado, non se infira a necesidade de novar a débeda.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

a) Que se esgote o crédito orzamentario.

b) O 30.12.2020

Referencia lexislativa

Resolución do 15 de abril de 2020 (DOG Nº76 do 21/04/2020) - Bases reguladoras

Información e tramitación en

Para presentar a solicitude, o interesado deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto de financiamento a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es, dentro do prazo establecido na convocatoria.

A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática. Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación da empresa ou entidade solicitante.

As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a documentación específica sinalada no anexo IV. Complementariamente, o Igape poderá solicitar a achega con carácter facultativo daqueloutra documentación xustificativa para os efectos de valoración do risco.

Observacións

1. As empresas beneficiarias deberán instar a formalización dos contratos de novación nos prazos establecidos no acordo de concesión. Unha vez transcorridos os prazos sinalados sen formalización, decaerá a concesión e arquivarase o expediente, salvo xustificación de razóns que motiven a concesión dunha prórroga do devandito prazo.

O prazo máximo para formalizar os contratos de novación non superará o 30 de setembro de 2021.

2. Serán por conta da prestameira os gastos asociados á formalización da operación e inscrición de garantías constituídas (notario, rexistrador), así como o custo de liquidación de todos os tributos que a dita operación devindique e de cancelación das garantías unha vez amortizado o risco.