| Guerra explica a empresarios de Ferrol as liñas para apoiar operacións de circulante e investimentos |
|
|
O conselleiro destacou que os programas re-Solve e re-Brote, abertos para a presentación de solicitudes ata o próximo 30 de decembro, mobilizarán ata 400 millóns de euros en préstamos avalados para circulante. Salientou igualmente os apoios para realizar novos investimentos a través de programas como o de préstamos con fondos do BEI, e o programa re-imaXina, e destacou o incremento dos apoios ás empresas das comarcas no marco do programa financeiro do Igape, ao pasar dos 16 millóns de euros en préstamos habilitados durante 2008 aos máis de 31 millóns de euros en préstamos concedidos no que vai deste ano. O titular de Economía e Industria destacou a aprobación de case 2.000 solicitudes de axuda para as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal no que vai de ano.
Santiago, 12 de novembro do 2009.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, mantivo hoxe un encontro informativo con empresarios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal para achegarlles información directa sobre os novos programas e liñas de apoio habilitados polo seu departamento, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), co obxectivo de facilitar o desenvolvemento da actividade empresarial nos actuais momentos de crise e impulsar, dese xeito, a reactivación económica. O conselleiro destacou o papel que, cara a ese obxectivo, terán os novos programas re-Brote e re-Solve, que conforman unha das principais accións do Plan de Choque deseñado pola Xunta de Galicia para facer fronte á crise e que permitirán mobilizar 400 millóns de euros para facilitar o financiamento de circulante a autónomos, microempresas e empresas galegas. Tamén suliñou o incremento dos apoios financeiros concedidos a empresas das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, ao pasar dos 16 millóns de euros en préstamos habilitados durante 2008 aos máis de 31 millóns de euros en préstamos concedidos no que vai deste ano. Este ano o Igape aprobou case 2.000 solicitudes de axuda procedentes das comarcas, fronte ás 261 aprobadas no ano pasado.
Durante a súa intervención diante dos empresarios ferroláns, o responsable de Economía e Industria e presidente do Igape afirmou que os programas re-Brote e re-Solve, con prazo de presentación de solicitudes aberto ata o próximo 30 de decembro, constitúen conxuntamente unha das iniciativas máis destacadas entre as impulsadas polo Goberno galego no ámbito das garantías públicas. Guerra Fernández dixo que estes programas constitúen unha resposta real aos problemas concretos de financiamento que as empresas galegas sofren na actualidade. Tamén se amosou convencido de que farán posible que os autónomos, as microempresas e as empresas poidan acceder a financiamento para manter a súa actividade con normalidade e contribuir, desa maneira, á progresiva recuperación do tecido empresarial das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.
O ambicioso plan de garantías públicas impulsado pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape estrutúrase ao redor dunha liña de avais, re-Brote, e outra de reavais, denominada re-Solve. A primeira facilitará o acceso de empresas de mediana ou grande dimensión a liñas de financiamento operativo adicional. A segunda liña, re-Solve, servirá para fomentar o acceso das microempresas e os autónomos ao circulante necesario para desenvolver a súa actividade con normalidade.
Apoio aos investimentos
Durante o desenvolvemento do seu encontro cos empresarios de Ferrolterra, o conselleiro de Economía e Industria lembrou que outro dos obxectivos fundamentais do seu departamento é procurar que as empresas poidan acceder as axudas e o financiamento necesarios para impulsar novos investimentos. Neste sentido, Javier Guerra recordou que o Igape mantén as subvencións a fondo perdido para apoiar os grandes investimentos, que teñen especial intensidade nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, e para os proxectos impulsados por novos emprendedores. Guerra Fernández tamén lembrou que para apoiar investimentos de certa dimensión, e á parte das subvencións a fondo perdido, o Igape dispón da liña de préstamos directos fornecidos con fondos achegados polo Banco Europeo de Investimentos (BEI).
Por outra banda, o conselleiro insistiu en que segue igualmente vixente o programa re-imaXina, posto en marcha polo actual Goberno e destinado a habilitar préstamos subsidiados e avalados para apoiar o financiamento dos investimentos impulsados por novas pemes, por pemes que queren medrar ou renovarse para reforzar a súa competitividade ou por microempresas galegas; tamén neste programa, o prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o próximo 30 de decembro.
Segundo explicou o conselleiro de Economía, o programa re-imaXina está orientado a facilitar a concesión de préstamos a pequenas ou medianas empresas polas entidades financeiras, tratando de minimizar as dificultades que acostuman a entorpecer o acceso ao financiamento: as garantías requiridas polas propias entidades e os custos de xestión das solicitudes de crédito. |
|
| Última actualización ( 13/11/2009 ) |


