Economía e Industria promoveu, a través do Igape, os viños e os queixos galegos en Xapón PDF
Viños de Rías Baixas, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras estiveron presentes na Wine and Gourmet Japan, contando con espazo expositivo e apoio en destino facilitados polo Igape a través do seu CPN en Toquio. A D.O. Rías Baixas protagonizou un acto específico de promoción e degustación para consolidar a penetración dos seus caldos neste selectivo mercado. Neste mesmo marco desenvolvéronse tamén accións de promoción e degustación dos queixos de Galicia.
 
Toquio, 11 de abril de 2009.- Economía e Industria promoveu, a través do Centro de Promoción de Negocios (CPN) que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) ten en Xapón, a penetración dos viños e dos queixos galegos durante a segunda edición da feira internacional Wine and Gourmet que se desenvolveu en Toquio durante a semana que agora remata, e onde se deron cita expertos e especialistas do ámbito agroalimentario.
 
ImageCinco adegas galegas participaron nesta mostra para promocionar os seus produtos, nun espazo facilitado polo Igape, que prestou ademais apoio en destino ás empresas galegas participantes para a busca de contactos e preparación de axendas. A adega Vitinivinícola do Ribeiro presentou os seus caldos Viña Costeira e Pazo, ademais de promover augardentes e  licores de café e herbas baixo a marca Lúa. Da Denominación  Protexida Terras de Barbanza e Iria participou na feira a adega Entre os Ríos, co seu albariño Altares. Tamén albariños e baixo a bandeira de Galicia Calidade estivo Bodegas Vilarvín, cos seus viños Valtea e Finca Garabato; e, do mesmo xeito, estiveron presentes nesta mostra xaponesa os caldos Terra do Gargalo, da D.O Monterrei; e Bodegas Ruchel,  da D.O  Valdeorras, levou a Xapón dous viños, un  godello e un mencía.
 
O Igape participou nesta Feira cun espazo propio onde, ademais de desenvolver accións de promoción de Galicia e dos seus produtos máis tradicionais, facilitou apoio e asistencia directa ás empresas galegas participantes na procura de contactos e elaboración de axendas orientadas a ampliar a penetración dos viños galegos no selectivo mercado xaponés. Coincidindo coa nutrida representación dos viños galegos neste evento, unha empresa xaponesa importadora de queixos galegos fixo promoción e degustación dos produtos amparados polas denominacións protexidas de Tetilla, Árzua-Ulloa e San Simón.
 
Tamén estiveron presentes en Xapón representantes do Consello Regulador da  D.O de Rías Baixas para promover os viños desta denominación de orixe. Rías Baixas protagonizou un acto de promoción que consistiu nunha cea degustación de viños galegos maridados con receitas orixinais da cociña xaponesa moderna de fusión. Da organización deste evento, que reuniu a xornalistas especializados e importadores e distribuidores de viños, ocupouse tamén o Igape a través do seu CPN en Xapón.
 
Wine and Gourmet  é a primeira feira  de Xapón dedicada exclusivamente a viños y bebidas alcohólicas, produtos gourmet , confitería, catering e servizos de equipamento e subministro de comidas. A mostra desenvolveuse entre os días 7 e 9 de Abril no Centro de Exposición Internacional “Bigh Sight” de Tokyo, onde se deron cita centos de especialistas en produtos agroalimentarios.
 
Última actualización ( 09/04/2010 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design