| Javier Guerra destaca a reactivación dos investimentos empresariais en Galicia, que medraron un 43% |
|
|
O conselleiro de Economía e Industria presentou o balance do plan re-Forza 2010 e salientou o incremento dos proxectos aprobados para Lugo e Ourense, con investimentos que medraron nun 822% grazas aos plans Impulsa. As 1.500 operacións de garantías aprobadas permitiron o mantemento de 16.000 empregos nas empresas beneficiadas. A axilización de procedementos permitiu que o prazo de resolución de expedientes se reducise practicamente á metade no último ano, e o de pagamento das solicitudes de cobro nun 65%.
Santiago, 01 de febreiro de 2011.-As axudas concedidas pola Consellería de Economía e Industria para apoiar grandes investimentos empresariais en Galicia medraron nun 18,7% en 2010, ao pasar de 76,6 millóns de euros en 2009 a 91 millóns no pasado exercicio. Os investimentos totais inducidos polos proxectos presentados no Igape o pasado ano, mediante os diferentes programas, medraron nun 43% ata superar os 1.200 millóns de euros.
Nunha comparecencia para informar sobre os indicadores de xestión do Igape no pasado exercicio, Javier Guerra destacou estes datos como mostra da reactivación dos investimentos en Galicia. O conselleiro salientou tamén o incremento das solicitudes de apoio á internacionalización aprobadas, un 209% máis, e o cumprimento dos obxectivos de axilización administrativa previstos no Plan re-Forza 2010, que permitiu reducir practicamente á metade os tempos de resolución das axudas e ata 45 días o prazo de pago das solicitudes de cobro.
Segundo Javier Guerra, a Consellería de Economía e Industria cumpriu todos os obxectivos estratéxicos do plan re-Forza 2010: avanzar de xeito significativo na internacionalización das empresas; incrementar os apoios ao investimento e a competitividade empresarial; facilitar o acceso ao financiamento de circulante, especialmente para as pemes; e avanzar na eficiencia administrativa coa resolución e pagamento máis áxil das axudas concedidas.No ámbito da internacionalización, as axudas concedidas polo Igape medraron nun 162%, ao pasar de 3,9 millóns de euros en 2009 a 8,3 millóns o pasado ano. O incremento referido ao número de solicitudes aprobadas durante o ano pasado aínda foi maior, do 209%, ao pasar de 337 en 2009 a 1.043 en 2010. Segundo o conselleiro, as cifras veñen poñer de manifesto que o empresariado galego asume como imprescindible o reto da internacionalización e conta co Igape para facerlle fronte.
O conselleiro de Economía e Industria destacou igualmente o incremento dos apoios aos grandes investimentos empresariais. Os investimentos totais inducidos polos proxectos presentados no Igape en 2010, mediante os diferentes programas, medraron nun 43% ata superar os 1.200 millóns de euros.
Máis investimentos na Galicia interior
Por outra banda, Javier Guerra destacou que o incremento dos investimentos empresariais aprobados en 2010 é especialmente destacable nas provincias de Lugo e Ourense, ao amparo dos respectivos plans Impulsa. O número de proxectos de grandes investimentos apoiados polo Igape nestas zonas pasou de 8 a 22 (+175%); o investimento proxectado que se aprobou en 2010 roldou os 95 millóns de euros, fronte aos 10,3 millóns de 2009 (+822%); e as subvencións a fondo perdido concedidas para apoiar estes grandes investimentos acadaron os 12,25 millóns de euros, un 625% máis que en 2009.
Deste xeito, o peso relativo que as provincias do interior acadaron respecto ao total de Galicia medrou de xeito exponencial, tendo en conta os proxectos aprobados ao abeiro da base para grandes investimentos do Igape: só o 8% dos investimentos aprobados en 2009 corresponderon ás provincias de Lugo e Ourense, porcentaxe que pasou a ser do 53% en 2010; a progresión foi semellante en canto á subvención concedida: de ser o 11% en 2009 pasou a supoñer o 47% do total de Galicia en 2010.
Máis avais para Pemes
O titular de Economía e Industria salientou igualmente o incremento dos apoios mediante garantías para facilitar o acceso das empresas galegas, especialmente as pequenas e medianas, ao circulante que precisan. Grazas á posta en marcha dos programas re-Solve+ e re-Brote, o Igape aprobou durante 2010 máis de 1.500 operacións de aval, fronte ás 99 de 2009; as 1.500 operacións aprobadas permitiron manter 16.000 empregos nas empresas beneficiarias.
O importe medio por operación descendeu de 1,3 millóns de euros a 60.278 euros, favorecendo especialmente ó acceso das pequenas empresas galegas ao financiamento. Tamén se reduciu a porcentaxe de aval público por operación, que pasa do 56% ao 48%, diversificando así o risco asumido pola Xunta sobre unha base máis ampla de sociedades. Con todo, o importe total dos avais aprobados no bienio 2009/10 medrou nun 60% con respecto aos dous anos anteriores, 2007/08.
O conselleiro salientou, por outra banda, o incremento das solicitudes aprobadas para apoiar a mellora da competitividade ao abeiro do programa Innoempresa, un 281% máis. Do mesmo xeito, Javier Guerra destacou que os investimentos de Pemes, microempresas e emprendedores apoiados ao amparo do programa re-imaXina medraron nun 415%, logo de aprobarse 541 solicitudes, un 281% máis.
Axilización administrativa
Outro dos avances de xestión que destacou o conselleiro de Economía e Industria foi o referido á axilización da tramitación administrativa. O tempo medio de resolución das axudas en estudo pasou de 176 días en 2008 a 130 en 2009 e a 72 en 2010. A axilización foi aínda máis significativa en canto aos pagamentos; segundo indicou, os tempos de pago das solicitudes de cobro pasaron de 204 días en 2008 a 128 en 2009 e a só 45 días en 2010, segundo o noso compromiso no marco do plan re-Forza. Os prazos reducíronse nun 65% en 2010 con respecto a 2009. Guerra Fernández asegurou que o Igape aínda vai mellor eses prazos, de xeito que se propón baixar ata 30 días os tempos de pago das solicitudes de cobro en 2011. |
|
| Last Updated ( Tuesday, 01 February 2011 ) |


Segundo Javier Guerra, a Consellería de Economía e Industria cumpriu todos os obxectivos estratéxicos do plan re-Forza 2010: avanzar de xeito significativo na internacionalización das empresas; incrementar os apoios ao investimento e a competitividade empresarial; facilitar o acceso ao financiamento de circulante, especialmente para as pemes; e avanzar na eficiencia administrativa coa resolución e pagamento máis áxil das axudas concedidas.