| Guerra anuncia un plan para impulsar a internacionalización de empresas de materiais da construción |
|
|
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, fixo un balance do apoio prestado polo Instituto Galego de Promoción Económica ao sector dos materiais de construción, que ten aumentado nun 300% as axudas neste eido en 2009, e adiantou que empresas galegas do sector poderán participar na feira internacional BIG 5 Show, que se desenvolverá en Dubai entre o 21 e o 24 de novembro.
Santiago, 11 de marzo de 2010.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, anunciou hoxe a posta en marcha dun plan específico para facilitar a internacionalización das empresas galegas de materiais de construción, articulado mediante un convenio de colaboración aprobado polo último consello de dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).
Guerra, durante a súa intervención na asemblea xeral da Asociación de Empresarios de Materiais para a Construción (Asemaco), explicou que este plan prevé establecer unha vía de colaboración co obxecto de desenvolver iniciativas de internacionalización para as empresas dun sector no que se están a facer particulares esforzos para superar a actual conxuntura económica.
O plan está deseñado para desenvolverse nun horizonte temporal de 3 anos (2010-2012) co obxectivo de promover o coñecemento da oferta exportable galega do sector dos materiais da construcción nos mercados internacionais, así como para fomentar e incrementar a utilización dos produtos galegos nos mercados que se identifiquen como obxectivo preferente, e ao mesmo tempo potenciar as relacións comerciais entre a industria de materiais da construción galega e os principais operadores internacionais.
Segundo Guerra, o obxectivo final desta iniciativa é impulsar nun medio prazo as exportacións dos nosos sectores de materiais de construción, ao promover iniciativas como a asistencia das empresas galegas do sector en encontros comerciais internacionais, como no caso da participación prevista na feira internacional BIG 5 Show, que se desenvolverá en Dubai entre o 21 e o 24 de novembro.
O responsable de Economía e Industria da Xunta de Galicia animou aos empresarios deste sector a apostar pola internacionalización e lembroulles que tamén dispoñen doutras axudas e instrumentos ao seu servizo, entre os que destacou os Centros de Promoción de Negocios (CPN) do Igape no exterior, que facilitan información, asesoramento e apoio en destino aos empresarios galegos, e que no caso concreto do sector dos materiais da construción está a facilitar a introducción de productos e servizos galegos en mercados emerxentes como o polaco, a través da participación en feiras.
Neste sentido, o conselleiro lembrou tamén o incremento do 56,52% dos recursos da Consellería de Economía e Industria destinados a apoiar a internacionalización, á vez que salientou a confianza do Goberno galego na eficacia do Plan de Fomento das Exportacións Galegas para impulsar a apertura e a competitividade da economía galega. De tal xeito que adiantou o compromiso da Consellería de reforzar o Foexga 2010 cun incremento de máis do 35% do seu investimento, con respecto ao 2009, e de case un 60% en comparación co investido polo Executivo anterior en 2008.
En 2010 a idea é incentivar as relacións comerciais galegas con líderes económicos como EEUU ou Alemaña; facernos presentes en potencias emerxentes tales como China, Brasil ou Rusia e abrirnos paso en novos mercados en países árabes, asiáticos ou de Europa do leste, subliñou Guerra.
Apoio a un sector estratéxico
Por outra banda, o conselleiro fixo un balance do apoio prestado polo Instituto Galego de Promoción Económica ao sector dos materiais de construción, que ten aumentado nun 300% as axudas neste eido en 2009, coas que foi posible a mobilización de préstamos por 15,7 millóns de euros, un 690% máis que en 2008.
Ao mesmo tempo, o Igape facilitou a posta en marcha de proxectos e investimentos empresariais que suman máis de 16 millóns, o que supón unha subida do 454% con respecto a 2008 e incrementou nun 180% o número de solicitudes aprobadas en 2009.
Ademais, a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, apoia ás empresas do sector dos materiais de construción mediante iniciativas de carácter colectivo lideradas por Asemaco, como un proxecto para a elaboración de plans estratéxicos, financiado nun 40%, ou un proxecto orientado á posta en marcha de iniciativas de servizos avanzados, subvencionadas ao 50%, co fin de mellorar a competitividade das empresas pertencentes á organización máis representativa do sector. |
|
| Última actualización ( 12/03/2010 ) |


