Este ano materializaranse en Galicia investimentos empresariais por importe de 2.000 millóns de € PDF
O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, anunciou que as novas bases reguladoras do Instituto inclúen maior intensidade das axudas e unha simplificación de criterios que aportará máis axilidade e eficacia nos apoios públicos. O esquema de apoios potencia as tres liñas prioritarias da estratexia de promoción empresarial: as axudas a investimentos produtivos; os préstamos preferenciales e avais; e as fórmulas de capital risco, a través de Xesgalicia. A suma das subvencións, préstamos preferenciais, e investimentos de capital risco ascenderá en 2008 a 712 millóns de euros que permitirán un investimento inducido de 2.000 millóns de euros.
 
Santiago, 8 de febreiro de 2008.- O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a xestora de fondos de capital risco Xesgalicia contribuirán a materialización de investimentos empresariais en Galicia por importe de 2.000 millóns de euros en 2008, o que supón un incremento aproximado do 46% respecto do investimento inducido no último exercicio. Así o avanzou o conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, quen subliñou que os instrumentos de apoio empresarial da Xunta de Galicia contribuirán a ditos investimentos con 712 millóns de euros entre apoios directos e compartidos con outras entidades como Incentivos Rexionais, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio (MYTIC), o Instituto de Crédito Oficial (ICO) ou a Sociedad Estatal de Promoción y Desarrollo Industrial (Sepides). En total, o incremento neste apartado elévase un 22% sobre 2007.
 
O conselleiro tamén avanzou o novo esquema de apoios ao investimento empresarial que avanza nas liñas do plan estratéxico do Igape en materia de incentivos, servizos ás empresas e internacionalización. Co novo esquema, segundo afirmou, “Galicia gaña en competitividade e capacidade de atracción para a posta en marcha de novas actividades e captación de investimentos”.  Neste sentido, Fernández Antonio anunciou que as novas bases reguladoras do Igape –aprobadas polo consello de administración celebrado hoxe- inclúen maior intensidade das axudas, maior selección e concentración de esforzos, e unha simplificación de criterios que aportará máis axilidade e eficacia nos apoios públicos. Deste xeito, subliñou, avánzase na estratexia de promoción empresarial orientada a “reforzar os apoios ao investimento, fomentar a cooperación empresarial e a internacionalización, e impulsar a competitividade e produtividade das empresas, e a creación de emprego”.
 
Novo esquema de incentivos
O esquema de apoios exposto polo conselleiro potencia as tres liñas prioritarias da estratexia de promoción empresarial: as axudas a investimentos produtivos; os préstamos preferenciales e avais; e as fórmulas de capital risco. No primeiro ámbito, as novas bases de incentivos reducen a 500.000 euros o investimento mínimo subvencionable xeral; que será de 200.000 euros nas comarcas con especiais condicións de apoio, como Ferrolterra, Costa da Morte ou Valdeorras.
 
No ámbito de préstamos preferenciais, inclúense os programas que o Igape pon a disposición das empresas galegas grazas a recursos captados de institucións como o Banco Europeo de Investimentos, o ICO ou o MYTIC. Por último, no ámbito do capital risco, e en liña coa estratexia de potenciar os instrumentos financerios de carácter reembolsable e de riscos compartidos, Xesgalicia potenciará a súa actividade ao través dos seus fondos Sodiga, Emprende, Adiante, Semente e Capacita; e da súa participación noutros como Biofocus ou Unirisco. Neste sentido, segundo expuxo o conselleiro, Xesgalicia prevé investir 85 millóns de euros en máis de vinte proxectos empresariais. Acentúase así a progresión dos dous últimos anos: en 2005 Xesgalicia investiu 6,7 millóns de euros en seis proxectos; mentres que nos dous anos seguintes o investimento medio foi de 38 millóns anuais con 21 proxectos por ano.
 
Tamén en liña coa estratexia de impulsar a asesoría e servizos a empresas, fundamentalmente pemes, o Igape amplía e impulsa as accións das empresas en materia de formación especializada e consultoría. Neste sentido, o Igape tamén impulsa unha nova liña de incentivos á formación empresarial, destinada a facilitar a formación de directivos, mandos intermedios e equipos técnicos a partir de proxectos impulsados por pemes ou por organismos intermedios. Con carácter xeral, segundo lembrou o conselleiro, reforzaranse os apoios a proxectos colectivos impulsados por asociacións e clústers como vía para gañar en competitividade grazas á cooperación empresarial.
 
Respaldo á implantación comercial no exterior
Este último aspecto tamén será primado na terceira liña das novas bases reguladoras, esto é, a de internacionalización. A través desta liña prímanse as iniciativas impulsadas mediante agrupacións empresariais e clusters sobre as individuais e apóstase por apoiar especialmente a implantación comercial de empresas galegas nos mercados emerxentes de máis alto crecemento: China, Rusia, India, Brasil e México, así como nos países que veñen de incorporarse á Unión Europea. Un dos xeitos de apoio previstos para favorecer a captación destes novos mercados de alto crecemento é mediante as axudas para custos de alugamento de plataformas loxísticas conxuntas (para cinco ou máis empresas) durante os dous primeiros anos.
 
Outras novidades das liñas coas que o Igape prevé impulsar a internacionalización do tecido empresarial galego son os apoios para concorrer a licitacións públicas internacionais ou a asistencia técnica directa a empresarios de orixe galega no exterior para a análise de oportunidades de negocio e cooperación conxunta nos países onde estean asentados. Do mesmo xeito, o Igape prevé apoiar a incorporación laboral de especialistas en comercio internacional a clústers, agrupacións empresariais innovadoras e empresas.
Última actualización ( 17/03/2009 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design