Javier Guerra destaca que empresas como Pili Carrera son un exemplo de internacionalización PDF
O conselleiro de Economía e Industria lembrou que “a internacionalización é unha oportunidade de fortalecemento e solvencia para as empresas galegas”, durante a súa visita á fábrica que a compañía téxtil ten no concello de Mos (Pontevedra). A través do programa de garantías re-Brote do Igape, a Consellería ven de conceder a esta empresa avais por importe de 450.000 euros para facilitar operacións de financiamento de circulante cifradas en 900.000 euros. Guerra destacou que o Igape destinará en 2010 case 15 millóns de euros ao financiamento das bases de axudas para a internacionalización.
 
Mos, 6 de abril de 2010.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, fixo hoxe unha visita ás instalacións da fábrica que a compañía téxtil Pili Carrera ten no concello de Mos (Pontevedra) e destacou que esta empresa galega “é un verdadeiro exemplo de internacionalización”.
 
Javier Guerra louvou a xestión feita polo grupo Pili Carrera que emprega a unhas 220 persoas e produce en Galicia a tea e o punto que se pon a venda en toda a rede de tendas da compañía a nivel nacional e internacional. Neste sentido, o conselleiro de Economía e Industria recordou que a firma ten tendas en España, Portugal, EEUU, México e Rusia. A través do programa de garantías re-Brote do Igape, a Consellería ven de conceder a esta empresa avais por importe de 450.000 euros para facilitar operacións de financiamento de circulante cifradas en 900.000 euros.
 
O conselleiro de Economía e Industria salientou que “a internacionalización é unha oportunidade de fortalecemento e solvencia para as empresas galegas” e renovou o compromiso da Xunta co apoio ás estratexias empresariais orientadas ao fortalecemento da competitividade e da presencia das compañías galegas nos mercados internacionais.
 
A oportunidade da internacionalización
Guerra destacou que a Consellería de Economía e Industria destinará en 2010, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), unha partida orzamentaria de case 15 millóns de euros ao financiamento das bases de axudas para a internacionalización das empresas galegas.
 
A partida destinada polo Igape a incentivar a proxección exterior das empresas galegas mediante as correspondentes bases de axuda á internacionalización rexistra este ano un incremento do 127% sobre o exercicio pasado. Entre as principais novidades das liñas de apoio neste ámbito figuran os apoios a centros de distribución compartidos por grupos de empresas e un renovado impulso ás implantacións comerciais no exterior. Do mesmo xeito, apoiarase a asistencia técnica ás empresas galegas nos mercados de destino, así como a presenza en feiras internacionais en Galicia e en mercados dutty free.
 
Mediante as liñas para a internacionalización das empresas galegas o Igape apoiará a realización de seminarios de internacionalización; accións de planificación exterior; a participación en eventos expositivos internacionais celebrados en Galicia; a participación en eventos expositivos e promocionais internacionais celebrados fóra de Galicia; as  misións comerciais directas; as misións comerciais inversas; as misións tecnolóxicas directas e inversas, así como accións de marketing, comunicación, imaxe e marca; accións de prospección internacional.
 
Ademais, Guerra subliñou que o goberno galego tamén promove a internacionalización mediante o Plan de Fomento das Exportacións Galegas (Foexga), que en 2009 se reactivou ao aumentar o investimento da Xunta nun 15% con respecto ao 2008, e que se reforzará considerablemente en 2010 cun incremento de máis do 35% con respecto ao pasado ano, e de case un 60% en comparación co investido polo anterior executivo en 2008. Co Foexga 2010, a Xunta traballa para reforzar a dinámica de colaboración establecida coas Cámaras de Comercio e incentivar as relacións comerciais cos mercados máis dinámicos a nivel internacional.
 
Apoios ao sector téxtil
Por outra banda, o responsable da Consellería de Economía e Industria subliñou que o sector téxtil-confección ten unha “importancia estratéxica para o bo funcionamento da economía de Galicia, posto que está integrado por máis de 1.200 empresas, emprega a unhas 14.000 persoas e factura 7.600 millóns de euros o ano, o que supón o 14% do PIB da Comunidade Autónoma”.
 
Neste sentido, Javier Guerra salientou o apoio ofrecido polo Instituto Galego de Promoción Económica ao sector téxtil-confección galego, que concedeu avais por valor de case 13 millóns de euros en 2009, o que supón un 137% máis que en 2008 e aprobou 250 solicitudes de axuda presentadas por empresas do téxtil, o que indica un crecemento do 86% sobre as aprobadas en 2008.
 
Asemade, os investimentos ou gastos empresariais apoiados polo Igape sumaron 32,7 millóns de euros o pasado ano, un 142% máis que en 2008; as axudas de 2009 ascenderon a case 14 millóns de euros, un 106% máis das concedidas en 2008 e os préstamos mobilizados creceron nun 251%, ao pasar dos 8 millóns en 2008 a máis de 31 millóns en 2009.
 
Última actualización ( 06/04/2010 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design