REDE eusumo (Cooperativismo e Economía Social)

Proxecto: PROGRAMA PILOTO PARA A PROFESIONALIZACIÓN E DESENVOLVEMENTO ESTRATÉXICO DE CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO

Rede Eusumo

Os centros especiais de emprego son un caso particular de empresas da denominada Economía Social. Realizan un traballo produtivo e participan regularmente nas operacións de mercado, pero a diferencia doutras iniciativas empresariais, teñen como principal finalidade a integración de persoas con discapacidade. Deste xeito, os Centros Especiais de Emprego aseguran un emprego remunerado á vez que prestan os servizos de axuste persoal e social que requiren as persoas con discapacidade, das cales debe nutrirse o seu cadro de persoal nunha porcentaxe non inferior ao 70%.

Se xa é verdade que todas as empresas (e especialmente as PEMEs) teñen necesidade de estar pendentes continuamente do seu nivel de competitividade e esforzarse en profesionalizar a súa xestión, esta necesidade é se cabe máis acusada nos Centros Especiais de Emprego, que deben atender simultaneamente á súa finalidade social.

O IGAPE colabora coa Consellería de Traballo na rede EuSumo. O convenio de adhesión a dita rede indica que se inclúe no alcance da colaboración entre ambos organismos a “posta en marcha de programas para o desenvolvemento de proxectos de mellora competitiva, profesionalización e desenvolvemento estratéxico en empresas de economía social e cooperativas”.

Por outra parte, o IGAPE dispón da experiencia do programa Re-Acciona, no que se prestan servizos para a mellora da competitividade das PEMEs galegas, ofrecéndose servizos de alto valor engadido orientados á adquisición de competencias por parte do capital humano da empresa que lles permitan crear vantaxes competitivas sostibles no tempo. O contexto económico actual, esixe ademais unha orientación práctica, na que a realización do diagnóstico inicial aporte xa accións temperás de motivación que dean confianza ao empresario no camiño emprendido e que o motiven para continuar pola vía do desenvolvemento estratéxico da empresa. De feito, o programa Re-Acciona destaca por esta aproximación práctica coa que xa se levan realizados máis de 500 proxectos de mellora.

Neste contexto xurde o presente programa piloto, que ten como obxectivo experimentar este modelo de profesionalización (xa probado en empresas galegas) nos Centros Especiais de Emprego e adquirir experiencia para un prantexar iniciativas máis ambiciosas neste ámbito.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios