O Igape apoia a creación de T-Solar Global, nova empresa de fabricación de paneis solares PDF
O conselleiro de Economía e Facenda anunciou a implantación en Ourense da empresa T-Solar Global cun investimento de 75 millóns de euros e a creación de 200 empregos. A iniciativa participada maioritariamente polo grupo Isolux, está apoiada polo Igape e contará coa presenza de Xesgalicia no seu capital e das dúas caixas de aforro galegas no financiamento. Asemade, José Ramón Fernández Antonio presentou o balance do ano 2006 no que Igape e Xesgalicia impulsaron investimentos empresariais en Galicia por 1.436 millóns de euros

ImageSantiago, 2 de febreiro de 2007.- Os consellos do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e de Xesgalicia aprobaron o mércores e xoves respectivamente os apoios ao proxecto de implantación dunha nova empresa do sector das enerxías renovables que traerá a Galicia unha novidosa tecnoloxía de fabricación de paneis solares que se instala por primeira vez en Europa. A iniciativa, que contará co apoio dos instrumentos públicos de dinamización dependentes da Consellería de Economía e Facenda, ubicarase  en Ourense  e suporá un investimento de 75 millóns de euros e a creación de 200 empregos. Participada maioritariamente polo grupo Isolux, T-Solar Global contará no seu capital coa participación de Xesgalicia. O proxecto foi presentado hoxe polo conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, quen explicou que a nova empresa producirá paneis solares cunha avanzada tecnoloxía baseada no silicio amorfo. A novidosa iniciativa contará co apoio da Consellería de Economía a través do Igape que achegará 5,84 millóns de euros, cifra que podería incrementarse ata os 13 millóns coa achega de Incentivos Rexionais. Ademais, no capital social, que ascenderá a 17 millóns de euros, terá participación Xesgalicia a través do fondo Emprende con 5 millóns de euros. O financiamento do proxecto complétase coa participación das dúas caixas de aforro galegas, que achegarán préstamos por importe de 20 millóns de euros. Neste último bloque de financiamento tamén participa a consellería mediante a concesión dun aval do Igape por 10 millóns de euros.

O conselleiro subliñou a importancia do novo proxecto que, afirmou, vén continuar outras implantacións rexistradas o pasado ano, no que o Igape e Xesgalicia impulsaron investimentos por 1.436 millóns de euros. Entre os principais proxectos, figuran varios do sector enerxético e medioambiental como o de Infinita Renovables, en Salvaterra do Miño (Pontevedra), e Entabán Biocombustibles, en Ferrol. Destacan tamén neste ámbito Biomasa Forestal (Santa Comba-A Coruña), Industrias Olimeca (Outeiro de Rei-Lugo), e Tecnoambiente Galicia (Cerceda-A Coruña). Igualmente, o conselleiro destacou proxectos no sector de automoción como os de Benteler e Copo; no sector da madeira, como Loira Inter; ou no téxtil, con Sociedad Textil Lonia. Os apoios de Igape e Xesgalicia tamén fixeron posible proxectos no sector da transformación de produtos do mar (Vieirasa); no transporte marítimo (Navigasa), ou na enxeñería (Russula). Estas compañías contan con importantes iniciativas e proxectos de internacionalización, o que constitúe unha liña prioritaria do crecemento económicos dentro da nova política económica do Goberno galego.

Concentrar esforzos

O dinamismo na creación e impulso de proxectos empresariais durante o pasado ano viuse acompañado pola nova estratexia dos instrumentos públicos de dinamización económica. Concentrar esforzos en apoios selectivos; incrementar a dotación e potencial dos fondos de capital risco; e impulsar os servizos ás empresas nas áreas de internacionalización, captación de investimentos e asesoramento especializado, foron as liñas fundamentais da nova estratexia desenvolvida por Igape e Xesgalicia no seu obxectivo de dinamizar o tecido produtivo galego impulsando o crecemento e a creación de emprego. Na nova estratexia impulsada dende a Consellería de Economía e Facenda, Igape e Xesgalicia –instrumentos públicos de dinamización económica-, convértense así en auténticos “axentes de competitividade” nas súas funcións de apoio á actividade empresarial.

