Keramat deseña e produce materiais cerámicos innovadores para aplicacións médicas PDF

ImageO Igape apoiou a posta en marcha da única peme española no sector do deseño e a fabricación de materiais cerámicos para mediciña. A firma, ubicada no concello de Ames, afronta agora o reto da internacionalización e manexa unha previsión de crecemento do 15% anual.

 
Santiago, 3 de abril de 2007.-Sete anos leva Keramat de loita contra xigantes. Mantén a pugna desde Ames, no área metropolitana de Santiago, nunha aposta pola innovación no deseño e fabricación de materiais cerámicos para empregar, sobre todo, nos campos da neurociruxía, a traumatoloxía e a odontoloxía. Loita porque non queda só na investigación senón que tamén comercializan eses resultados, e iso son palabras maiores. Unha empresa do tamaño de Keramat teno complicado e igual por iso é a única peme do seu ámbito en España, pero os seus impulsores saben tamén que teñen as súas oportunidades.
 
 “Os nosos competidores chegan ao noso mercado desde Estados Unidos, Francia ou Alemaña porque ademais ninguén en España que non sexamos nós ofrece materiais biocerámicos para aplicación veterinaria ou médica”, matiza Miguel Anxo Souto, un dos promotores da firma. E aclara que se trata dun campo complicado no que parten con vantaxe porque, máis aló da constitución da empresa en 1999, o núcleo de Keramat xa traballaba neste sector desde hai quince anos. “Temos capacidade para transferir os coñecementos neste tipo de materiais cara a un proxecto empresarial”, asegura. Igual por iso atoparon apoios para crecer. Un acordo coa Universidade de Santiago de Compostela outórgalles a primeira opción para comercializar toda a tecnoloxía de biomateriales que xurda do Instituto de Cerámica de Galicia, dependente da entidade docente. A cambio a universidade obtén unha porcentaxe das vendas logradas pola comercialización deses produtos.

 

ImageTamén a administración autonómica cre en Keramat. “Non nos podemos queixar das axudas que recibimos tanto do Igape como da Dirección Xeral de I+D+i, pero todo o que obteñamos non é suficiente porque o I+D sanitario é moi caro”, explica Miguel Anxo Souto. Porque non deixan de ser unha peme e hai quen lles mira, por iso, con desconfianza. “Somos pequenos, non nos coñecen, non temos o nome doutros, pero ofrecemos un produto de calidade”. E ata se animan a xogar en terreo alleo porque ao longo deste exercicio queren aumentar as súas vendas fóra de España.
 
 Investigación e promoción
 
 Non é un brinde ao sol senón o froito dunha planificación. “Cando decidimos montar a empresa –lembra Souto- tiñamos as cousas claras. É certo que che atopas con dificultades que non esperas, pero sabiamos que Keramat era unha carreira de longo percorrido e fomos queimando etapas: en primeiro lugar desenvolvemos unha planta piloto, logo obtivemos a licenza para poder vender os nosos produtos, lanzámonos ao mercado galego e logo buscamos socios estratéxicos para chegar primeiro ao mercado nacional e despois ao internacional. Estamos nunha fase expansiva na que lanzaremos novos produtos para chegar a novos mercados e afrontar o reto da internacionalización”, informa.
 
 As previsións apuntan a que o crecemento sexa exponencial. “Este ano estaremos ao redor dos 250.000 euros de facturación, pero en base á expansión que planificamos creceremos nos próximos exercicios sobre un 15% anual”, explicaMiguel Anxo Souto. Saben cal é a receita para conseguilo, indica: “Márketing e investigación. No sector que nos movemos é vital dedicar recursos a I+D e a promocionarche. A parte comercial mestúrase coa científica. Temos que investir máis diñeiro en que nos coñezan”.
Última actualización ( 28/05/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design