O Igape recibiu ata rematar abril proxectos de investimento por valor de 150 millóns de euros PDF
O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, salientou hoxe que o Igape recibiu no primeiro cuadrimestre deste ano solicitudes de axuda para proxectos que suman investimentos cifrados en 150 millóns de euros, unha cifra significativamente superior á do ano anterior.
 
ImageSantiago, 26 de maio de 2008.- Esta situación, que reflicte a existencia dunha posición de confianza no futuro e de aposta polo investimento, foi valorada positivamente polo conselleiro nunha xornada destinada a empresarios e entidades financeiras galegas, na que se expuxeron as principais liñas de fomento empresarial promovidas conxuntamente polo Igape e o ICO. Segundo explicou Fernández Antonio, a disposición dos empresarios a investir axuda a mellorar a posición das empresas dende o punto de vista da súa competitividade no entorno. Fernández Antonio presidiu a xornada Novas liñas de financiamento para proxectos empresariais, organizada polo Igape e que contou coa participación do presidente do Instituto de Crédito Oficial (ICO), Aurelio Martínez Estévez.  
 
Na xornada, dirixida a empresarios e entidades financeiras galegas, expuxéronse os instrumentos de fomento empresarial impulsados pola Consellería de Economía e Facenda a través do Igape e Xesgalicia; así como as ferramentas de financiamento que promove o Igape en colaboración co ICO. Segundo explicou Fernández Antonio, o convenio asinado entre o Igape e o ICO permite ofrecer unhas liñas de financiamento de máis de 450 millóns de euros e condicións moi vantaxosas. Así, lembrou o conselleiro, nos concellos que forman parte do Plan de Reequilibrio Territorial de Galicia –máis de 260– os préstamos apoiados polo Igape poden chegar a un tipo de xuro do 2%.

Segundo o convenio asinado, o instituto dependente da consellería de Economía e Facenda apoia as catro liñas de financiamento (Peme; Crecemento; Emprendedores; e Internacionalización) e, segundo recoñeceu o presidente do ICO, Galicia é a primeira comunidade en asinar un convenio sobre as catro liñas do Instituto. As operacións previstas poden cubrir un máximo do 90% dos investimentos impulsados por emprendedores ou microempresas; do 80% dos investimentos impulsados por pemes; e do 70% no caso da liña Crecemento. Ademais, o financiamento terá o máximo apoio previsto polo Igape cando os investimentos se vaian realizar nalgún dos 262 concellos galegos considerados localización preferente (municipios acollidos ao Plan de Reequilibrio Territorial de Galicia; municipios de Ferrol, Eume e Ortegal; da Costa de Morte; e da comarca de Valdeorras).
Última actualización ( 17/03/2009 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design