| Javier Guerra destaca a importancia da cooperación como chave para acelerar a internacionalización |
|
|
A colaboración institucionalizarase no marco do Consello Galego de Internacionalización anunciado onte polo presidente da Xunta. Na clausura do IV Encontro cos empresarios galegos no exterior, o conselleiro de Economía e Industria asegurou que a economía galega debe mirar a Latinoamérica, e celebrou a existencia dun amplo colectivo empresarial galego que pode facilitar os negocios na zona. No Encontro participaron máis de 500 empresarios e estiveron presentes 157 empresas de fóra de Galicia, destacando as delegacións procedentes de Uruguai, Brasil, Arxentina e México.
Santiago, 27 de outubro de 2010.- O conselleiro de Economía e Industria do Goberno galego, Javier Guerra, destacou a importancia da cooperación empresarial como chave mestra que permitirá acelerar o proceso de internacionalización da economía galega coa dilixencia necesaria para facerlle fronte á crise económica. Durante a súa intervención na clausura do IV Encontro cos empresarios galegos no exterior, Guerra Fernández celebrou que Galicia conte coa alianza dun nutrido colectivo empresarial no exterior, que considerou un activo diferencial e unha vantaxe comparativa que cómpre poñer en valor. Economía e Industria destina 2 millóns de euros para dinamizar a colaboración coas asociacións de empresarios galegos no exterior mediante un convenio asinado neste Encontro.
O responsable de Economía e Industria referiuse ao numeroso colectivo empresarial de orixe galega existente en Latinoamérica, unha área especialmente dinámica na actualidade e coa que Galicia debe incrementar as súas relacións comerciais, por ter mellores previsións de crecemento que a zona euro. Galicia precisa diversificar as súas relacións económicas e comerciais co exterior, manifestou Guerra, ao tempo que estimou lóxico facelo cara a zonas culturalmente próximas onde hai aliados e ademais existen importantes oportunidades de negocio asociadas aos altos niveis de crecemento económico.Avanzar na detección de oportunidades de negocio e facilitar o establecemento de alianzas comerciais, tecnolóxicas e profesionais entre empresas galegas e empresarios de orixe galega no exterior é o obxectivo fundamental do IV Encontro de Empresarios Galegos no Exterior, que organizou a Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e que onte foi inaugurado polo presidente da Xunta.
Durante a súa intervención na clausura, Javier Guerra considerou que a colaboración da Xunta de Galicia, a Confederación de empresarios de Galicia, as Cámaras de Comercio e as asociacións de empresarios galegos no exterior, que se institucionalizará no futuro Consello Galego de Internacionalización anunciado por Núñez Feijóo, será fundamental para acelerar a internacionalización do tecido empresarial galego. Esa colaboración, xa aberta mediante os encontros de todo o empresariado galego, constituirá unha grande alianza estratéxica que permitirá promover a marca Galicia con unidade de criterio y con maiores cotas de eficiencia no gasto público, salientou o conselleiro.
O conselleiro apuntou tamén que os últimos datos indican que as empresas galegas resisten mellor a crise grazas, fundamentalmente, á súa fortaleza exportadora, e fixo referencia a un informe coñecido hoxe no que Galicia representou no pasado ano o 10 por cento das exportacións españolas, cun superávit de 800 millóns.
No IV Encontro cos empresarios galegos no exterior participaron máis de 500 empresarios e houbo representación de 157 empresas procedentes de fóra de Galicia, destacando as delegacións de empresarios de orixe galega asentados en Uruguai, integrada por 45 empresas; a de Brasil, con 28 empresas; a de Arxentina, con 26; ou a de México, 15.
Durante o encontro, a Consellería de Economía e Industria asinou, a través do Igape, un convenio de colaboración coas asociacións de empresarios galegos en Arxentina, Brasil (2), Cataluña, País Vasco, Estados Unidos, Madrid, México, Portugal, República Dominicana, Uruguai e Venezuela destinado a promover a incorporación a estes colectivos de máis empresarios de orixe galega especialmente os novos- e a incentivar a colaboración e prestación de servizos do empresariado da diáspora cos empresarios galegos que aposten por internacionalizarse neses mercados.
A internacionalización das empresas galegas conforma un dos eixos estratéxicos establecidos pola Consellería de Economía e Industria no marco do Plan re-Forza 2010, que está a desenvolver o Igape e que promove como instrumentos axeitados neste ámbito os acordos de cooperación coa Confederación de Empresarios de Galicia, coas asociacións de empresarios de orixe galega no exterior ou cos clústeres máis dinámicos no ámbito da internacionalización. |
|
| Última actualización ( 27/10/2010 ) |


O responsable de Economía e Industria referiuse ao numeroso colectivo empresarial de orixe galega existente en Latinoamérica, unha área especialmente dinámica na actualidade e coa que Galicia debe incrementar as súas relacións comerciais, por ter mellores previsións de crecemento que a zona euro. Galicia precisa diversificar as súas relacións económicas e comerciais co exterior, manifestou Guerra, ao tempo que estimou lóxico facelo cara a zonas culturalmente próximas onde hai aliados e ademais existen importantes oportunidades de negocio asociadas aos altos niveis de crecemento económico.