| Guerra defende a internacionalización empresarial no foro sobre oportunidades de negocio en Rumanía |
|
|
O conselleiro de Economía e Industria lembrou que o novo Goberno da Xunta ten feito unha aposta firme por reactivar as estratexias de internacionalización planificadas desde Galicia e implantadas nun mercado global. Javier Guerra asegurou que Rumanía é un mercado propicio co que manter relacións fructíferas, xa que, ademais de ser unha economía emerxente, como novo estado membro da Unión Europea se ten convertido nun dos principais receptores de fondos da UE.
Santiago, 26 de novembro de 2009.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, defendeu hoxe no foro sobre Rumanía: Unha Oportunidade de Negocio para as Empresas Galegas, organizado polo grupo Correo Gallego, a internacionalización das empresas galegas como unha das apostas estratéxicas que debe adoptar o tecido produtivo galego nun marco globalizado. A apertura deste encontro correu por conta do director xeral do Igape, Joaquín Varela de Limia; tamén participou nos debates o director de Promoción do Instituto, Casto Varela Gesto.
Neste foro, Guerra sinalou que Rumanía e Galicia comparten unha identidade europea común e destacou a importancia deste tipo de encontros, que definiu como operacións de suma, dentro dunha fórmula máis ampla representada pola Unión Europea, que permite aos seus membros traballar unidos para potenciar o desenvolvemento económico, social, tecnolóxico e comercial dos nosos países, comunidades e rexións.
O conselleiro de Economía e Industria lembrou que o novo Goberno da Xunta ten feito unha aposta firme por reactivar as estratexias de internacionalización planificadas desde Galicia e implantadas nun mercado global, un compromiso que se materializou nun aumento orzamentario dun 56,52% dos investimentos da Consellería de Economía e Industria, mediante o Igape, nas políticas de apoio á internacionalización, de cara ao ano 2010.Neste encontro, no que tamén participou o gobernador do Banco Nacional de Rumanía, Mugur Isarescu, Guerra asegurou que este país representa un mercado propicio co que manter relacións fructíferas, xa que, ademais de ser unha economía emerxente, como novo estado membro da Unión Europea, dende o seu ingreso en 2007, se ten convertido nun dos principais receptores de fondos da UE, con acceso a sete programas europeos que a converten en destinataria de máis de 20.000 millóns de euros até 2013.
Por outra banda, o responsable de Economía e Industria explicou que a coordinación das axudas á internacionalización que ofrece a Xunta de Galicia está a facilitar o uso dos diferentes servizos por parte dos empresarios interesados en proxectar os seus negocios cara ao exterior; unhas medidas que se circunscriben na prestación de servizos tanto en Galicia como nos países de destino, no impulso da cooperación empresarial, en diferentes liñas de apoio financeiro ou na mellora de capital humano experto en asesoramento e xestión das relacións económico- empresariais internacionais.
Ademais, a través da plataforma de apoio á internacionalización (www.exportgalicia.com), os empresarios galegos poden acceder, de forma gratuíta, a multitude de servizos, entre os que destacan un importante número de estudos de mercado referidos a Rumanía, que permiten aos interesados coñecer aspectos fundamentais para iniciar ou ampliar negocios nun país que ocupa o posto número 19 no ranking dos 50 primeiros países de destino das exportacións galegas. Nestes intercambios teñen un grande peso o sector da moda, seguido polo de produtos pesqueiros, tecnoloxía industrial, materias primas, semimanufacturas e produtos intermedios, e industria auxiliar mecánica e da construción, entre outros moitos bens e servizos.
A Consellería de Economía e Industria tamén ten habilitado, a través do Igape, axudas para realizar diagnósticos da capacidade de internacionalización das empresas, para fomentar a participación das empresas galegas en eventos expositivos internacionais, en misións empresariais directas e inversas, en misións tecnolóxicas e comercias, para realizar proxectos de cooperación enfocados á internacionalización, para a identificación e implantación de boas prácticas de internacionalización, e para a prospección e primeira implantación comercial conxunta no estranxeiro (Plan PRIMEX), entre outros. |
|
| Última actualización ( 26/11/2009 ) |


O conselleiro de Economía e Industria lembrou que o novo Goberno da Xunta ten feito unha aposta firme por reactivar as estratexias de internacionalización planificadas desde Galicia e implantadas nun mercado global, un compromiso que se materializou nun aumento orzamentario dun 56,52% dos investimentos da Consellería de Economía e Industria, mediante o Igape, nas políticas de apoio á internacionalización, de cara ao ano 2010.