Encontro coa Plataforma Pexga China

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) convídano a participar no Encontro coa Plataforma Pexga en China, que terá lugar do 14 ao 18  de novembro.

China preséntase como un país de grandes oportunidades en multitude de sectores e actividades, pero non só como un mercado de aprovisionamento, proveeduría ou deslocalización, senón tamén como un importante destino para os nosos produtos e servizos. Así o confirman os datos relativos ás exportacións galegas ao mercado chinés, que aumentaron preto do 24 % no exercicio 2015 respecto ao ano anterior, ás que hai que sumar outro incremento do 4% rexistrado durante o primeiro semestre de 2016. Dese modo, o volume de negocio xerado polas exportacións galegas a China supuxo máis de 220 millóns de euros.

Javier Bahut Vega, Director da Plataforma, estará a disposición das empresas para as seguintes actividades:

  • Seminario Oportunidades Económicas e Recomendacións Prácticas de Negociación en China, que se desenvolverá o luns 14 de novembro a partir das 9.30 h na sede do Instituto Galego de Promoción Económica –Igape (Complexo Administrativo de San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela).
  • Entrevistas bilaterais. As empresas poderán solicitar unha entrevista bilateral co representante da plataforma, que lles permitirá expor as cuestións relativas aos seus proxectos en China de forma individual e coñecer de primeira man de qué forma os servizos que ofrece a oficina lle poden ser de utilidade.  O horario previsto para a realización das entrevistas bilaterais será de 12.30 a 19.00 h o luns 14 e o venres 18 e de 9.00 h a 14.30 h. En todos os casos, as entrevistas serán tamén na sede do Igape.

Ademais, ao longo da semana, completarán o programa outra serie de actividades que terán como escenario as cidades da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo.

  • Martes 15 de novembro (sesión de mañá). Vigo. Confederación de Empresarios de Pontevedra. Máis información no 986 439 611 ou no seguinte enlace.
  • Mércores 16 de novembro (sesión de mañá e tarde). Ourense. Confederación Empresarial de Ourense. Máis información no 988 391 110.
  • Xoves 17 de novembro (sesión de mañá). A Coruña. Confederación de Empresarios da Coruña. Máis información no 981 133 702.
  • Xoves 17 de novembro (sesión de tarde). Lugo. Confederación de Empresarios de Lugo. Máis información no 982 231 150.

A participación en calquera destas actividades é gratuita e require inscrición previa. Dado que as prazas son limitadas, as solicitudes atenderanse por rigorosa orde de chegada.

Formulario de Inscrición

Este punto de encontro é unha acción organizada no marco do convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) para o fomento da internacionalización do tecido produtivo galego mediante a Rede de Plataformas Empresariais Galegas no Exterior (Pexga) e o Servizo de Licitacións Internacionais (Salt), que establece como obxecto do mesmo o asegurar unha maior presenza das empresas e institucións galegas no exterior.