| Javier Guerra destaca a internacionalización como destino imprescindible para as empresas galegas |
|
|
O Conselleiro de Economía e Industria presidiu a apertura dunha xornada sobre os incentivos de acceso ao crédito e as axudas á mellora competitiva, organizada en colaboración con APD, e salientou que os orzamentos do Igape para impulsar a internacionalización medrarán un 55% en 2010. Os directivos do Instituto que preside Javier Guerra informaron tamén sobre os apoios existentes para impulsar a internacionalización e a mellora da competitividade das firmas galegas.
Santiago, 4 de novembro de 2009.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra Fernández, presidiu esta mañá en Santiago a apertura da xornada sobre os incentivos de acceso ao crédito e as axudas á mellora competitiva, organizada en colaboración coa Asociación para o Progreso da Dirección (APD), e revelou que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) contará, en 2010, cun orzamento para apoiar a internacionalización un 55% máis alto que o do actual exercicio. Neste mesmo sentido, Guerra manifestou que as empresas só sobrevivirán se son capaces de vender os seus produtos nos mercados máis competitivos do mundo, e adiantou que o Instituto irá reorientando a súa actividade para ser cada vez menos intervencionista e máis facilitador da competitividade. No mesmo encontro, os directivos do Instituto que preside Javier Guerra informaron sobre os novos programas de garantías e sobre os apoios para a mellora da competitividade e a internacionalización das empresas. O peche da xornada correu por conta do director xeral do Igape, Joaquín Varela de Limia.
Durante a intervención de apertura, Javier Guerra indicou que o seu departamento contempla a internacionalización como un destino. Indicou que o proceso non se pode ver como unha viaxe para chegar lonxe; ten que ser un destino para vender lonxe. Para conseguir isto, engadiu, as empresas teñen que mellorar todos os seus procesos e planificar as súas actuacións doutra maneira. Para apoiar ás empresas galegas cara a ese imprescindible destino internacional, o conselleiro resaltou que o Igape incrementa nun 55% os recursos destinados a apoiar a internacionalización; tamén destacou que o Instituto será quen coordine todos os recursos para apoiar a internacionalización, a excepción das cámaras, que serán coordinadas desde a dirección xeral de Comercio.A medio prazo, o Conselleiro de Economía e Industria avanzou que haberá un Igape diferente, menos intervencionista, menos subvencionador. Neste mesmo sentido, indicou que o Instituto ten que centrarse máis en axudar a competir, en ser facilitador da competitividade das empresas galegas. Nesta liña, augurou que nun prazo de tres ou catro anos o Igape ofrecerá máis instrumentos de apoio á competitividade e menos de financiamento tal e como ocorre na actualidade.
Con todo, Guerra Fernández recoñeceu que a Consellería de Economía e Facenda reenfocou os instrumentos de promoción econónima, e nomeadamente o Igape, para atender as necesidades do tecido empresarial nos actuais momentos de dificultade. Indicou que os orzamentos do Igape para 2010 soben nun 13% e están orientados a seguir na liña de manter os instrumentos de axuda habilitados para compartir riscos como medida necesaria para apoiar as necesidades de financiamento de circulante das empresas.
Compartir riscos
Durante o encontro organizado coa APD, os directivos do Igape destacaron a posta en marcha das liñas denominadas re-Brote e re-Solve, coas que se prevén mobilizar 400 millóns de euros para financiar operacións de circulante de autónomos, pemes e empresas galegas. O prazo para a presentación de solicitudes está aberto ata o 30 do próximo mes de decembro.
As liñas re-Brote e re-Solve teñen como obxectivo viabilizar novas operacións de crédito para que as empresas, microempresas e autónomos galegos conten cunha nova e importante ferramenta para afrontar os seus problemas de liquidez a curto prazo, derivados da actual situación económica. Con estas dúas liñas de axuda será posible viabilizar operacións de crédito para facilitar a empresas, microempresas e autónomos o acceso ao financiamento que precisen para facer fronte ás súas necesidades de capital circulante. A primeira, re-Brote, está chamada a facilitar con avais públicos o acceso a liñas de financiamento operativo adicional de empresas medianas e grandes, mentres que a segunda liña, denominada re-Solve, facilitará mediante reavais o acceso ao circulante para as microempresas e os autónomos.
Apoios á internacionalización
A xornada informativa organizada en colaboración coa APD acolleu relatorios da directora de Financiamento do Igape, Cristina Quintela, sobre as fontes de acceso ao crédito; do subdirector de xestión de proxectos, Norberto Penedo, sobre as axudas á mellora competitiva; do director de Promoción, Casto Varela, e da subdirectora de Internacionalización, Dolores García de los Huertos, sobre as axudas á proxección das empresas galegas no exterior; e do subdirector de Información Especializada, Carlos Silva, sobre os servizos de apoio á tramitación das axudas. Do mesmo xeito, houbo relatorios sobre os procesos de reestruturación financeira o os incentivos fiscais impartidos por consultores expertos en ambos asuntos. |
|
| Última actualización ( 04/11/2009 ) |


Durante a intervención de apertura, Javier Guerra indicou que o seu departamento contempla a internacionalización como un destino. Indicou que o proceso non se pode ver como unha viaxe para chegar lonxe; ten que ser un destino para vender lonxe. Para conseguir isto, engadiu, as empresas teñen que mellorar todos os seus procesos e planificar as súas actuacións doutra maneira. Para apoiar ás empresas galegas cara a ese imprescindible destino internacional, o conselleiro resaltou que o Igape incrementa nun 55% os recursos destinados a apoiar a internacionalización; tamén destacou que o Instituto será quen coordine todos os recursos para apoiar a internacionalización, a excepción das cámaras, que serán coordinadas desde a dirección xeral de Comercio.