| Javier Guerra e José Ayala reforzan a colaboración de Igape e ICO para apoiar ás empresas galegas |
|
|
O conselleiro de Economía e Industria destacou que a colaboración Igape-Ico fixo posible que máis de 500 empresas obtivesen nos últimos quince meses préstamos con xuros preferentes por importe de máis de 72 millóns de euros. O encontro entre Guerra e Ayala permitiu afondar no establecemento de mecanismos de coordinación para activar iniciativas de apoio ao financiamento, a mellora da competitividade e a internacionalización do tecido empresarial galego.
Santiago, 12 de abril de 2010,- Afondar no reforzamento e ampliación das vías de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e o Instituto de Crédito Oficial (ICO), para apoiar o financiamento, a mellora da competitividade e a internacionalización do tecido empresarial galego, foi o obxectivo fundamental do encontro que mantiveron hoxe en Santiago o Conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, e o presidente do Instituto de Crédito Oficial (ICO), José María Ayala.
Durante este encontro, Guerra e Ayala exploraron posibilidades de cooperación no deseño e posta en marcha de novas liñas que complementen aos programas propios do Igape para facilitar ás empresas galegas a mellor cobertura das súas necesidades de acceso ao financiamento.
Entre outros asuntos, Guerra e Ayala avaliaron a posibilidade de colaborar nun novo marco de apoio a través do que o Igape xunto co ICO poidan apoiar de modo conxunto accións de financiamento en condicións preferentes, para respaldar proxectos e investimentos das empresas galegas, unha vía que o Igape xa está a impulsar directamente, mediante os seus programas re-imaXina e o novo programa re-Emprende, no caso dos investimentos, e re-Solve e re-Brote, para facilitar o financiamento do capital circulante.
Neste renovado marco de colaboración tamén se avaliará o apoio coordinado para iniciativas empresariais orientadas á mellora da competitividade ou á internacionalización das empresas, de acordo cos obxectivos estratéxicos contemplados polo Igape no plan re-Forza 2010. Neste sentido, Javier Guerra salientou que, a través das novas bases de apoio que se están a publicar, o Igape está incorporando a posibilidade de prefinanciamento de proxectos mediante a entrega de anticipos, do 50% e sen requirir aval, sobre as subvencións concedidas.
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra valorou a sinatura deste convenio como unha vía para reforzar a dinámica de colaboración entre o Igape e o ICO, que fixo posible que, durante os últimos quince meses, se aprobasen 555 solicitudes de financiamento empresarial que permitiron mobilizar préstamos subsidiados que superaron os 72 millóns de euros para apoiar investimentos de empresas galegas que superaron os 103 millóns.
O Igape e o ICO veñen colaborando para facilitar aos emprendedores e ás empresas galegas o acceso ao financiamento que precisen para realizar investimentos en Galicia ou para acometer iniciativas de expansión internacional. No marco dos programas dos que dispón o Instituto de Crédito Oficial a nivel nacional, o Instituto dependente da Consellería de Economía e Industria veu subvencionando, a través do Igape, unha porcentaxe dos xuros resultantes para facer máis accesible o financiamento.
A partir deste ano, e no marco de novos convenios que se subscriban a partir do acordo marco de colaboración asinado hoxe, o Igape avaliará a posibilidade de colaborar co ICO para mellorar as condicións dalgunhas das liñas que habilitou o instituto estatal, entre as que cómpre destacar as centradas no apoio ao investimento nacional, ao investimento internacional ou ás iniciativas de emprendedores.
Ademais, ao abeiro deste marco de colaboración xeral, o Igape avaliará a posibilidade de ampliar a colaboración co ICO para apoiar iniciativas de carácter medioambiental, social ou vinculadas ao coñecemento e a innovación. Neste sentido, valorarase tamén a posibilidade de intensificar a coordinación para apoiar proxectos que impliquen innovación tecnolóxica, protección do medio ambiente, mellora da competitividade empresarial, internacionalización ou investimentos en sectores estratéxicos para a economía de Galicia. |


