Guerra destaca os apoios da Xunta a proxectos innovadores no encontro nacional de viveiristas PDF
O conselleiro Javier Guerra destacou o amplo abano de axudas e servizos que o seu departamento pon a disposición do emprendemento en Galicia, “co único fin de facer posible que as ideas máis innovadoras e competitivas tomen forma de empresas solventes”. O responsable de Economía e Industria salientou que “a miúdo, a innovación chega ao tecido empresarial a través dos novos emprendedores. Guerra destacou programas como o re-Emprende ou o fondo Xes Innova chamados a servir de revulsivo “para que ningún proxecto viable deixe de converterse en empresa”.
 
Santiago, 4 de outubro de 2010.-O Executivo de Galicia “confía no enorme potencial dos novos emprendedores, que teñen un papel transcendental dentro da ruta cara a recuperación económica trazada desde a Xunta”. Así o manifestou o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, durante a súa intervención na inauguración do II Encontro Nacional de Viveiristas, que se desenvolve hoxe en Santiago de Compostela, contando coa participación de varios centos de emprendedores procedentes de toda España.
 
ImageJavier Guerra destacou que boa parte dos esforzos do seu departamento están orientados cara á posta en marcha de proxectos innovadores. Neste sentido, citou a recente activación do programa re-Emprende, tendo en conta que “a miúdo, a innovación chega ao tecido empresarial a través dos novos emprendedores, una xeración que conta  cunha sólida formación para facer realidade pequenos cambios que, a largo prazo, son decisivos”.
 
O Conselleiro de Economía e Industria salientou que o programa re-Emprende, dotado con 3 millóns de euros, inclúe un aspecto tan importante como é o pre financiamento de proxectos, ao contemplar a entrega, sen requirir aval, de anticipos do 50% das subvencións concedidas para impulsar proxectos novos ou iniciativas de desenvolvemento temperán. “Esta iniciativa está chamada a servir de revulsivo para que ningún proxecto viable deixe de converterse en empresa”, salientou Guerra Fernández.
 
Do mesmo xeito, o titular de Economía e Industria destacou que se acaba de poñer en marcha un novo fondo de capital risco, Xes-Innova, dotado con 1,68 millóns de euros e destinado a cofinanciar as iniciativas preferentemente vinculadas a innovación e o desenvolvemento tecnolóxicos en ámbitos como a biotecnoloxía, as telecomunicacións, as enerxías renovables ou a preservación do medio ambiente.
 
Javier Guerra tamén lembrou que, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), os emprendedores dispoñen en Galicia de programas de apoio financeiro como o re-Imaxina, que habilita préstamos subsidiados e avalados no marco de liñas específicas para emprendedores –Peme Xove- e microempresas.
 
O conselleiro destacou  igualmente a existencia no Igape de servizos telemáticos que fan posible a creación de novas empresas en 48 horas, así como –a través de BIC Galicia- os programas de formación e asesoramento para “asegurar o éxito na creación e consolidación dos negocios impulsados por novos emprendedores”. Segundo explicou, durante o primeiro semestre deste ano, os servizos de formación e e titoría para a creación e consolidación de novos negocios beneficiaron a 4.000 usuarios.
 
Javier Guerra referiuse ás múltiples reformas impulsadas pola Xunta para optimizar os apoios á actividade empresarial como vía para avanzar na reactivación económica. Lembrou que a través do seu departamento se destinan 17 millóns de euros a fomentar a competitividade empresarial e que este ano se incrementaron nun 56% os fondos para apoiar a internacionalización do tecido empresarial galego a través do Igape.
 
O Conselleiro suliñou a importancia do encontro nacional de viveiristas e recoñeceu a importancia dos viveiros de empresas das cámaras de comercio como instrumentos facilitadores do desenvolvemento e consolidación de proxectos impulsados por emprendedores. Guerra rematou a súa intervención diante dos participantes no encontro nacional de viveiristas ofrecendo aos emprendedores galegos todas as liñas de apoio e servizos de que dispón a Consellería de Economía e Industria, “co único fin de facer posible que as ideas máis innovadoras e competitivas tomen forma de empresas solventes”.
 
No encontro participou tamén o director xeral do Igape, Joaquín Varela de Limia, para desenvolver un relatorio no que detallou as principais liñas de apoio e servizos de formación e asesoramento que o Instituto, directamente ou a través das súas sociedades (Xesgalicia e BIC Galicia) pon a disposición do emprendemento en Galicia.
Última actualización ( 04/10/2010 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design