| Economía e Industria impulsa a procura de novas oportunidades de negocio empresarial en Ucrania |
|
|
O director xeral do Igape participou na apertura do encontro e destacou as posibilidades asociadas ao sector da construción, dado que ese país comparte con Polonia a organización da Eurocopa de Fútbol de 2012. Joaquín Varela de Limia salientou que a internacionalización constitúe unha oportunidade para o fortalecemento e consolidación das empresas galegas, e lembrou que por iso conforma un dos eixos estratéxicos do Plan Re-Forza-2010.
Santiago, 21 de xuño de 2010.- As empresas galegas son cada vez máis conscientes de que a proxección exterior constitúe sobre todo unha oportunidade para o fortalecemento e a consolidación dos seus negocios, segundo manifestou o director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Joaquín Varela de Limia, durante a súa intervención na apertura da xornada informativa sobre oportunidades de negocio e investimento en Ucrania. O responsable do Instituto lembrou que, por iso, o impulso á internacionalización conforma un dos eixos estratéxicos do Plan re-Forza 2010.
A Consellería de Economía e Industria impulsou, a través do Igape, a procura de novas oportunidades de negocio ou investimento en Ucrania mediante o desenvolvemento dunha xornada específica organizada conxuntamente coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), e que se desenvolveu hoxe en Santiago de Compostela. Joaquín Varela considerou de grande utilidade económica coñecer de primeira man as posibilidades de mercados pouco explorados pola empresa galega, razón pola que o Instituto organizou o encontro informativo xunto coa CEG.
Varela de Limia destacou o feito de que Ucrania comparta con Polonia onde o Igape dispón dun centro de promoción de negocios propio- a organización da Eurocopa de fútbol de 2012, circunstancia que implica importantes oportunidades de negocio, sobre todo para empresas vinculadas ao sector da construción, polas grandes infraestruturas asociadas aos eventos multitudinarios.
O director xeral do Igape recoñeceu que existe un bo número de empresas que están exportando a Ucrania, principalmente en sectores como conxelados, madeira, conservas, maquinaria, materiais de construción ou téxtil e moda. Joaquín Varela amosouse convencido de que estas empresas poderán incrementar os seus negocios, xunto con empresas doutros ámbitos como o alimentario ou o das TIC, que ao seu xuízo poden atopar igualmente boas oportunidades nese mercado.
Varela de Limia revelou que Galicia achegou o 8% das exportacións españolas a Ucrania durante o pasado ano, en tanto que sumou pouco máis do 4% das importancias realizadas polo Estado español. Con todo, recoñeceu que a balanza comercial é negativa tanto no caso galego como no de España. Quédanos por diante moita marxe de mellora , e a iso debemos aspirar, indicou.
Xunto o director do Igape, na apertura da xornada participou o presidente da CEG, Antonio Fontenla. A Continuación, o xefe da misión económica e comercial da Embaixada de Ucrania en España, Vitaly Udovik ofreceu un relatorio sobre as oportunidades de negocio e investimento nese país.
Por outra banda, tamén se desenvolveron relatorios sobre os servizos de apoio da CEG no ámbito da internacionalización empresarial: o Servizo de Licitacións Internacionais (SALT) e o Servizo de Información Europea (SIE). A xornada informativa completouse cun relatorio da subdirectora de Internacionalización do Igape, Dolores García de los Huertos, que explicou en detalle os servizos e axudas que ofrece neste ámbito do Instituto dependente da Consellería de Economía e Industria.
Mediante as liñas para a internacionalización das empresas galegas o Igape apoia actuacións tan diversas como a realización de seminarios de internacionalización; iniciativas de planificación exterior, para apoiar a planificación estratéxica e medio prazo, antes de emprender accións concretas no exterior; a participación en eventos expositivos internacionais celebrados en Galicia; a participación en eventos expositivos e promocionais internacionais celebrados fóra de Galicia; as misións comerciais directas; as misións comerciais inversas; as misións tecnolóxicas directas e inversas; accións de marqueting, comunicación, imaxe e marca; accións de prospección internacional; ou iniciativas destinadas á primeira implantación promocional conxunta no exterior (Plan Primex). |


