Homológate en cinco minutos

A homologación como membro da Rede Galega de Business Angels é un proceso moi rápido e sinxelo que se pode realizar de xeito totalmente telemático.

Este rexistro permite acceder como socio oficial á Rede, unha plataforma de investimento en proxectos emprendedores que conten cunha traxectoria non superior aos tres anos e medio. Ademais de achegar financiamento a través do Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras, a Rede actúa como facilitadora doutros instrumentos públicos, como os préstamos ENISA, e como mediadora na captación de investimento privado.

Os investidores rexistrados teñen acceso a información detallada sobre proxectos emprendendedores demandantes de financiamento que xa pasaron polo filtro e polos servizos de asesoramento dos expertos do IGAPE a través da Unidade Galicia Emprende. Ademais, poden propoñer a incorporación á Rede de novos proxectos.

O proceso de homologación está aberto a:

Investidores individuais privados

Para rexistrarse é necesario cubrir unha sinxela ficha de solicitude de adhesión e acreditar cinco requisitos básicos:

1. Honorabilidade e reputación. Mediante unha declaración xurada, o investidor garante estar ao corrente nos pagos a Facenda e á Seguridade Social e non ter sido condenado ou inhabilitado por ningún delicto.

2. Confidencialidade. A través dun acordo de confidencialidade, o investidor comprométese a non difundir a información á que teña acceso como membro da Rede e a adoptar as medidas de seguridade contempladas na Lei Orgánica de Protección de Datos para evitar a súa perda ou roubo.

3. Capacidade de investimento. É necesario presentar unha declaración bancaria na que se acredite unha solvencia de alomenos 50.000 euros ao ano para investir en proxectos.

4. Historial investidor. O candidato debe ter realizado polo menos un investimento superior aos 10.000 euros nunha actividade emprendedora en Galicia durante os últimos 5 anos. Pode facelo a través dunha escritura de ampliación de capital ou dunha certificación asinada do/s administrador/es da sociedade na que se investiu.

5. Experiencia profesional. Respondendo a un cuestionario, o investidor informará sobre a súa formación académica, a súa traxectoria profesional e a súa experiencia investidora.

Redes de investidores privados

Para rexistrarse é necesario cubrir unha sinxela ficha de solicitude de adhesión e acreditar cinco requisitos básicos:

1. Confidencialidade. A través dun acordo de confidencialidade, establécese o compromiso a non difundir a información á que teña acceso como membro da Rede e a adoptar as medidas de seguridade contempladas na Lei Orgánica de Protección de Datos para evitar a súa perda ou roubo.

2. Constitución formal. No caso de que xa estea constituída, deberá achegar a acta fundacional e os estatutos. Se non é así, o IGAPE facilitará a documentación e os modelos para realizar o trámite.

3. Procedementos de xestión. Debese presentar información que acredite o cumprimento dos requisitos mínimos para o correcto funcionamiento dunha rede de investidores: procesos de constitución, adhesión, captación/screening/admisión de proxectos, presentación de proxectos e investimento.

4. Capacidade de investimento. É necesario presentar un historial investidor dos seus membros no que conste que alomenos dous dos seus integrantes destinaron un mínimo de 50.000 euros nos últimos 5 anos a proxectos de emprendemento. Se non existe experiencia previa, a rede debe comprometerse a investir nalgún proxecto deste tipo no prazo de 2 anos.

5. Identificación e colaboración. A rede debe identificar a todos os seus membros, indicando os seus datos persoais e os sectores nos que desexan investir. Ademais, deberá aceptar información periódica sobre os proxectos da Rede Galega de Business Angels que esta considere de interese e propoñer aqueles proxectos emprendedores que considere atractivos.

En ambos os dous casos, a documentación pode enviarse por correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. , indicando "Adhesión Rede" no asunto, ou pode presentarse de xeito presencial na sede do IGAPE ou en calquera das súas seis oficinas territoriais.

Máis información no Manual da Rede Galega de Business Angels.

Máis nesta categoría: As vantaxes de ser un anxo »
Inicia sesión para enviar comentarios