Igape e XesGalicia apoiarán ao grupo pesqueiro Eduardo Vieira e ao grupo auxiliar da automoción Copo PDF

O Consello da Xunta autorizou ao Igape a concesión das operacións de aval que se concederán a ambos grupos para as súas operacións de financiamento. Xesgalicia participará a través de Sodiga nas ampliacións de capital previstas nos plans presentados polas empresas

Santiago, 31 de agosto de 2006.- O Consello da Xunta acordou autorizar ao Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) a concesión de avais sobre operacións de financiamento previstas polos grupos empresariais Eduardo Vieira, do sector pesqueiro; e Copo, do sector de automoción. Previamente, a Comisión Delegada de Asuntos Económicos, na súa reunión de hoxe, acordou a declaración de especial interese socioeconómico para Galicia das devanditas operacións. Deste xeito, a decisión adoptada polo Goberno galego permite o apoio dos proxectos presentados por ambos grupos empresariais, que tamén contarán coa participación de Xesgalicia a través da sociedade de capital risco Sodiga.

No caso de S. A. Eduardo Vieira -o grupo de extracción, transformación e comercialización de produtos pesqueiros con sede en Vigo-, o Igape apoiará a súa consolidación mediante a aportación dun aval destinado a facilitar o financiamento do Plan de Negocio que a empresa prevé desenvolver no período 2006-2010. Este Plan prevé medidas orientadas á potenciación do acceso aos recursos pesqueiros, mediante un programa de investimentos produtivos e outro de diversificación das fontes de subministro; o Plan de Negocio tamén contempla a maximización da rendibilidade mediante programas de marketing, I+D e eficiencia operativa, así como o saneamento financeiro e o redimensionamento da empresa.

Para o desenvolvemento do seu plan de consolidación, S.A. Eduardo Vieira contará con préstamos bancarios avalados parcialmente polo Igape, e cunha achega de Xesgalicia a través do fondo de capital risco Sodiga por importe de 6 millóns de euros, que se engadirán ás achegas realizadas polos socios actuais da firma. O Grupo Vieira está integrado por varias sociedades domiciliadas en Vigo e con filiais en Senegal, Namibia, Arxentina, Perú e Chile; con 2.640 traballadores, é un dos grupos empresariais galegos de referencia  no sector da explotación comercial e industrial da pesca e das súas actividades complementarias.

Grupo Copo

Pola súa parte, o Grupo Copo Inversiones tamén contará co apoio do Igape e de Xesgalicia para impulsar os plans de reforzamento das súas estruturas financeiras. As operacións de aval a conceder ao Grupo Copo están enmarcadas nun conxunto de medidas cara ao reforzamento financeiro do Grupo, que contempla ademáis a achega de capital polos seus socios e a participación de Sodiga cunha achega de 4,4 millóns de euros no capital, e de 5,3 millóns a través dun préstamos participativo.

Con este conxunto de medidas, dotarase ó Grupo Copo dunha estructura financeira sólida, que lle permitirá consolidar a súa posición competitiva. Ademáis o Grupo está a implantar unha serie de accións nos ámbitos comercial, técnico e organizativo, para recuperar a rendibilidade na sección de fabricación de modelados para automoción.

A actividade de Grupo Copo remóntase a 1969, ano no que se constitúe Espumaciones Industriales Roday cunha planta de espuma de poliuretano en bloque continuo no municipio pontevedrés de Mos, localidade onde hoxe están ubicadas a sede social da sociedade matriz, o centro tecnolóxico do Grupo, e varias plantas de producción. Actualmente a plantilla do Grupo COPO está integrada por 2.016 traballadores, dos cales 1.333 pertencen ao proceso productivo e 683 a outros procesos e staff. En Galicia o número de empregados é de 538, no resto de España 581, en Portugal 221, en EEUU 189, en Brasil 339 e en Cuba 148.

Última actualización ( 27/02/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design