Guerra anima aos emprendedores a aproveitar os apoios do Impulsa Lugo para crear novas empresas PDF
O conselleiro Economía e Industria participou no plenario do Dia Emprendedor que se desenvolveu hoxe en Lugo e que definiu como plataforma axeitada para difundir os instrumentos de formación e asesoramento, “para que aprendamos da experiencia e dos segredos dos emprendedores que acadaron o éxito”. Guerra Salientou que cómpre apostar pola posta en marcha de empresas que innoven como punto de partida e que aposten pola innovación continúa para consolidarse. O Día Emprendedor celébrase o 20 de outubro en Ourense, e o 25, en Santiago.
 
Lugo, 18 de outubro de 2011.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, participou hoxe na sesión plenaria do Día Emprendedor de Galicia que se desenvolveu en Lugo. Na súa intervención, o conselleiro salientou que o Plan Impulsa Lugo achega un marco de apoio excepcional para facilitar os investimentos nesta provincia, “dado que un dos seus principais obxectivos e favorecer a creación de novas empresas”. É un marco que os emprendedores desta provincia deben aproveitar, engadiu.
 
O conselleiro de Economía e Industria manifestou que “o emprendemento é probablemente unha das mellores alternativas para os mozos de hoxe, cada vez mellor formados”. Neste sentido, estimou de especial interese encontros como o do Dia Emprendedor de Lugo, deseñado para alentar esta opción mediante a divulgación de exemplos de éxito e de todos os instrumentos, apoios servizos existentes, tanto no ámbito público como no privado, para facilitar a creación e a consolidación de novas empresas.
 
Segundo destacou Guerra, as xornadas do Día Emprendedor de Galicia constitúen plataformas de privilexio para que empresarios e os potenciais emprendedores coñezan os instrumentos de formación e asesoramento, “para que aprendan da experiencia e dos segredos dos emprendedores que acadaron o éxito”, para divulgar todos os programas e ferramentas de apoio para novos proxectos empresariais, engadiu.
 
Segundo o conselleiro de Economía e Industria, e preciso localizar novas opcións de negocio e tamén dar con “alternativas de financiamento innovadoras”, cos instrumentos públicos e privados sumando esforzos na mesma dirección. Segundo Guerra Fernández, “a creación e o desenvolvemento de empresas innovadoras, con base tecnolóxica e alto potencial de crecemento, constitúe ao mesmo tempo un reto e unha oportunidade” que Lugo e Galicia deben aproveitar.
 
Durante a súa participación no Día Emprendedor de Lugo, organizado pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape e BIC Galicia –e en colaboración co Mityc-, Javier Guerra salientou que cómpre “facilitar a posta en marcha de empresas que asuman a innovación como punto de partida, pero tamén como “un proceso constante e imprescindible para afianzar  a súa solvencia e a súa consolidación, mesmo nos mercados exteriores”.
 
O conselleiro destacou que os instrumentos de apoio ao emprendemento están a ser unha prioridade estratéxica para o seu departamento, tanto desde a perspectiva da formación e o asesoramento para a creación de novos negocios, principalmente a través de BIC Galicia, como mediante os apoios para o financiamento de proxectos empresariais, ben a través do Igape, con programas como o re-Emprende e o re-Imaxina, ben a través dos fondos de capital risco habilitados a través de Xesgalicia para impulsar o financiamento de proxectos de emprendedores con alto contido innovador.
 
Neste sentido salientou que, grazas a eses programas do Igape “estamos apoiando en Galicia a máis de 700 proxectos de microempresas, emprendedores e pymes en desenvolvemento”. No ámbito do apoio aos proxectos especialmente innovadores, Guerra referiuse aos novos fondos de capital risco xestionados por Xesgalicia e dotados con 3,3 millóns de euros e ao novo Fondo Tecnolóxico i2C, cunha dotación orzamentada en 20 millóns de euros.
 
Para rematar, o conselleiro insistiu en que “a innovación é peza clave para reactivar a economía e retomar a senda do crecemento”. Por iso, “o noso obxectivo é apoiar a innovación  e impulsar o espírito emprendedor dos mozos e dos empresarios lugueses”. Segundo dixo Javier Guerra, trátase de “converter as mellores ideas en empresas capaces de reactivar o crecemento e xerar riqueza e emprego en Lugo e en Galicia”.
 
O Día Emprendedor de Galicia 2011 ten como obxectivo xenérico o de facilitar o achegamento dos emprendedores e os novos empresarios a todos os servizos, instrumentos, habilidades e apoios para impulsar e creación e a consolidación de novas iniciativas empresariais. O próximo xoves, día 20, desenvolverase en Ourense e o próximo día 25, en Santiago de Compostela. Os interesados poden consultar os programas completos e inscribirse na web www.diaemprendedor.com
Última actualización ( 25/10/2011 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design