A concentración selectiva de esforzos foi, segundo o conselleiro, unha das claves da actividade do Igape durante o pasado exercicio. “A concentración de esforzos responde a unha aposta estratéxica da nova política económica que persegue impulsar a competitividade e internacionalización dos sectores con maior potencial da nosa economía”, explicou Fernández Antonio, que apuntou como sectores prioritarios os de enerxías renovables, téxtil, compoñentes do automóbil, madeira, loxística, industria alimentaria de calidade, pedra, Tecnoloxías de Información e Comunicacións (TIC), audiovisual, naval e turismo.  Cuantitativamente, a concentración do esforzo nas axudas reflíctese no feito de que os 50 principais proxectos concentran o 44% das axudas aprobadas polo Igape. No global do ano, o volumen de axuda aprobado polo instituto foi de 88 millóns de euros.

Proxectos en Ferrolterra

Pola súa banda, a fixación selectiva de apoios tamén se traduciu no establecemento dunha liña específica de apoio á comarca de Ferrolterra e nunha estratexia de colaboración coa Administración central para reforzar os esforzos nesa área. En total, apoiáronse 27 proxectos cun investimento global de 105 millóns de euros, unhas axudas do Igape de 14,5 millóns e a creación de 264 postos de traballo. A isto habería que engadir os 3 millóns de axudas e os 43,5 millóns de euros de préstamos a tipo de xuro cero da liña de Incentivos do Ministerio de Industria sobre 52 proxectos e unha creación de emprego de 328 novos postos de traballo. Entre os novos proxectos para Ferrol inclúense os de Entabán, e Metalúrgica del Atlántico, no ámbito enerxético; ou o de Loira Inter, no sector do moble.

Impulso ao capital risco

No balance do exercicio o conselleiro de Economía tamén subliñou a importancia do capital risco na promoción de proxectos de investimento. Xesgalicia, xestora de Sodiga e dos fondos Emprende, Adiante e Aquagal culminou un exercicio histórico nos que apoiou 19 novos proxectos cun investimento de 37,37 millóns de euros, o que supón multiplicar por 5,6 veces o investimento do exercicio anterior, cando materializou unha ducia de proxectos. No novo enfoque da súa actividade, explicou o conselleiro, Xesgalicia aborda unha “estratexia proactiva e dinámica para incrementar o número de proxectos apoiados e a maior rotación dos seus investimentos”. Nesa liña, a sociedade abordou o pasado ano unha ampliación de capital en Sodiga de 27,58 millóns de euros; e nos fondos Emprende e Aquagal por 1,9 millóns e 1 millón respectivamente, suscritos polo Igape. No caso de Sodiga –sociedade coparticipada por varias entidades financeiras- a achega da Xunta de Galicia ascendeu a 18,82 millóns de euros.

Centro da rede de asesoramento

Pola súa banda, o Igape iniciou o pasado ano unha nova etapa que supón un salto cualitativo ao impulsar unha estratexia baseada na eficacia da xestión, no dinamismo da actividade e na innovación nos procesos. Eficacia na xestión de trámites e na prestación de servizos, que traduciuse  nunha maior axilidade que permitiu elevar os pagamentos realizados nun 75%. Neste ámbito, son de salientar as medidas orientadas á extensión da sinatura dixital nas distintas fases de tramitación dos expedentes, e o impulso da presentación telemática de documentos.

Igualmente, o maior dinamismo da actividade orientouse cara a unha clara aposta polo apoio á internacionalización das empresas tanto na súa salida ao exterior, como no terreo da captación de investimentos. Os cinco Centros de Promoción de Negocios (CPN) ubicados en Estados Unidos, China, Alemaña, Polonia e Xapón, incrementaron a prestación de servizos un 66% ata preto de 2.500 actuacións, mil máis que o ano anterior. Nesa liña de potenciar o papel de prestador de servizos, o Igape ten como obxectivo crear unha rede de asesoramento que achegue servizos de valor engadido ás empresas.

Última actualización ( 02/03/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design