Guerra destaca o compromiso da Xunta para asentar a confianza entre entidades financeiras e empresas PDF
Durante a inauguración da XVI Feira dos Autónomos de Galicia, o titular de Economía e Industria, Javier Guerra,  destacou a importancia dos programas re-Solve e re-Brote, nos que a administración, a través do Igape, comparte riscos cos empresarios e as entidades. O conselleiro revelou que o portal do Servicio de Atención ao Autónomo recibe unhas 2.000 visitas mensuais e que máis de 2.400 autónomos e empresarios participaron nos seminarios de mellora empresarial impartidos por BIC Galicia no que vai de ano.
 
A Coruña, 4 de decembro de 2009.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, destacou hoxe a resistencia dos autónomos galegos fronte á crise e suliñou o compromiso do seu departamento e de todo o Goberno galego co esforzo deste colectivo, que considerou fundamental para impulsar a recuperación económica. Durante a súa intervención na inauguración da XVI Feira dos Autónomos de Galicia, que se desenvolve desde hoxe na Coruña, Guerra Fernández referiuse á posta en marcha Servizo de Atención ao Autónomo e ao programa de garantías denominado re-Solve, destinado a facilitar o financiamento de circulante para autónomos e microempresas, como dúas iniciativas específicas de apoio a este importante colectivo. Segundo explicou, o obxectivo é recuperar, co apoio e o compromiso da administración, o clima de confianza que debe haber entre empresarios e entidades financeiras para que sexa posible impulsar a recuperación da economía.
 
O titular de Economía e Industria destacou que Galicia é unha das comunidades autónomas onde menos se resentiu a cifra de autónomos censados e salientou, entre as medidas de apoio impulsadas polo seu departamento para apoiar ao colectivo, a posta en marcha do Servicio de Atención ao Autónomo, durante o pasado verán, e o impulso a un nutrido ciclo de seminarios  para facilitar a consolidación e a mellora competitiva dos negocios de recente creación. Durante este ano impartíronse desde BIC Galicia un cento de seminarios presenciais nos que participaron máis de 1.400 autónomos ou titulares de microempresas; a cifra dos beneficiarios de esta formación para a mellora da competitividade dos pequenos negocios supera as 2.400 persoas ao sumar aos participantes nos 40 seminarios desenvolvidos en liña.
 
Javier Guerra tamén se refiriu a posta en marcha da plataforma telemática do Servizo de Apoio ao Autónomo, onde se poden descargar publicacións específicas e ferramentas de especial interese para que este colectivo poida actualizar os seus coñecementos e consolidar os seus negocios mellorando a súa competitividade de xeito continuado. Esta plataforma en internet está recbindo unhas dúas mil visitas mensuais, o que, a xuízo do conselleiro, confirma que o instrumento está a resultar de utilidade para os profesionais, as microempresas e os autónomos de Galicia.
 
O responsable de Economía e Industria da Xunta de Galicia animou aos autónomos galegos a non renderse fronte ás negativas de crédito que poidan recibir dalgunha entidade financeira. Indicou que o obxectivo de programas de garantías como re-Brote e re-Solve é compartir riscos coas entidades e cos empresarios para, precisamente, convertir en resposta positiva unha negativa.
 
Guerra Fernández referiuse especialmente ao programa re-Solve como instrumento adecuado para que autónomos e microempresas accedan ao financiamento que precisan para poder seguir funcionando con normalidad, con pólizas de crédito novas por importe comprendido entre 3.000 a 40.000 euros, avaladas por unha sociedade de garantía recíproca nun 90% e cun reaval do Igape polo 25%. Para os empresarios que busquen financiamento para novos investimentos, lembrou tamén que o Instituto que preside dispón das liñas contidas no programa re-ima-Xina ou na regulada mediante convenio do Igape coas entidades financeiras e co ICO.
 
Despois de recoñecer que os ciclos da actividade económica teñen relación directa cos índices de confianza ou desconfianza existentes entre os axentes que operan nos mercados, Guerra Fernández celebrou que os empresarios galegos estean entre os máis optimistas de España de cara ao ano próximo e animou a desterrar a desconfianza para apuntalar a confianza nas propias posibilidades do tecido empresarial galego: a confianza dos empresarios nas posibilidades dos seus negocios, a confianza das entidades financeiras nos proxectos que reciben, e a confianza e o apoio da administración pública para dinamizar a actividade económica.
 
 
Artesanía e apoios financeiros
A Consellería de Economía e Industria está doblemente representada na Feira dos Autónomos que comeza a desenvolverse hoxe en A Coruña: mediante un stand onde o Instituto Galego de Promoción Económica está a facilitar información detallada sobre os servizos e apoios financeiros que pon a disposición dos autónomos galegos, e a través espazo expositivo adicado a Artesanía de Galicia, que recolle unha mostra de oleiría tradicional galega de Bonxe, Buño, Gundivós e Niñodáguia.
 
Durante a mañá de hoxe, o director xeral do Igape, Joaquín Varela de Limia, protagonizou un relatorio para explicar en detalle os programas de garantías re-Solve e re-Brote, durante un acto público organizado en colaboración coa Federación de Autónomos de Galicia (FEAGA).
 
Última actualización ( 04/12/2009 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design